
O nunca visto
Como consecuencia do cese da persoa directora do colexio de educación infantil e primaria do CEIP de Paradai (Lugo), producíronse unha serie de actuacións irregulares nunca vistas por parte do inspector de educación no proceso de nomeamento accidental da
Acto seguido, o inspector Miguel Callón Fernández cita as candidatas para que, por separado, acudan ao seu despacho, onde rexeita unha delas porque non lle gusta o profesorado que esta propón para constituír o equipo directivo.
O día 10 de xuño, o inspector chama á actual xefa de estudos para que, ás 14:00 horas, reúna o profesorado (só o que no próximo curso continúe no centro) e para que teña preparada una urna, sen darlle ningún tipo de explicacións ao respecto.
Chegado ese día, entrégalles as papeletas cos nomes de dúas das profesoras candidatas, (descartada, claro está, a mencionada anteriormente) para que elixan unha delas, advertíndolles que a dita votación non era vinculante.
O profesorado, perplexo, vota e, ao rematar, o señor Miguel Callón, inspector de Educación, recolle as papeletas e gárdaas na súa carteira, dicíndolles que xa lles comunicaría por correo electrónico o resultado. Ante as protestas do profesorado por esta insólita actitude e a petición de que se abrisen as papeletas na súa presenza, o señor Miguel Callón diríxese a eles para preguntarlles se non se fiaban del. Como a resposta foi que non, viuse obrigado a abrir as papeletas, que, agás unha, estaban todas en branco.
Ante esta insólita e ditatorial actuación do inspector Miguel Callón Fernández, a CIG-Ensino quere manifestar o seguinte:
- O procedemento para nomear as direccións dos centros, con carácter accidental, vén estabelecido no Decreto 29/2007, do 8 de marzo, polo que se regula a selección, nomeamento e cesamento dos directores e directoras dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, que no apartado 2 do artigo 17º Nomeamento accidental da dirección recolle o seguinte: “Nos supostos de que se produza o cesamento da dirección durante o curso escolar o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, oído o claustro de profesores e o consello escolar, realizará nomeamento accidental da dirección, ata o 30 de xuño do ano que proceda, incluíndose a vacante no próximo concurso de méritos que se convoque.
- É obvio que a actuación do dito inspector non se axustou en absoluto, nin no fondo nin na forma, ao procedemento estabelecido na normativa vixente, que estabelece claramente os criterios a seguir, xa que todo indica que os primeiros pasos dados ían encamiñados a nomear “a dedo” a unha concelleira do Partido Popular nun concello próximo a Lugo capital, en comisión de servizos por tal motivo no centro neste curso.
- Estamos ante uns feitos e actuacións nepotistas, insólitas e irregulares que máis ben pertencen a épocas pretéritas, moi pretéritas, e absolutamente impropias dunha persoa que desempeña o cargo e a responsabilidade de inspector de Educación.
En consecuencia, A CIG-Ensino, ante a gravidade dos feitos acontecidos debido a actuación do inspector, exíxelle á Consellaría de Educación que se lle abra un expediente ao inspector pola súa actuación inaceptábel e antidemocrática.