O Ministerio tan só concreta o horizonte temporal da limitación do horario lectivo máximo semanal pero non así a redución de ratios que é unha proposta insuficiente

A CIG-Ensino lamenta a lentitude das negociacións para a mellora das condicións laborais docentes e insta á Xunta a aplicar xa as medidas nas que ten plenas competencias (horario, ratios e desburocratización)

O sindicato maioritario no ensino público galego instou ao Ministerio a eliminar do texto sobre o horario lectivo a "excepcionalidade" de poder chegar ás 21 horas se se compensan con redución das horas complementarias e a seguir avanzando en cuestións como a reforma no ingreso á docencia.

Esta mañá tivo lugar unha nova reunión do grupo de traballo 4 conformado polo Ministerio de Educación coas organizacións sindicais, entre as que está a CIG-Ensino, para abordar as condicións de traballo docentes. Por vez primeira presentou documentación concreta para a súa negociación: un borrador do Anteproxecto de Lei anunciado polo presidente Pedro Sánchez no que se recolle a blindaxe do horario lectivo máximo semanal a partir do curso que vén e un documento de traballo sobre a redución de ratios en diferentes etapas educativas que tamén será incorporado a esa norma. A CIG-Ensino celebrou que por fin se coñezan estas medidas pero lamentou que xa leve transcorrida máis da metade da que ía ser, segundo a ministra Pilar Alegría, “a lexislatura do profesorado” sen ningún avance e tamén amosou a súa preocupación pola dilatación que poida supor a súa tramitación parlamentaria, polo que se reafirma en que sexa a Xunta de Galiza a que aplique de forma inmediata as medidas que teñen a ver coa recuperación do horario lectivo, a redución de ratios en todas as etapas e a desburocratización do traballo docente.

O Ministerio de Educación presentou hoxe o borrador do Anteproxecto de Lei polo que se modifica a Lei 4/2019, de 7 de marzo, de mellora das condicións para o desempeño da docencia e o ensino no ámbito da educación non universitaria no que ten a ver co texto que obrigará ás administracións autonómicas a axustarse ao límite horario semanal que na normativa do ano 2019 era só unha recomendación. Así, no texto proposto dise que a parte lectiva da xornada semanal do persoal docente que imparte as ensinanzas reguladas na LOE en centros públicos será, con carácter xeral e sen prexuízo da súa posíbel redución polas administracións educativas, de:

  • 23 horas nos centros de Educación Infantil, Primaria e Especial.
  • 18 horas nos centros que impartan o resto das ensinanzas de réxime xeral reguladas pola citada lei orgánica.

Con carácter excepcional, cando a distribución horaria do centro o requira, as horas lectivas impartidas poderán superar o número estabelecido con carácter xeral, podendo acadar as 21 horas. Nestes casos, a parte do horario que exceda das 18 horas compensarase a razón de dúas horas complementarias por cada período lectivo que as supere.

Aos efectos previstos neste apartado, aínda cando os períodos lectivos impartidos teñan unha duración inferior a 60 minutos terán a consideración de hora lectiva. 

Ligazón ao documento

Na súa intervención, a secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, amosou a súa satisfacción porque o texto recolla que “este é o tope semanal e que se blinde que se trata de sesións e non de horas de 60 minutos para evitar manobras neste sentido por parte da Consellaría de Educación”. Este tope é especialmente relevante porque nada impide que a Xunta devolva as 21 horas máximas que tiveron os mestras e mestres antes dos recortes de Feijóo no ano 2011, tal e como demanda a CIG-Ensino, e que a recuperación das 18 horas se faga de forma inmediata para o resto de ensinanzas, un dos motivos que a levou a convocar unha folga para este xoves, 25 de setembro. Co que si non se amosou de acordo a responsábel do sindicato maioritario no ensino público galego é con que se introduza esa “excepcionalidade de poder chegar até as 21” que xa incorporan outras comunidades autónomas nestes intres “e que fai que na práctica si se poidan superar as 18 horas”. 

A respecto da entrada en vigor desta medida o subsecretario de Educación, FP e Deportes, Santiago Roura, insistiu en que se aplicaría desde setembro de 2026 e que “as administracións autonómicas teñen máis músculo económico ca nunca derivado dos fondos que lles transmite o Ministerio”. Aínda que no texto se estabelece este calendario, a CIG-Ensino amosou a súa preocupación por todos os trámites que ten que atravesar o Anteproxecto de Lei antes da súa aprobación polo Consello de Ministros e Ministras e sobre todo pola tramitación parlamentaria posterior debido á aritmética necesaria para a súa aprobación do Congreso e no Senado. Os responsábeis ministeriais amosáronse optimistas con que dea tempo suficiente para a súa implantación o próximo curso.

Documento de traballo para a baixada de ratios

Ligazón ao documento

En relación coa redución de ratios o Ministerio presentou un documento de traballo baseado en catro liñas de actuación e sen calendarización concreta, aínda que xa avanzou que o único alumnado que computará a maiores dentro dunha aula será o NEE e non o NEAE porque “senón sería inviábel de aplicar esta medida”.

As catro liñas de actuación, que tamén aclarou Roura “non terán por que implantarse á vez” converxen en:

- Unha baixada de ratios “moderada e xeralizada” en todas as etapas contempladas na LOE que pode estabelecerse segundo a negociación en termos absolutos ou en porcentaxes. Neste sentido, o subscretario de Educación descartou unha baixada que denominou “drástica” por cuestións organizativas dos centros “non só de dotación de persoal senón de espazo físico necesario para crear novas unidades”.

- O cómputo do alumnado NEE de forma diferenciada ao resto de estudantado, tamén por determinar na negociación mediante que fórmula (como 1,5, dous..)

- Baixada de ratios selectiva en centros nos que o estudantado teña unhas condicións socioeconómicas peores nas etapas de Primaria, ESO, FP básica e Ciclos Medios. Para iso avanzou que o Ministerio está traballando nun índice de vulnerabilidade socioecónomica que medirá, entre outras cuestións, taxas de titulación, promoción e abandono escolar, datos de vulnerabilidade urbana... Neste sentido, a responsábel da CIG-Ensino pediu que se teña en conta tamén a dispersión xeográfica e a realidade da escola rural en Galiza, “dado que por cuestións pedagóxicas e de desenvolvemento persoal non é positivo ter moi pouco alumnado agrupado en 6 niveis distintos, como acontece no noso país”, indicou.

- Baixada de ratios na transición entre etapas educativa: 5º e 6º de Primaria, 1º e 2º da ESO, Formación Profesional Básica e Bacharelato tamén de forma selectiva en centros que se determinen para tal fin.

Neste punto o único que aparece de temporalización no documento de negociación do Ministerio é que “as intervencións sobre ratios poderían comezar a aplicarse na súa primeira fase a partir do curso 2026-27”, algo que para a CIG-Ensino é claramente insuficiente aínda que se trate de normativa básica do Estado e que as comunidades autónomas, como a galega, que teñen plenas competencias para acometer esta redución o fagan desde setembro próximo en todas as etapas e ensinanzas.

Sen posibilidade de analizar o documento con detemento, que foi entregado no medio da reunión, Arroxo amosou a súa desconformidade con que non se teña en conta todo o alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo e só o de Necesidades Educativas Especiais para o cómputo que se faga dentro da ratio máxima dunha aula e incidiu en que a valoración debe corresponderlle aos equipos de orientación. Tamén se amosou moi crítica coas estatísticas que se publican de ratios medias de docente por estudantes por non ser rigorosas nin cribles, como a media galega de 9,9. “A realidade é ben distinta e sobre todo en secundaria onde se supera amplamente o feito de que un ou unha docente teña máis de 100 alumnos/as”, indicou á vez que lembrou a petición da CIG en anteriores grupos de traballo sobre a fixación dos requisitos mínimos dos centros para dotalos con persoal para atender á diversidade (exemplo: número de estudantes por cada praza de orientación ou número de estudantes con NEE ou NEAE para contar con especialistas en Pedagoxía Terapéutica ou Audición e Linguaxe...)

Sobre a desburocratización o único que concretou o representante ministerial foi o fomento da utilización da Intelixencia Artificial para que o profesorado poida realizar tarefas que non o distraian da docencia e do “factor humano”. A preguntas da CIG-Ensino sobre cando se coñecerá o avance noutros grupos de traballo como o que ten que ver coa reforma do ingreso na función pública docente, Santiago Roura respondeu que están traballando coas Facultades de Educación na formación inicial do novo profesorado e tamén no sistema de acceso.

Nova reunión e horizonte temporal

O Ministerio marcou como data para recibir achegas das organizacións sindicais a vindeira semana e fixou para o día 9 de outubro outra reunión de traballo. Porén, na súa intervención o subsecretario de Educación deixou claro que no caso das ratios a aplicación será a medio-longo prazo aínda que se referiu ao horizonte da fin da lexislatura en 2027 “para deixar sentadas as bases da que debe ser a lexislatura do profesorado”.

CIG

A CIG-Ensino publica os dous borradores dos documentos entregados hoxe para que o profesorado galego faga as achegas que considera oportunas antes do remate deste mes a través do correo galiza@cig-ensino.gal

 

 

Volver