O Ministerio responde á CIG-Ensino: “non é obxectivo inmediato integrar todo o profesorado no subgrupo A1”

A resposta do MEFP chega en resposta á campaña de sinaturas realizada polo sindicato en Galiza e pecha a porta a dar sentido á política de persoal no que resta de lexislatura

A finais do curso pasado a CIG-Ensino remitiu unha carta á ministra de Educación acompañando as 7.366 sinaturas recollidas en escasos días previos ao peche do curso escolar pasado entre profesorado do actual subgrupo A2 (mestres e mestras de infantil e primaria, profesorado técnico de FP que non se integrará no corpo de PES e mestres e mestras de taller de artes plásticas).

Nunha carta remitida polo secretario xeral técnico do Ministerio de Educación e Formación Profesional ao secretario nacional da CIG-Ensino, o alto representante ministerial deu resposta á demanda sindical indicando literalmente que “si bien semejante finalidad [a integración xeral no subgrupo A1] no puede descartarse en un futuro, actualmente no conforma un objetivo inmediato de la política de personal docente del Ministerio”.

Na carta, arguméntase que “no parece lo más acertado proceder directamente a acometer un proceso tan relevante como el que plantea en su carta”  nun momento que o Ministerio considera que estaría aberto “un debate amplio sobre el futuro de la función docente”, en relación ao documento “24 propuestas para la mejora de la función docente”, un texto do que nada máis se soubo desde a presentación dun powerpoint por anteriores altos cargos do MEFP.

A CIG-Ensino nega que exista ningún debate amplo e insta a dar resposta ao clamor do profesorado do actual A2

Para a a CIG-Ensino é lamentábel que se pretende esconder a demanda histórica do profesorado do subgrupo A2 detrás dun debate totalmente inexistente e que se impida a negociación da integración xeral de todo o profesorado no nivel superior A1 para a súa aprobación antes de que remate esta lexislatura.

O sindicato considera un desplante ás lexítimas demandas de miles de docentes en todo o Estado (cun total aproximado de 270.000 persoas, das que a inmensa maioría son do corpo de mestres, ao redor de 260.000, e dos que en Galiza roldan os 14.000).

A CIG-Ensino comprométese, sexa cal sexa a resposta final do MEFP,  a manter viva esta esixencia e anima aos sindicatos estatais a que acompañen esta campaña sindical e dean un paso adiante na demanda conxunta desta reivindicación profesional. 

A contradición nun mesmo goberno

Mentres a ministra de Educación, Pilar Alegría, pecha a porta a esta posíbel mellora de clasificación profesional e salarial, a ministra de Facenda e responsábel de Función Pública, María Jesús Montero, segundo informacións recollidas pola prensa, tería amosado a súa predisposición ”absoluta” a negociar o paso ao subgrupo A1 do colectivo de persoal de enfermaría da sanidade pública (actualmente no A2).

A CIG-Ensino demanda da ministra de Educación unha rectificación na súa negativa a negociar o paso ao subgrupo A1 de todo o profesorado e a apertura dun proceso de negociación áxil que poida permitir que, no ano que resta da actual lexislatura, se poidan facer os cambios normativos posíbeis, no marco dun deseño de carreira profesional que mellore a actual, permitindo tamén a clasificación nun nivel superior do profesorado de secundaria e ensinanzas de réxime especial.

 

 

Volver