O Ministerio de Educación remite aos sindicatos os borradores dos novos Reais Decretos de FP
Convocada Mesa Docente estatal para a “revisión” duns documentos que a CIG-Ensino afeou que non se coñeceran aínda
Na Mesa Docente do 9 de maio a CIG-Ensino criticou que se estivese a actuar tarde, mal e arrastro no desenvolvemento dos novos currículos dos diferentes títulos de FP. O Ministerio comprometeuse a darnos información, ao máis tardar, no mes de xuño.
Finalmente, tan só 24 horas despois, vimos de recibir unha convocatoria na que se nos indica que haberá unha reunión por videoconferencia, de carácter extraordinario, para a “revisión dos Reais Decretos que modifican os Reais Decretos polos que se estabelecen títulos de Formación Profesional de Grao Básico, de Grao Medio, de Grao Superior e de Cursos de Especialización, e se fixan as súa ensinanzas mínimas.
Todo indica, por tanto, que non estamos diante de ningunha negociación e que tan só se nos darán explicacións sobre o seu contido e a súa tramitación.
A CIG-Ensino considera que, tanto o goberno español como o galego, están a traballar cun elevado nivel de opacidade de cara á representación legal do profesorado e que, máis alá do retraso que implica que esteamos no mes de maio sen ter publicados os textos definitivos, aínda é máis grave que (e nisto actúan por igual a Consellaría e o Ministerio) non se teña aberto un debate e unha negociación a fondo, especialmente nos temas que atinxen ás condicións de traballo do profesorado de FP.
Accede aos documentos nas seguintes ligazóns: