O Ministerio de Educación convoca Mesa Docente para presentar a reforma da profesión docente

A reunión terá lugar o xoves 27 de xaneiro

A LOMLOE fixou, na disposición adicional sétima, o prazo dun ano para que o Goberno presentase unha proposta normativa que regule, entre outros aspectos, a formación inicial e permanente, o acceso e o desenvolvemento profesional docente.

O Ministerio vén de remitir unha convocatoria de Mesa Docente para a presentación e entrega do primeiro documento para o inicio do debate sobre a reforma da profesión docente, sen enviar previamente ningún borrador.

Na Mesa, a CIG-Ensino proporá que se convoque novamente unha reunión da Mesa para tratar sobre a modificación do RD 276/2007, no caso de que o Ministerio teña pensado introducir algún cambio sobre o texto remitido o pasado 29 de decembro, logo de que se nos comunicase por parte de responsábeis ministeriais que non tiñan intención de convocar de novo nin ás organizacións sindicais nin ás comunidades autónomas. O sindicato demanda igualmente que a Consellaría solicite unha nova reunión se, tal e como afirmou na Mesa Sectorial, considera que existen dúbidas legais sobre o borrador actual.

Como xa lle trasladamos ao máximo responsábel do Ministerio nas negociacións, consideramos que xa se pode avanzar na negociación da integración do profesorado do corpo de PTFP e así poder ter avanzado o texto final cando se aprobe no Senado a Lei Orgánica de FP, evitando máis demora da xa existente.

A CIG-Ensino velará porque calquera proposta que se pretenda facer para o futuro do desempeño da función docente teña un carácter de mínimos que non limite nin coarte os dereitos do profesorado galego, respectando o marco de negociación galego e a mellora das nosas condicións de traballo.

Volver