O Ministerio dá por rematada a negociación das ratios nas ensinanzas non obrigatorias e aprobará por RD que o alumnado NEE compute como dobre o próximo curso en todas as etapas

Na Mesa Sectorial docente do Estado a CIG-Ensino criticou que non se concretara a promesa de que esta ía ser a “lexislatura do profesorado” e que medidas como a redución das ratios en primaria e secundaria e a baixada do horario lectivo queden sen aprobar

A baixada de ratios afectará, polo tanto, ao primeiro e segundo ciclo de infantil, que comezaría o vindeiro curso de forma progresiva, e ao bacharelato e FP básica que, sen embargo, atrasaríase até o curso 29/30. A CIG-Ensino solicitou maior celeridade nestas medidas, solicitou ademais que o alumnado NEAE tamén compute como dobre e lamentou que non se tivera avanzado nestes anos na reforma do acceso á función pública docente.

Onte celebrouse a última Mesa sectorial docente do Ministerio desta lexislatura para negociar tres proxectos de RD que o goberno quere aprobar antes das eleccións do 29 de novembro porque xa non o podería facer en funcións. O máis destacábel é o que modifica o Real decreto 132/2010, do 12 de febreiro, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan as ensinanzas do segundo ciclo da educación infantil, a educación primaria e a educación secundaria, e o Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de Formación Profesional.  No caso do RD dos requisitos mínimos dos centros o Ministerio aproveitou para modificar as ratios das ensinanzas non obrigatorias (primeiro e segundo ciclo de infantil e bacharelato) e no RD de FP as ratios da FP básica. Porén, os responsábeis ministeriais explicaron que non podían introducir ningunha cuestión relativa ás ensinanzas obrigatorias (Primaria e Secundaria) porque estas só poden modificarse por unha norma con rango de Lei e que, ao disolverse as Cortes xerais, acaba de decaer o proxecto de Lei que pretendía modificar as ratios destas etapas, así como a redución do horario lectivo para os corpos docentes de mestras, secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial.

Así as cousas, o que pretende aprobar o Ministerio pola vía de urxencia no próximo mes con este RD sería o seguinte:

  • Primeiro ciclo de Infantil (relación numérica máxima alumnado/docente):

- 0 a 1 ano: 4

- 1 a 2 anos: 6:

- 2 a 3 anos: 8

Aplicación desde o curso 27/28 de forma progresiva até completarse ao inicio do curso 29/30.

  • Segundo ciclo de Infantil: 20 estudantes por unidade escolar

Aplicación desde o curso 27/28 de forma progresiva até completarse ao inicio do curso 29/30.

  • Bacharelato: 30 estudantes por unidade escolar

Aplicación desde o curso 29/30 de forma progresiva até completarse ao inicio do curso 30/31.

  • Ciclos de FP básica: 15 estudantes por docente

Aplicación no curso no curso 29/30 de forma progresiva até completarse ao inicio do curso 30/31.

  • Cómputo dobre do alumnado con necesidades educativas especiais a efectos da determinación da ratio máxima en aulas ordinarias nas distintas etapas educativas desde o vindeiro curso 2027/2028.

Valoración da CIG-Ensino

Na súa intervención, a secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo fixo unha reflexión crítica sobre que a suposta “lexislatura do profesorado” remate sen ningunha mellora real nas súas condicións laborais ao non poder aprobarse a Lei que prevía a baixada do horario lectivo e das ratios en primaria e secundaria, as etapas que concentran o maior número de alumnado escolarizado. Ademais, lamentou que non dera tempo sequera a comezar os traballos para reformar o acceso á función docente que seguirá rexéndose por un Decreto de hai vinte anos e por temarios de máis de 30 e que non se puideran abordar outras cuestións como a creación dun único corpo docente enmarcado no grupo A1.

Porén, a CIG-Ensino cualificou como positivas algunhas das medidas que recolle este proxecto de RD, nomeadamente as novas ratios no primeiro ciclo de Educación Infantil e da FP básica e o cómputo do alumnado NEE como dobre en todas as etapas, “sen necesidade de que teña recoñecemento de discapacidade ou dependencia”, como aclararon os responsábeis ministeriais na reunión. Con todo, animou ao Ministerio a “ser máis ambicioso” tanto nas ratios do segundo ciclo de infantil (a proposta da CIG-Ensino é de 15), como de Bacharaleto (cunha proposta de 25), así como na calendarización destas medidas, comezando xa o vindeiro curso en todas as etapas. Neste sentido rexeitou que se introducira unha disposición adicional que deixe a porta aberta a introducir excepcionalidades nestas ratios máximas, “porque pode levar ao seu incumprimento”. Arrroxo volveu insistir na necesidade de fixar a limitación máxima de 20 estudantes por aula en Primaria e 25 en Secundaria, aínda que entende as limitacións normativas que existen para a súa aprobación, e insistiu tamén en que debera incorporarse o alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo no cómputo como dobre en todas as etapas a partir do vindeiro curso. Aínda no apartado das ratios, a responsábel da CIG-Ensino propuxo que se incorporen outras relacións numéricas de alumnado por docente, como a do persoal orientador e a do persoal especialista de PT e AL.

No que ten a ver coa escola rural, a CIG-Ensino valorou positivamente que se introduzan criterios cualitativos para decidir a continuidade dos centros nestas contornas, que se permita adaptar as ratios alumnado/docente e o número máximo de alumnado por unidade ás peculiaridades da zona e que se garantan recursos humanos suficientes, conectividade e medios dixitais que favorezan a equidade, pero reclamou que se fixen ratios máximas para as aulas mixtas, e que a adaptación prevista no RD sexa sempre para reducilas, nunca para aumentalas.

Xa por último, no apartado dos requisitos mínimos dos centros o sindicato galego valorou que se incorporen a climatización e os protocolos ante temperaturas extremas pero cualificou de insuficientes outras medidas, solicitando que se inclúan espazos exteriores naturais de dimensións suficientes e acondicionados para o seu uso durante todo o curso escolar ou que os protocolos climáticos non recaian nos centros “no marco de súa autonomía» cun simple asesoramento. Esta competencia debe ser da administración e acompañarse de investimentos e recursos.

RD sobre as especialidades docentes das linguas non oficiais con protección legal

Outro dos RD que pretende aprobar o goberno antes das eleccións é para modificar as especialidades dos corpos docentes en relación coas linguas non oficiais que gocen de protección legal nas comunidades autónomas. Neste aspecto, a CIG-Ensino valorou esta norma positivamente e aproveitou para lembrar que o galego tamén se fala en territorios nos que non é oficial: franxa occidental de Asturias, O Bierzo e Sanabria, e o Val de Xálima en Estremadura polo que esta norma “debe servir para que esas comunidades creen especialidades que garantan o ensino da nosa lingua, con profesorado especialista, ao alumnado desas zonas”. Así mesmo, lembrou que é preciso garantir os dereitos das linguas oficias propias de cada territorio no sistema educativo en clara referencia ás políticas da Xunta que o que fan é reducir a presenza do galego nas aulas.

Volver