O Ministerio dá por pechado o grupo de traballo sobre ratios e horarios e empraza ás organizacións sindicais a unha última negociación na Mesa Sectorial

Atendendo as demandas da CIG-Ensino, o subsecretario de Educación, Santiago Roura, comprometeuse a abrir a negociación sobre o sistema de ingreso na función pública docente.

Mantense a excepcionalidade de poder chegar a 20 períodos lectivos semanais en secundaria que a CIG-Ensino interpreta que en Galiza serían 19 de máximo e incorpórase unha salvagarda para que as administracións doten os centros de todo o persoal que lles correspondería cando non sexa imposíbel desdobrar. Isto supón unha mellora a respecto do “Acordo de renuncias” dado que un centro de primaria que pase de liña, ademais da titoría podería ter algún especialista a maiores.  Con todo, a CIG-Ensino reiterou que esta excepcionalidade só debe estar en vixencia mentres dure a implantación das novas ratios porque neste período os centros deben adecuar espazos ou outras requirimentos para adaptarse ás mesmas.

Rematada a negociación entre o Ministerio e as organizacións sindicais no grupo de traballo 4 sobre Condicións de Desempeño Docente no que ten a ver só coas ratios e co horario lectivo, estas son as principais conclusións para o profesorado galego, de manterse inalterábel a proposta do goberno e aprobarse polas cortes xerais esta lei sen modificacións:

Apenas ningunha concesión sobre a proposta inicial horaria

- O profesorado de infantil, primaria e educación especial terá as mesmas sesións lectivas semanais o vindeiro curso, 23. A proposta da CIG-Ensino era reducilas a 21 pero sendo conscientes de que esta medida se negociara exclusivamente en Galiza no ano 2007 e, polo tanto, que o ámbito de negociación preferente para a súa recuperación ten que ser na Mesa Sectorial galega.

- O profesorado de secundaria e outras ensinanzas terá como norma xeral un máximo de 18 períodos lectivos semanais. O Ministerio baixou de 21 a 20 a excepcionalidade “cando a distribución horaria do departamento de coordinación didáctica o requira”. O feito de que inclúa unha cláusula para compensar por cada hora a maiores das 18 unha rebaixa de dúas horas complementarias fai que en Galiza a Xunta non debería aplicar máis de 19, dado que con 20 non sería posíbel reducir as 4 complementarias. O ministerio non aceptou eliminar esta excepcionalidade como propoñía a CIG-Ensino. Con todo, o sindicato maioritario vixiará que a Consellaría non faga da excepción a norma facendo un labor de fiscalización horaria e denunciando calquera abuso que se produza.

Os cambios no horario lectivo, se finalmente se aproba esta Lei nestes termos, entrarían en vigor desde o vindeiro curso 26/27.

As ratios, un calendario demasiado longo (aínda que menos que o da Xunta)

No que respecta ás ratios a proposta do Ministerio determina que o alumnado con necesidades educativas específicas compute nas distintas etapas como dobre aos efectos do estabelecemento do tope máximo da aula. Esta medida tamén se implantaría desde o vindeiro curso. A CIG-Ensino solicitou que se ampliara esta consideración ao alumnado NEAE e que se incluíran outras medidas relevantes para garantir unha correcta atención á diversidade, como a fixación dunha ratio de persoal orientador por cada 250 estudantes, como recomenda a UNESCO, ou dunha ratio máxima de alumnado NEE e NEAE por cada persoal especialista de PT e AL. Estas propostas non foron aceptadas alegando limitacións orzamentarias e dificultades para negocialas coas administracións autonómicas.

Polo demais, a CIG-Ensino volveu incidir en que era necesario adiantar o calendario de implantación das ratios nas distintas etapas, comezando en todas elas o vindeiro curso e poñendo o foco en que, tal e como prevé o Ministerio a aplicación, en primaria vai ser preciso implantar dous cursos á vez ao final de todo do período cando o lóxico sería comezar antes. Cómpre lembrar que o texto proposto na negociación indica que o último curso de aplicación será o 31/32. No caso do Acordo mal chamado de melloras asinado en Galiza prevíase que o último curso de aplicación das ratios en primaria sería o 32/33 e non se comezaría a negociar a redución na ESO e Bacharelato até o curso 27/28. A proposta do goberno central mellora o panorama que se presentaba a nivel galego pero de forma insuficiente a xuízo da CIG-Ensino e das demandas do ensino público galego, tanto do profesorado como das familias e do alumnado.

Queda polo tanto a seguinte temporalización:

- Curso 27/28: inicio da baixada de ratios nos primeiros cursos de infantil (pendente de regular noutra normativa porque ao tratarse de ensinanza non obrigatoria o MEFPD asegura non ter capacidade para facelo nesta lei) e primaria (22 estudantes por aula).

- Curso 28/29: inicio da baixada de ratios na ESO a 25 estudantes por aula.

- Curso 29/30: inicio da baixada de ratios en Bacharelato segundo se determine na modificación do RD 132/2010, ao igual que en infantil.

A CIG-Ensino fixo unha petición concreta a respecto de que se reduzan as ratios no primeiro ciclo de infantil e no ámbito da FP cando menos na FP básica, lembrando que a proposta inicial do Ministerio incorporaba esta última. Cómpre destacar que o RD 659/2023 prevé que no curso 28/29 haxa unha ratio máxima de 25 nos CM, CS e CE presenciais e de 20 na FP básica. En Galiza nestas últimas ensinanzas xa está regulado este tope na ORDE do 13 de xullo de 2015, de aí a insistencia do sindicato nacionalista en que se rebaixara a 15, á vez que tamén se reducira a dos ciclos medios a respecto dos 25 postos formativos.

Matización positiva da excepcionalidade

Un dos cambios introducidos polo Ministerio na redacción do Anteproxecto de Lei, froito da negociación,  supón unha mellora a respecto da proposta inicial. Por un lado, inclúe que “ante a imposibilidade de realizar desdobres polas características particulares dos centros as administracións educativas garantirán os recursos humanos adicionais, que se corresponderán coa dotación dos grupos que serían necesarios en virtude das ratios estabelecidas”. Esta fora unha demanda da CIG-Ensino que advertira nas súas alegacións que as administracións podían cometer fraude de lei amparándose en non poder realizar estes desdobres. Isto tamén supón unha mellora a respecto do recollido en Galiza no Acordo de Rueda con UGT, ANPE e CCOO porque non só asegura que se dote dunha persoa titora maiores senón nalgún caso, cando se produza incremento de liñas, implicaría máis profesorado especialista.

Por outra banda, aínda que neste caso é máis unha declaración de intencións que algo concreto,  tamén se incorpora o que pretende ser unha salvagarda da escola rural ao indicar que se fixarán “criterios cualitativos que fomenten neste ámbito a permanencia do alumnado no sistema educativo”. A CIG-Ensino pediu que se teña en conta que nestes centros o máis relevante é garantir a calidade pedagóxica limitando os agrupamentos de etapas e de distintos niveis e evitando o peche de unidades.

O Ministerio tamén se comprometeu a desenvolver no prazo de seis meses, e non de un ano desde a aprobación da Lei, unha normativa que fixe os indicadores que se terán en conta á hora de identificar aqueles centros nos que unha redución de ratios específica vai ter unha maior incidencia positiva (nivel de renda, taxa de abandono, taxa de promoción, condicións socioeconómicas vulnerábeis...) O subsecretario de Educación indicou que non é posíbel incluír neste anteproxecto eses indicadores, como lle solicitou a secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, “porque é un traballo que se está facendo a nivel estatístico con outras administracións” pero defendeu que esta norma ampara que se teñan que cumprir esas ratios unha vez regulados ditos indicadores.

Por último tamén comentou que o goberno central non pode modificar o artigo 105 da LOE relativo á redución da xornada lectiva para maiores de 55 con e sen merma salarial por non ter carácter básico, o que deixa en mans da Xunta de Galiza esta regulación. Precisamente esta é unha das medidas, xunto co tema da recuperación do horario, a redución das ratios en todas as etapas e a maior dotación de persoal para atender a diversidade, ás que tampouco dá resposta o anteproxecto de lei ministerial que se inclúen na táboa reivindicativa da folga dos próximos 28 e 29 de outubro, dado que son todas elas competencias da Consellaría e dependen directamente da súa política de recursos humanos.

Volver