O Ministerio dá por pechada a negociación sindical do Proxecto de RD que modifica as ratios de infantil, bacharelato e FP
A principal novidade do último texto presentado é o atraso até o curso 30/31 da implantación completa da baixada na FP básica a 15 estudantes por aula, dous cursos máis do anunciado en xullo.
A CIG-Ensino lamenta que o Ministerio non sexa máis ambicioso na calendarización da redución das ratios fixando o seu comezo en todas as etapas, obrigatorias e non obrigatorias, para o próximo curso. No que ten a ver coa promesa de que esta ía ser a “lexislatura do profesorado” insistiulle aos responsábeis ministeriais en que é preciso abordar a integración no grupo A1 de todo o profesorado, a reforma do sistema de acceso docente e a xubilación parcial.
O Ministerio de Educación convocou onte a que prevé como última reunión do grupo de traballo que durante os últimos meses abordou a baixada das ratios nas ensinanzas non obrigatorias (educación infantil tanto de primeiro ciclo como de segundo, bacharelato e Formación Profesional) mediante a modificación de dous RD, así como cuestións relativas ao confort climatolóxico ou a escola rural. A partir de agora o proxecto deste RD debaterase coas CCAA (esta mesma semana), pasará a trámite de audiencia e información pública e pasará polos órganos competentes, incluída a Mesa Sectorial docente, antes da súa aprobación polo Consello de Ministros e Ministras.
A principal novidade deste documento, a respecto do presentado no mes de xullo, é que se atrasa un curso a redución da ratio na FP básica a 15, que se prevía que tiña que estar implantada na súa totalidade ao inicio do curso 28/29 xunto coa redución a 25 na modalidade presencial dos Ciclos Medios, Superiores e Cursos de Especialización. Porén, o responsábel ministerial, a preguntas dos sindicatos presentes na negociación respondeu que a decisión viñera motivada pola petición da Secretaría Xeral de FP para permitir “unha mellor planificación dos centros”. A este respecto, a representante da CIG-Ensino insistiu en que o alumnado de Ciclos de Grao Básico é precisamente o máis vulnerábel destas ensinanzas e, polo tanto, “o cambio de redacción que indica que esta redución non se fará efectiva en segundo curso até o curso 30/31 converte o que era un avance nunha promesa a longo prazo”.
Polo demais o calendario de aplicación da baixada de ratios nas distintas etapas tanto obrigatorias como non obrigatorias quedou inalterado a respecto da proposta que o Ministerio presentou nos últimos meses. A CIG-Ensino volveu solicitar “máis ambición” tanto na redución como nos prazos de aplicación, facendo especial fincapé en que se fixe o seu inicio de forma simultánea para o vindeiro curso en todas as etapas e pediu unha baixada maior no Bacharelato, idealmente 25. O representante ministerial defendeu que a marxe de actuación do goberno central non debía ir máis alá e que, unha vez aprobado este RD, serán as CCAA as que teñan que aplicar e mellorar esta normativa.
Á vista do texto finalmente proposto e do acordo asinado este ano pola Xunta cunha minoría sindical esta é a posición da Xunta e do goberno centrol a respecto das ratios e da proposta que defendeu a CIG-Ensino en todas as negociacións:

Atención á diversidade
Así mesmo, a CIG-Ensino volveu propoñer que o alumnado NEAE compute como dobre, non só o NEE, e que se fixe unha ratio máxima para as aulas mixtas que escolarizan a alumnado de distintos niveis ou mesmo etapas, unha realidade moi frecuente en Galiza, e outra para o persoal especialista na atención á diversidade e Orientación, lembrando a recomendación da Unesco de 1 profesional por cada 250 estudantes.
Sobre estas peticións o responsábel ministerial indicou que segundo as últimas estatísticas do MEFPD hai 936.000 estudantes categorizados como NEAE no Estado español fronte a 319.000 como NEE, polo que o cómputo dobre de todo este alumnado con necesidades hai que abordalo desde un punto de vista orzamentario e organizativo e só se limitou a lembrar que o goberno central segue traballando nun Plan estratéxico para a educación inclusiva no que se recollerán melloras neste aspecto. Sobre a escola rural insistiu en que é a primeira vez que nunha norma se indica que non se poderán pechar centros sen ter en conta criterios cualitativos e non só cuantitativos.
Asuntos pendentes na que ía ser a “lexislatura do profesorado”
A CIG-Ensino tamén aproveitou a súa intervención para preguntar polos prazos para comezar a traballar na reforma do sistema de acceso e a formación inicial docente, dado que o Ministerio se comprometera a convocar a primeira reunión do grupo de traballo no mes de setembro. Neste sentido, a resposta foi que desde o día 2 de agosto o Ministerio tivo que afrontar a crise emigratoria en Ceuta que tivo moita afectación a nivel educativo relatando que nun primeiro momento houbo que protexer aos menores, fundamentalmente ás nenas, e agora asegurar a apertura e o funcionamento dos centros educativos con normalidade garantindo a escolarización dos menores de 16 e tamén a inclusión no sistema educativo de quen está na franxa entre 16 e 18 anos. Con todo, comprometéronse a non tardar en convocar este grupo de traballo.
Porén, a CIG-Ensino insistiu en que tamén é necesario abordar a integración de todo o profesorado nun corpo único docente no grupo A1 e incrementar os niveis salariais, así como avanzar no Estatuto Docente e abordar a xubilación parcial anticipada para este colectivo que desde 2011 viu como a extinción do réxime de clases pasivas quedaba sen posibilidade de adiantar a idade de xubilación. Non houbo resposta a ningunha destas cuestións.
Novas relacionadas

