O Ministerio aproveita para modificar o Decreto que regula os CIFP e as ratios e a presencialidade na FP a distancia no PRD sobre os centros privados

Fixa o arco de presencialidade obrigatoria entre o 15 e o 39% na modalidade virtual e entre o 40 e o 60% na semipresencial. Galiza ten regulado un mínimo dun 25%. Nas ratios o obxectivo é 50 por docente na FP virtual e 25 por módulo na semipresencial.

A CIG-Ensino presentou máis de 40 emendas no Consello Xeral de FP e na Mesa Sectorial docente do Estado ao borrador do RD que o goberno pretende aprobar antes do 29 de novembro, dado que non podería facelo en funcións. Nel mestura a regulamentación dos centros privados, os centros asociados e os centros de excelencia da FP, así como os centros de segunda oportunidade, e modifica o Real Decreto 1158/2005 polo que se regulan os requisitos básicos dos CIFP, o Real Decreto 659/2023 polo que se desenvolve a ordenación do sistema da FP e o Real decreto 229/2008, do 15 de febreiro, polo que se regulan os Centros de Referencia Nacional.

O tan ansiado e necesario Real Decreto que preparaba o goberno do Estado para poñer límites á proliferación de centros privados de FP e controlar a formación que se imparte nos mesmos pasou a semana pasada polos principais órganos de negociación coas organizacións sindicais máis representativas do profesorado, entre as que está a CIG-Ensino, para ser despois contrastado coas CCAA. Os representantes do Ministerio, entre eles a secretaria xeral de FP, anunciaron, no Consello Xeral de FP primeiro e na Mesa Sectorial docente despois, que se vai aprobar pola vía de urxencia antes das eleccións xerais previstas para o 29 de novembro. A principal sorpresa do texto é que, tal e como ten por costume o goberno do Estado, non se limita a regular o que estaba anunciado senón que introduce múltiples cambios en cuestións que estaban pendentes de desenvolver a partir do RD 659/2023 (centros asociados de FP e centros de segunda oportunidade), ademais de modificar esta norma no que ten a ver coas ratios e a presencialidade na formación profesional virtual e semipresencial, que afecta tamén ao sistema educativo público, e mesmo inclúe cambios no RD de 2005 que regulaba os CIFP. Un aspecto este último co que a CIG-Ensino se amosou crítica porque considera que se desaproveitou unha oportunidade para poñer ao día o regulamento destes centros que desde hai máis de 20 anos adquiriron un importante papel nestas ensinanzas, ademais de sinalar que os cambios introducidos son menores ou incluso negativos dado que relaxan os requisitos para a autorización de centros integrados privados. Así pois, e dado que estamos ante un novo Decreto ómnibus no que cabe de todo, osindicato maioritario en Galiza presentou por escrito máis de 40 emendas a este texto que se poden consultarnesta ligazón e fixo unha intervención centrada na necesidade de poñerlle couto á FP privada para evitar que estas ensinanzas sigan sendo un nicho de negocio para empresas, fundacións e fondos de investimentos, moitas veces nin sequera relacionados coa educación.

Tal e como se pode constatar nas estatísticas anuais que publica o Ministerio de Educación, nin a FP básica nin a FP dual intensiva son atractivas para a oferta privada e a proliferación da modalidade a distancia supón, en opinión da CIG-Ensino, que “estes centros obteñan o máximo beneficio ao mínimo custo, ao captar alumnado que queda fóra da insuficiente oferta pública, con prezos de matrícula e mensualidades absolutamente desorbitados e sen control por parte das administracións competentes, reducindo o investimento a plataformas en liña, sen asegurar a mínima presencialidade (con profesorado teletraballando mentres que para o persoal do sistema público non está regulado) e á marxe da inspección educativa e dos sistemas de calidade externos que esixen burocracia infinita na rede pública mentres que no caso da privada descoñécese incluso como é o sistema de elaboración das programacións e se estas son supervisadas nalgún momento pola autoridade educativa”.

A CIG-Ensino congratúlase de que este RD se aprobe canto antes e de que se inclúa a súa demanda de que cada centro que opere nunha comunidade autónoma teña que ter autorización da mesma para evitar situacións que agora mesmo estaban fóra de control, así como que non se autorice ningún ciclo sen ter aseguradas prazas para a realización das prácticas. Outra das novidades é que para autorizar oferta nas modalidades virtual e semipresencial os centros primeiro terán que ter esa oferta presencial. As representantes do sindicato nos órganos de negociación aproveitaron tamén para pedir que o alumnado da rede privada teña que realizar a formación na empresa ou organismo equiparado tamén na rede privada para evitar situacións como as que acontecen nestes momentos nos ciclos sanitarios en Galiza. Dado que a oferta privada nesta familia profesional nalgunhas cidades é incluso superior á da pública, como en Compostela, o SERGAS non ten capacidade para absorber a todo o estudantado, ademais de que noutros casos hospitais privados, como Povisa e Recoletas Salud, teñen os seus propios ciclos sen capacidade para atender toda a fase de formación na empresa nos mesmos. Por último, instaron ao goberno a que aprema a que os novos requisitos se cumpran antes do 31 de decembro do ano 2030 e a que elimine o apartado das adaptacións e excepcionalidades porque senón a norma queda “baleira de contido”.

Centros asociados da FP e centros de segunda oportunidade

Para garantir que se cumpra o indicado no RD de que “estes centros serán complementarios da rede pública”, o sindicato solicitou que se reformulen as competencias nas comunidades autónomas para que os fondos destinados a impartir graos A, B e C, é dicir, que a formación para a poboación activa e para a desempregada estea baixo competencia das administracións educativas, e non de Emprego, como acontece en Galiza, e que só estas poidan crear e xestionar estes centros.

En canto aos centros de segunda oportunidade, pediu expresamente que non poidan ser empresas, dado que a norma indica que serán “centros públicos ou privados sen ánimo de lucro dirixidos a ofertar itinerarios formativos para poboación entre 16 e 29 anos”, e rexeitou que se poidan financiar con concertos educativos. Porén, amosou o seu acordo con que os centros públicos se poidan converter en centros de segunda oportunidade, sempre que non perdan a súa esencia inicial e sobre a escolarización de alumnado con necesidades educativas especiais puxo enriba da mesa o debate sobre se estes centros son os máis axeitados para favorecer a continuidade da súa formación alén dos 21 anos, como reclaman nestes intres quen está matriculado en CEE, ou se deberían poder continuar nestes últimos até os 29 anos cursando itinerarios formativos máis amplos da FP dos que contempla a norma. Tamén solicitou que se inclúa o coñecemento da cultura e lingua propias para facilitar a inserción laboral e a integración do alumnado que acuda aos centros de segunda oportunidade.

Centros de excelencia

Neste apartado lembroulle á administración xeral que todos estes centros son CIFP, polo que mentres non se garanta o seu funcionamento democrático, empezando pola elección das direccións, non se desterre a xestión empresarial dos mesmos nin se rendan contas con pleno detalle nos Consellos Sociais das decisións orzamentarias, todo o recollido na norma queda en meras declaración de intencións. Con todo, cualificou como moi positivo que se inclúa no artigo 38.2que o profesorado destes centros terá dedicación horaria específica para desenvolver as tarefas asociadas á cualificación como centro de excelencia e así llo reclamará á Consellaría de Educación nos seis que teñen esta categoría en Galiza: CIFP Carlos Oroza (Pontevedra), CIFP As Mercedes (Lugo), CIFP Ánxel Casal - Monte Alto (A Coruña), CIFP Someso (A Coruña), CIFP Politécnico de Santiago (Santiago de Compostela) e CIFP Universidade Laboral (Culleredo).

Modificación do RD 1158/2005 polo que se regulan os requisitos básicos dos CIFP

Na Disposición adicional primeira introdúcense unha serie de modificacións “aparentemente de escaso calado” no RD 1158/2005 desaproveitando así a oportunidade de adaptar os CIFP aos tempos actuais e de subsanar as eivas que se foron detectando no seu funcionamento nas últimas dúas décadas. En xeral, as modificacións van na liña de relaxar os requisitos para a creación de centros integrados privados por calquera administración competente, antes só as educativas, sen necesidade de contar coa autorización da autoridade laboral e eliminando a función que tiña a inspección laboral nestes centros. Pola contra, a responsábel de FP do sindicato avogou porque esta última se implique máis no control do que está acontecendo co réxime dual intensivo ante a pasividade de todas as administracións educativas e máis despois do tráxico accidente acontecido este ano co falecemento dun alumno nunha empresa.

Por outra banda, a CIG-Ensino valora positivamente que se poidan aumentar os cargos de dirección destes centros porque son necesarias cando menos dúas xefaturas de estudos e solicitou que se elimine o sistema de calidade externo “que supón a burocratización elevada á máxima potencia e á máxima inutilidade para o persoal docente e a derivación de fondos públicos a empresas externas, ademais de que o profesorado se ve obrigado a plasmar de todo menos a realidade nestes supostos sistemas de calidade”.

Con respecto á modificación do artigo 15 para introducir a figura do persoal experto do sector produtivo, a CIG-Ensino amosouse contraria a esta figura “por privatizar a docencia” e alertou dos problemas que vai traer a súa contratación como persoal laboral nos centros integrados a respecto da desigualdade co persoal docente(réxime de incompatibilidades, requisitos de titulación e de formación pedagóxica, sistema de acceso, centros de destino...), polo que instou ao Ministerio a replantexarse esta cuestión dado que xa existía a figura de profesorado especialista para situacións excepcionais.

Por último, solicitouse que dado que se incorpora o PESSFP no artigo 16 debería facerse referencia ao novo corpo noutros moitos apartados para que quede claro que pode asumir calquera responsabilidade dentro dos CIFP, á vez que se pediu a equiparación salarial co PES e o PT a extinguir despois da desacertada decisión do Ministerio de dividir en tres o profesorado que imparte nestas ensinanzas en lugar de unificalo nun único corpo, como acontece no caso do profesorado de EOI, de ensinanzas musicais...

Cambios nas modalidades virtual e presencial no RD 659/2023

Por último, o Ministerio introduciu tamén cambios no RD 659/2023 polo que se desenvolve a ordenación do sistema da FP para adaptar as esixencias de presencialidade nas modalidades virtual e presencial que afectan tanto a centros privados como públicos. No primeiro caso estabelece un arco de presencialidade “obrigatoria” (sen aclarar se se trata de obrigatoria para o alumnado ou só de oferta para o centro) entre o 15 e o 39% e, no segundo, de entre un 40 e un 60%. Nestes momentos en Galiza a normativa indica un mínimo do 25% do horario dos módulos para titorías colectivas en ambas modalidades e a CIG-Ensino solicitou que se aplique este mínimo tamén a nivel estatal no caso da FP online e do 50% na semipresencial. Nas ofertas habilitantes para o exercicio profesional mediante regulamentación oficial, ademais de indicarse que a presencialidade debe ser a máxima incluída nesta norma -cuestión coa que o sindicato está de acordo-, “é importante que existan inspeccións periódicas que constaten que se cumpren os requisitos de material, laboratorios, espazos e talleres necesarios para unha boa formación, porque hai moitas queixas do propio alumnado dos ciclos privados sobre todo polas carencias a este respecto no ámbito sanitario”, apuntou Montse Pernas, responsábel de FP da CIG.

Por último, a outra gran novidade do texto son os cambios nas ratios nestas dúas modalidades, aínda que a redacción neste apartado é un pouco confusa e mesmo contraditoria. Na disposición adicional sétima fíxase unha ratio máxima por módulo de 25 estudantes na modalidade semipresencial e de 50 por docente na virtual. Así mesmo, indícase literalmente “Nas actividades lectivas presenciais da modalidade virtual aplicarase a ratio establecida para a modalidade presencial correspondente”, o que vai supor que se teñan que desdobrar as titorías colectivas para cumprir este precepto.

A CIG-Ensino solicitou que a ratio nestas dúas modalidades non debería superar as 30 matrículas como norma xeral pero amosouse conforme coa proposta de que na modalidade virtual se respecte a ratio presencial nas titorías colectivas sempre e cando figure ese desdobre no horario lectivo do profesorado.

Por último, sobre a aplicación destas novas ratios, o Ministerio fixa que estean en vigor a comezos do curso 30/31, unha temporalización excesiva a xuízo da CIG-Ensino, aínda que se propoña unha calendarización só para a modalidade virtual do seguinte xeito:

- Inicio do curso 28/29: 80 persoas máximo por docente.

- Inicio do curso 29/30: 65 persoas máximo por docente.

- Inicio do curso 30/31: 50 persoas máximo por docente.

Neste punto, a responsábel de FP do sindicato solicitou unha aclaración dado que no artigo 25.1.c) do RD 659/2023 estabelecíase unha ratio máxima de 35 estudantes por docente nas modalidades virtual e semipresencial para os graos A, B e C, quedando sen fixar a dos graos D e E e na modificación proposta deste mesmo artigo inclúese para os cinco graos unha ratio máxima de 50 por docente, polo que non queda clara cal é a mellora neste aspecto ao falarse de 80 ou 65. O sindicato agarda que no texto finalmente publicado se resolvan estas dúbidas de interpretación aínda que a secretaria xeral de FP insistiu moito en que na modalidade virtual son ratios por docente e que na semipresencial son ratios por módulo.

Texto do PRD negociado no Consello Xeral de FP e na Mesa Sectorial docente. Ligazón.

Propostas presentadas pola CIG ao PRD de garantía de calidade dos centros privados do Sistema de FP e outras modificacións normativas. Ligazón.

Volver