O Ministerio acepta baixar a ratio da FP básica a 15, unha demanda da CIG-Ensino que debera entrar en vigor o vindeiro curso

Esta mañá tivo lugar unha reunión do grupo de traballo 4 no que se trataron, ademais das ratios de FP, medidas para a climatización e o mantemento dos centros que imparten segundo ciclo de infantil, primaria e ESO no rural.

“Un avance positivo, aínda que podería ser máis ambicioso”. Así cualificou a secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, a proposta incorporada polo Ministerio no documento de negociación para modificar o RD 659/2023 polo que se desenvolve a ordenación do sistema de Formación Profesional. A principal novidade é a aceptación da baixada das ratios na FP básica a 15 por aula, unha demanda do sindicato tanto no marco de negociación estatal como no galego e que, de acordo á normativa, debería empezar a aplicarse xa desde setembro de 2026.

A proposta ministerial modifica a redacción da disposición adicional sétima deste RD que queda como segue:

  1. As administracións competentes reducirán progresivamente, nas distintas ofertas de formación profesional de graos D e E, preferentemente as que requiran o uso de aulas-taller, laboratorios, e outros espazos singulares de traballo, a ratio de alumnado na modalidade presencial até o máximo de 25 estudantes por docente, para os ciclos formativos de Grao Medio, de Grao Superior e Cursos de Especialización, e até un máximo de 15 por profesor ou profesora para os ciclos formativos de Grao Básico coas mesmas características, debendo acadarse dita ratio ao inicio do curso 2028-2029.”

A secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, solicitou que se tivera en conta a reclamación de baixar o número de estudantes por docente a 20 naqueles ciclos medios e superiores con maior carácter práctico e a 30 na modalidade a distancia. Con todo, a Consellaría de Educación non está a cumprir a normativa estatal, dado que a partir do próximo curso a oferta de prazas en primeiro curso da modalidade ordinaria non debería superar as 25 pero a directora xeral de FP escúdase na palabra “preferentemente” para non aplicar esta ratio a todos os ciclos, tal e como lle respondeu á CIG-Ensino na Mesa Sectorial do pasado 23 de xuño.

En relación a outras etapas educativas, Arroxo valorou moi positivamente os avances rexistrados no primeiro ciclo de infantil e volveu incidir en que o Ministerio tome a iniciativa para rebaixar máis as ratios noutras etapas, sobre todo a 15 no segundo ciclo de infantil e a 25 en Bacharelato, fronte á proposta ministerial de 20 e 30 respectivamente. Tamén solicitou que se teña en conta unha redución para o persoal especialista de atención á diversidade, PT e AL, e para o persoal orientador.

Os representantes ministeriais argumentaron que aínda que pode haber marxe de mellora nalgunha cuestión “é importante manter un equilibrio con todas as administracións e axentes implicados” e adiantaron que en breve farán público o índice de vulnerabilidade coas categorías de alumnado con necesidades educativas especiais para que se poida ter en conta todo o referente no Proxecto de Lei sobre adaptación das ratios a estas casuísticas e, polo tanto, mellorar así a atención á diversidade.

Medidas para mellorar a climatización dos centros das ensinanzas obrigatorias

O Ministerio trouxo tamén ao grupo de traballo 4 unha proposta de modificación do RD 132/2010 no que ten a ver con centros que ofertan segundo ciclo de infantil, primaria e secundaria. En primeiro lugar inclúe un capítulo para garantir o “coidado da saúde, a protección e a atención ao benestar do alumnado e do persoal do centro mediante a adecuación da climatización para o confort térmico e a adaptación ás consecuencias do cambio climático” e insta ás administracións a prestar o asesoramento aos centros que, na súa autonomía organizativa, “deberán dispoñer procedementos específicos de actuación para a súa activación ante fenómenos de temperaturas extremas ou riscos climáticos, nos que se incluirán, entre outras medidas, as indicacións sobre a reorganización de tempos ou espazos, a redución ou adecuación das actividades físicas o no exterior, e a especial atención ao alumnado de menor idade ou en situación de vulnerabilidade”.

Con respecto a esta proposta, a secretaria nacional da CIG-Ensino insistiu en que é preciso garantir que todos os centros conten con zonas naturais suficientes exteriores e acondicionadas para o seu uso durante todo o curso e remarcou o feito diferencial da climatoloxía galega, con moito maior nivel de precipitacións que o resto do estado, zonas de montaña con temperaturas moi frías durante o inverno pero á vez con máis episodios de vagas de calor sobre todo en determinadas provincias e áreas. Neste sentido, a CIG-Ensino entende que deben ser as administracións autonómicas as que teñan definidos os protocolos e tomen as decisións a respecto, por exemplo, de manter aberto un centro ou de permitir actividades no exterior ante determinadas situacións extremas e que non recaia esta responsabilidade nos centros, como se podería desprender da redacción da proposta ministerial. A CIG-Ensino defende que, froito do cambio climático, cada vez é máis necesario que se concentre a xornada lectiva en quenda de mañá en xuño e setembro.

Referencias aos centros do rural

Dentro da modificación deste RD, o Ministerio introduciu como novidade que se teñan en conta “criterios cualitativos” para decidir a continuidade dun centro en contornas rurais salientando que até o momento esta cuestión non tiña respaldo normativo. Ademais permítese que as administracións poidan adaptar tanto as ratios de alumnado/docente como o número máximo de alumnado por unidade ás peculiaridades da contorna educativa, e garántese que estas proporcionen os recursos humanos, conectividade e medios dixitais necesarios para favorecer a equidade educativa. Neste sentido, a CIG-Ensino mantén que o Ministerio debería limitarse a regular as ratios máximas en aulas mixtas, tendo en conta que a Xunta non cumpriu durante moitos anos o acordo de agrupamentos, e desde o curso 2024/25 o aplica de forma moi gradual. O resto de cuestións deben ser de ámbito competencial galego, aínda que considera a introdución destes criterios “cualitativos” como unha medida positiva porque, atendendo á dispersión xeográfica galega, o peche dun colexio pode supoñer que os nenos e nenas teñan que desprazarse a 40 ou 50 km o que supón máis de unha de desprazamento ao día, o que atenta contra os dereitos básicos da infancia.

Volver