
O mércores 19 de novembro, ás 11:30 horas, o Secretariado da CIG-Ensino encabezado polo Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, fixo entrega, no rexistro da Xunta de Galiza, de 8125 sinaturas
Entrega de Sinaturas
Entrega de sinaturas Pola Mellora de calidade do Ensino
A CIG-Ensino vén de levar a cabo unha campaña de recollida de sinaturas para reclamar unha serie de reivindicacións básicas para mellorar a calidade do ensino e as condicións laborais e profesionais do profesorado. Facemos entrega de 8.125 sinaturas do profesorado reclamando as seguintes cuestións:
- Redución das rateos: máximo 15 alumnos/as en Infantil e 20 en Primaria e ESO. Contabilización dos repetidores para formar os grupos; redución das rateos nas aulas que escolarizan alumnado con necesidades educativas especiais.
- Dotación de administrativos/as en todos os centros de Educación Infantil e de Primaria, ampliación nos outros centros e dotación de coidadores/as onde sexa necesario.
- Medidas e recursos necesarios para mellorar a calidade do ensino e reducir a conflitividade e o fracaso escolar: maior redución horaria para os/as titores/as, facilitar os desdobres, ampliar e reforzar a orientación escolar, dotar os centros de educadores/as sociais onde sexa necesario, ampliar os cadros de persoal nos centros para garantir a atención personalizada, a atención á diversidade e o reforzo educativo.
- Dereito indefinido a xubilarse anticipadamente. Mellora da gratificación para acollerse á xubilación anticipada.
- Redución do horario lectivo aos/ás maiores de 55 anos.
- Dereito a formarse dentro do horario lectivo.
- Dereito á revisión anual de saúde para todos e todas os/as docentes.
Sería totalmente inxustificábel e inaceptábel que se rexeiten as demandas totalmente xustas de máis de 8.000 profesores, non arbitrando as medidas e investimentos necesarios para que durante este curso se negocien e efectivicen estas reivindicacións fundamentais para avanzar na mellora da calidade do ensino. Con ese obxectivo, solicitamos unha entrevista coa Conselleira coa maior brevidade posíbel.