O maior seguimento dunha folga no ensino público galego nos últimos anos

A CIG-Ensino sitúa por riba do 60% a asistencia á folga cun incremento moi importante en infantil e primaria a respecto dos paros de 2023, o que demostra a fartura e o malestar do profesorado coas políticas da Consellaría.

“A resposta do profesorado ante os recortes e a propaganda da Consellaría secundando a folga e asistindo masivamente á manifestación é á máis contundente dos últimos anos”. Así o manifestou esta mañá a secretaria nacional da CIG-Ensino, sindicato convocante, en declaracións aos medios antes da saída da marcha que rematou diante do edificio da Xunta en San Caetano. Ao remate da mesma avanzou que “este é un punto e seguido e que mentres a Consellaría non se mova, nós seguiremos movéndonos”.

O maior seguimento e a maior asistencia a unha manifestación das folgas convocadas por cuestións laborais nos últimos anos en Galiza. Así se resume esta xornada na que hai que ter en conta que no caso da convocatoria de 2019 fora unitaria, de todos os sindicatos, e no caso dos paros de 2023 se produciran nun contexto “máis favorábel”, co chamado Acordo de Melloras recén asinado e con opcións de poder botalo atrás. A secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, amosou a súa satisfacción pola resposta do profesorado galego á vez que indicaba que “os datos son totalmente provisionais porque nin sequera en primaria e infantil todo o persoal docente entra a primeira hora e hai un número cada vez maior de profesorado de FP e ensinanzas de réxime especial que só traballan en horario de tarde. Con todo, podemos asegurar que o seguimento supera con creces o 60% nalgúns centros e etapas, malia ser desigual, e que hai unha tendencia clara no incremento da participación a respecto das dúas folgas de 2023 en todos os colexios galegos, manténdose máis ou menos as mesmas cifras nos institutos e centros integrados”.

A marcha, que transcorreu desde a praza de Cervantes até a Consellaría de Educación baixo o lema “Recuperar e avanzar en dereitos. Ensino público galego con futuro” contou coa asistencia de numeroso profesorado que se desprazou desde todo o territorio galego, moito del nos buses facilitados polo sindicato maioritario no ensino público galego. Ao remate da mesma tivo lugar a lectura dun manifesto no que se lembrou que “o comezo deste curso foi peor ca nunca, ao unirse aos recortes dos últimos 15 anos outros perpetrados este mesmo verán como a non convocatoria das prazas de atención preferente e das asesorías técnicas da Consellaría, a eliminación da Rede de Acompañamento e de Orientación Persoal e Familiar de Galiza ou das licenzas por formación retribuídas”. “Foron centos de centros e cada día son máis -recollía o manifesto- os que seguen petando nas portas das inspeccións para que atendan as súas demandas porque a mendigar polo que nos pertence é ao que nos quixeron acostumar nos últimos anos. Mais a paciencia do profesorado chegou ao límite. Estanse esmagando os nosos dereitos pero tamén a nosa dignidade e por iso tamén estamos hoxe aquí”.

Laura Arroxo detallou as afrontas que levan padecendo as diferentes etapas educativas, desde infantil e primaria, pasando por secundaria e bacharelato até a formación profesional e as ensinanzas de réxime especial, con problemas que son común (a falta de medios para atender a diversidade, ratios inasumíbeis e o horario lectivo). “É hora de recuperar as 21 horas en primaria e infantil e as 18 no resto de etapas. Levamos agardando máis de unha década e somos os únicos do Estado que mantemos o horario dos recortes, aquí dobremente perpetrados por Feijóo na Xunta e Rajoy en Madrid. Porque moito se lle enche a boca ao conselleiro gabando o persoal docente pero o verdadeiro recoñecemento é este”, incidiu, á vez que se referiu ao anuncio de Pedro Sánchez de fixar unha limitación neste. “Tal e como está redactado o anteproxecto de lei permítese a excepcionalidade de chegar até as 21 horas, así que xa sabemos ao que se vai agarrar a Xunta para non devolvernos o que é noso”, apuntou.

Contra a propaganda, a precarización e a censura

No manifesto tamén se destacaba o incremento no gasto en propaganda da Consellaría á vez que se desmentían as declaracións do conselleiro de que hai máis docentes ca nunca. “Os orzamentos da Consellaría falan claro. Neste 2025 están por baixo do que se gastaba en 2009 cando o PP recuperou a Xunta, manteñen a cifra conxelada do total de número de docentes en 30.424 e non recuperan o pagamento do verán para o persoal substituto, cada vez máis precarizado. Onde están esas docentes? Porque non se ven. Máis ben bótanse en falta. O que hai é cada vez máis medias xornadas, máis itinerancias e máis afíns”. Tamén se referiu Arroxo na súa intervención ao Acordo de supostas melloras asinado hai dous anos “e aos sindicatos que lle deron as costas ao profesorado e en lugar de estar hoxe aquí preferiron asinar un folio en branco a Rueda”. Neste sentido preguntouse “onde está o cómputo como dobre ou triplo do alumnado con diversidade que figura nese acordo? Onde están as ratios máximas nas aulas mixtas? Onde está a autorización de desdobres sempre que se supere a matrícula preexistente? Onde están as melloras para secundaria, bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial porque non hai ningunha, cero”.

Ademais cargou contra os intentos de censura da Consellaría coas instrucións sobre a neutralidade ideolóxica “que os cargos da Consellaría son os primeiros en non respectar mantendo á fronte da inspección a unha persoa reaccionaria e de ideoloxía ultra”. Neste sentido avanzou que o profesorado non vai quedar calado. Seguiremos denunciando, tamén nas aulas porque é a nosa responsabilidade, o plan de exterminio do galego, o xenocidio en Palestina e a depredación medioambiental que algunhas empresas queren facer do noso territorio”.

Novas mobilizacións

A secretaria nacional da CIG-Ensino agradeceu ás persoas asistentes, un número que superaba as 8.000, a súa participación á vez que as animaba a manter a tensión e a sumar novas vontades entre os membros da comunidade educativa desde mañá mesmo “porque temos que estar dispostos e dispostas a dar as batallas que fagan falta para recuperar dereitos e avanzar noutros. Con esta folga e esta manifestación demos un paso adiante e lanzamos unha mensaxe contundente e de forza á Consellaría. Sabemos a quen temos diante, quen se nega a negociar amparándose na maioría absoluta. Pero nós tamén somos maioría e aí radica a nosa forza”, concluíu á vez que advertía que “mentres a administración non se mova nós non pararemos de movernos”.

Volver