Expediente de depuración contra Xaime Isla Couto

O laboratorio da “neutralidade ideolóxica” da dereita e da ultradereita comezou en Galiza no curso 25/26 e contou coa oposición frontal do profesorado e da CIG-Ensino

Ante os documentos de denuncia da Consejería madrileña que nos retrotraen ás purgas docentes durante a Guerra Civil e a ditadura, o profesorado galego leva dous cursos con menos autonomía nas actividades, programacións e burocracia asfixiante.

Ao igual que nos recortes aos servizos públicos ou nos ataques ás linguas propias, Galiza foi o territorio de todo o Estado español no que primeiro se aplicou o concepto de “neutralidade ideolóxica” nas instrucións de inicio do curso 2025/26, centrada inicialmente na programación das actividades, pero que nos últimos meses puidemos ver como se estendeu tamén á censura de mensaxes críticas cos recortes da Consellaría de Educación ou nos que se denuncia a falta de persoal nos centros. Estas chamadas á orde por parte da inspección tanto a equipos directivos como a profesorado en particular pretenden atentar contra a súa liberdade de cátedra dentro das aulas pero tamén contra a liberdade de manifestar o seu malestar coas políticas da Consellaría. Unha situación de persecución que non se viviu sequera durante os anos de presidencia de Fraga, coa excepción da crise do Prestige, e que nos retrotrae aos tempos máis escuros da Guerra Civil e do franquismo.

Nota: A imaxe principal da nova pertence ao expediente de depuración contra Xaime Isla Couto suspendido de emprego e soldo como alumno en prácticas no ano 1937 por, tal e como se pode ver nos cargos, "nacionalista de esquerdas, asinar co seu nome en galego e colocar na sinatura unha estrela con cinco puntas".

A “neutralidade ideolóxica” volve estar de actualidade estes días polo modelo de denuncia que vén de publicar a Comunidade de Madrid no que se pide que se comuniquen “incidencias” relativas á transmisión por parte de persoal docente de información de opinións ideolóxicas ao alumnado, de peticións para que este se sume a protestas en defensa do ensino público ou do uso das infraestruturas dos centros ou das canles oficiais de comunicación para colgar cartaces, manifestos... De forma máis sutil pero coa mesma intencionalidade de intentar amedrentar o profesorado e enfrontalo coas familias, o alumnado e a sociedade en xeral, a Consellaría de Educación dirixida por Román Rodríguez, que mantén no seu posto a cargos reaccionarios e de ideoloxía ultra, implantou as instrucións de “neutralidade ideolóxica” antes que no resto do Estado. Así, Galiza foi o laboratorio no que se puxo en marcha unha estratexia da dereita e da ultradereita para controlar e censurar o persoal docente que é acusado publicamente de adoutrinamento precisamente por ser un colectivo mobilizado contra as políticas de recortes e de privatización do ensino público. Estas instrucións foron contestadas e desafiadas polo profesorado galego, que incluíu entre as súas reivindicacións para secundar as folgas do curso pasado o rexeitamento á censura e que a día de hoxe segue exercendo o seu labor coa profesionalidade e a responsabilidade que o caracteriza. Porque a escola non pode ser neutral ante as inxustizas sociais, os xenocidios, os ataques aos dereitos humanos, os discursos de odio, o negacionismo da violencia contra as mulleres ou o cambio climático...

Con todo, a nova limitación imposta nas instrucións do presente curso que a CIG-Ensino denunciou publicamente ás actividades complementarias e extraescolares non contempladas na Programación Xeral Anual pero, sobre todo, as chamadas á orde das inspeccións ante determinadas publicacións sobre as folgas ou os recortes dirixidas a familias e alumnado están xerando un clima de medo a represalias entre o profesorado. Esta situación, que nos lembra aos tempos das purgas e asasinatos de mestres e mestras durante a Guerra Civil e de persecución e encarcelamentos no franquismo, non se viviu sequera durante os 16 anos de goberno de Fraga, con excepción dunhas circulares publicadas durante a crise do Prestige. Ademais, a Consellaría de Educación ten outros métodos máis sutís que os da presidenta do PP madrileño, Díaz Ayuso, para ter o profesorado cada vez máis controlado nos últimos anos a través da rixidez das programacións didácticas e da burocracia infinita que ten que facer desde as mestras dunha unitaria até o profesorado de FP e ensinanzas artísticas co sistema Educalidade.

A CIG-Ensino critica a dobre actitude da Xunta de Galiza a respecto, por exemplo, da visibilización das folgas do seu persoal. Mentres que durante as convocatorias secundadas polo persoal médico contra o Ministerio de Sanidade os centros de saúde e hospitais estaban empapelados e a Consellaría de Sanidade daba datos de seguimento espectaculares cunha ampla cobertura das mesmas por parte dos medios públicos, no caso das folgas docentes do curso pasado minimizouse a participación e aplicouse a censura mediática de forma férrea.


 

Algúns exemplos de censura recentes

Nos últimos anos a Consellaría ordenou retirar das canles de información do IES de Melide ou do IES Fernando Esquío de Neda decálogos nos que se denunciaba a situación de falta de persoal nos centros, así como advertiu ao profesorado do IES Ribeira do Louro do Porriño que non empregara Abalar para facer ningún tipo de comunicación sobre a folga xeral do 11N. Foi tamén denunciada pola CIG-Ensino a circular emitida pola Dirección Territorial de Lugo para que non se lle facilitasen ás Anpas datos sobre número total de alumnado matriculado, alumnado NEAE e alumnado NEE, a non homologación da formación da NEG e a AGAPPAZ "Palestina e máis alá. Educar na vida en tempos de xenocidio" ou o borrado de 169 unidades didácticas en galego de Matemáticas que tiña colgadas a Consellaría na súa web. O propio veto ao galego até o de agora nas materiais científicas co Decreto de Plurilingüismo e co novo pacto nas que decida cada centro é outro exemplo máis da actitude censora da Xunta no ensino público galego.

Fronte á censura, liberdade e apoio sindical

O sindicato anima o profesorado a seguir traballando con liberdade, defendendo nas aulas o pensamento crítico e unha educación en valores, de acordo coa actual lei educativa, a LOMLOE, sen deixarse intimidar polas ameazas da Consellaría de Educación e, no caso de ter algún tipo de problema neste sentido, recorrer á nosa asesoría xurídica. Por último, lémbralle á administración que o que ten que facer é apoiar e valorar o seu persoal docente, que sostén a calidade do ensino público aínda sen medios e recursos e defendelo ante situacións de acoso como as que está a sufrir agora mesmo coas contas curis, unha circunstancia á que non parece darlle ningunha importancia por estar máis pendente do control ideolóxico da sociedade a través do control do profesorado.

Volver