O inicio do curso académico o próximo 9 de setembro comezará con folga no ensino concertado
O paro laboral será de 9 a 12 horas e irá acompañado de concentracións fronte aos edificios administrativos da Consellaría de Educación en Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo ás 10 da mañá
Os sindicatos do ensino concertado veñen de convocar unha xornada de folga para o 9 de setembro, primeiro día lectivo do curso 2026-2027, ante a nula vontade da Consellería de establecer un calendario de negociacións para desbloquear tanto os acordos de mellora das condicións laborais como o aboamento da Paga extraordinaria de antigüidade ou os complementos de cargo dende hai máis de 17 anos, algúns deles incluso estando asinados e publicados no DOG.
A Consellería, a pesar das numerosas mobilizacións levadas a cabo polas persoas traballadoras do sector no curso pasado, nin convocou a Mesa Tripartita para iniciar ningún tipo de negociación, nin respondeu aos escritos remitidos polas organizacións sindicais, nin fixo ningún xesto de reverter a situación.
O persoal traballador do ensino concertado representa un terzo da educación en Galiza, arredor de 7.000 profesionais que atenden o 30% do alumnado galego das etapas non universitarias. “A preocupación pola situación que atravesa este persoal é cada vez máis profunda. Só se conta con el para incrementar a burocracia e as obrigas, mentres que as melloras das súas condicións continúan estancadas e moi lonxe das existentes noutros ámbitos educativos”, indicaron representantes das organizacións convocantes.
Ademais, o próximo mércores 9 esta xornada de folga estará acompañada de concentracións ás 10 da mañá ante as delegacións da Consellería de Educación nas cidades de A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago e Vigo.
Novas relacionadas






