O IES Menéndez Pidal da Coruña recolle o bastón de remuda dos peches contra a LOMCE

Os peches iniciáronse este 9 de abril no IES Rosalía de Castro de Compostela

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público pecharase este mércores 10 de abril desde as 16:45 horas no IES Menéndez Pidal da Coruña contra a LOMCE e os recortes no ensino. Este peche recolle o bastón de remuda do que se fixo este martes en Comspostela, no IES Rosalía de Castro e no que participaron pais e nais, alumnado e profesorado.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público iniciou na tarde deste martes 9 de abril, no IES Rosalía de Castro, en Santiago de Compostela a campaña de peches rotatorios en contra da LOMCE e os recortes no ensino público que se manterán durante todo o mes de abril en centros educativos de todo o país. O peche comezou ás cinco da tarde coa leitura do manifesto da Plataforma por parte do escritor Suso de Toro, o actor Pepe Penabade e representantes das entidades que participan nesta mobilización que ten como obxectivo frear a aprobación desta lei e esixir da Consellaría de Educación un cambio de actitude que teña en conta a opinión de pais e nais, do profesorado e do estudantado sobre a lei e que poña freno aos continuos recortes cos que se desmantela o ensino público.

Galería de fotos (Peche de Compostela)

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público estase a mobilizar contra o anteproxecto de Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa, para amosar o seu total rexeitamento a unha lei reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática, e confesional, que liquida a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino os sectores sociais máis desfavorecidos da sociedade”, dixo Luisa González en representación da Federación de ANPAs de Compostela.

“Trátase dunha lei que pretende trasladar ao ensino público un modelo neoliberal que afonda nas diferenzas sociais, no canto de contribuír a que todas e todos teñamos acceso en igualdade de condicións a unha educación pública de calidade”, advertiu Lucia Carreira da Asociación Cultural e Musical SOLFA. 

“É un anteproxecto recentralizador e españolizador, que lle facilita ao alumnado, se é necesario, a matriculación nun centro privado, pagado por todos e todas nós, para evitar a súa escolarización no noso idioma. Procura o máximo control dos contidos a través do Goberno central, uniformiza mediante as reválidas e marxina aínda máis a nosa lingua. Impón un modelo lingüístico que elimina o ensino en galego e invade as cativas competencias que temos, coa intención de afastar totalmente o ensino da nosa realidade social, histórica, cultural e lingüística”, engadiu Rubén Cela, portavoz do BNG no Concello de Santiago. 

“Medidas como estas non só van repercutir negativamente no ensino público, senón que van fortalecer o ensino privado concertado que se verá favorecido coa creación de centros de excelencia, mediante a selección do alumnado. Blíndanse os concertos económicos cos centros privados, mesmo con aqueles que segregan o alumnado por razón de sexo, malia existir sentenzas que ditaminan a súa ilegalidade”, explicou o actor Pepe Penabade. 

“Unha vez máis, estamos ante unha lexislación que reforza a confesionalidade e impide o ensino laico. O anteproxecto mantén o ensino da relixión no currículo escolar, contemplando unha materia alternativa en Primaria e na ESO, que computarán no expediente académico, converténdose así nun efecto chamada para que o alumnado se matricule en Relixión. No Bacharelato, a materia de Relixión ten a consideración de materia específica, isto é, está situada entre as que o alumnado cursará un máximo de 3 e un mínimo de 2”, sinalou tamén Marcos Maceira, da Asociación Cultural O Galo, que tamén se sumou á convocatoria. 

“É un anteproxecto profundamente antidemocrático, que traslada o sistema de xestión empresarial ao ensino. Elimina o Consello Escolar como órgano de goberno e baléirao de todas as competencias. A dirección será elixida pola administración e terá plenos poderes para tomar unilateralmente decisións de transcendental importancia para os centros e para propor ou rexeitar o profesorado que sexa proposto pola administración”, afirmou Daniel Candal,  estudante, e responsábel nacional dos Comités Daniel Candal.

“Liquida a igualdade de oportunidades ao impor un sistema de continuas barreiras selectivas para que só unha minoría acceda aos estudos postobrigatorios e universitarios. É unha lei elitista, clasista e segregadora, xa que estabelece reválidas para poder acceder á titulación correspondente en 4 de ESO e en Bacharelato. Impón un sistema máis selectivo mediante itinerarios que condena, prematuramente, o alumnado a optar a titulacións diferentes no ensino obrigatorio, condicionando de maneira temperá o seu futuro académico e laboral”, engadiu Antía Coñesaña, da Liga Estudantil. 

De seguido Alberte Mera, de Galiza Nova, advertiu “pretende crear, mediante os programas de calidade e especialización curricular, diferentes categorías de centros e atender, con máis recursos e medios, aqueles que mellor resultados acaden, previa selección do alumnado, no lugar de procurar que todos os centros conten cos recursos necesarios para que todos e todas, con independencia da súa procedencia social ou xeográfica, reciban unha formación de calidade. Este anteproxecto de lei desautoriza, desconfía e xerarquiza o profesorado. É profundamente antipedagóxico, xa que a consecución da titulación do alumnado vai depender do resultado azaroso dunha única proba ao rematar o ensino obrigatorio e postobrigatorio. A isto hai que lle engadir a desvalorización da Formación Profesional e o desvío do alumnado cara a unha FP Básica, que nin sequera conduce á mínima titulación, baixo a escusa de favorecer a empregabilidade”.

“É unha anteproxecto que reflicte as posicións ideolóxicas máis extremas e reaccionarias do PP. Un anteproxecto de lei ao servizo da patronal do ensino privado concertado e da mercantilización da educación que confirma os actuais concertos educativos, legaliza os centros que segregan alumnado por razón de sexo, facilita a planificación escolar en función do ensino concertado, reproduce un sistema xerárquico e empresarial para o funcionamento dos centros, impide o acceso das clases populares á educación e impón unha educación baseada na competitividade, na exclusión social e na desigualdade, e non nun ensino equitativo, inclusivo e intregral, cuxo obxectivo principal debe ser a formación de persoas críticas e responsábeis”, engadía por último, Anxo Louzao, da CIG-Ensino.

“Por todos estes motivos –concluiu o escritor Suso de Toro-  porque significa un retroceso de décadas e porque elimina a igualdade de oportunidades, volvendo a unha sociedade na que o valor das persoas está en función do que posúen e na que o futuro depende de onde e en que familia se nace, a Plataforma Galega para a Defensa do Ensino Público esixe a retirada deste anteproxecto e un ensino público galego, laico e democrático”.

Os peches iranse sucedendo ao longo de todo o mes de abril nas datas e lugares que se indican de seguido:

-        10 de abril:  A Coruña (IES Menéndez Pidal)

-        11 de abril Carballo (IES Alfredo Brañas)

-        11 de abril Ferrol (CIFP Ferrolterra)

-        12 de abril A Guarda (IES A Sangriña)

-        15 abril  Carballo (IES Alfredo Brañas)

-        15 abril Cangas (IES Rodeira)

-        16 de abril LALIN (CEIP Xesus Golmar)

-        17 abril LUGO (IES As Mercedes)

-        18 abril  VERÍN (IES Xesús Taboada Chivite)

-        22 abril Burela (IES Monte Castelo)

-        22 abril OURENSE (Xefatura territorial)

-        23 abril Cambados (IES Ramón Cabanillas)

-        24 abril Ribeira (IES Nº 1)

-        24 abril VIGO (IES San Tomé Vigo)

-        25 abril GONDOMAR (IES Terra de Turonio)

-        26 abril PONTEVEDRA (IES Torrente Ballester)

Volver