O Estado aplica a Lei Mordaza por manifestarse contra a LOMCE e os recortes na educación
A Delegación do Goberno en Galiza aplica unha sanción á CIG-Ensino por se manifestar na inauguración do curso escolar 2016/17 diante do IES San Rosendo de Mondoñedo
Nin nos calaron antes nin nos van calar agora. Nin con provocacións nin con sancións. Seguiremos loitando coa mesma firmeza e coa mesma contundencia. Mais esiximos que algo desa contundencia a apliquen aquelas persoas que se sentan no Congreso dos Deputados e que se comprometeron a derrogar tanto a LOMCE como a Lei Mordaza. Transcorrido máis dun ano após as eleccións xerais de xuño de 2016, e cun PP en minoría no Congreso dos Deputados, ambas leis seguen en pé. No comezo dun novo curso escolar, a LOMCE seguirá o seu camiño privatizador, antigalego e confesional e a Lei Mordaza estará aínda aí para protexela fronte a quen non nos dobregamos. Que saiban que non nos imos render.
O 4 de outubro de 2016 varias ducias de delegadas e delegados da CIG-Ensino manifestáronse diante do instituto mindoniense, coincidindo coa inauguración do curso académico de FP por parte da raíña Letizia, o Ministro de Educación e diversos cargos da submisa Consellaría de Educación. A concentración era unha resposta máis do sindicato contra os incesantes recortes educativos e para esixir a paralización da LOMCE e as reválidas.
Durante o transcurso do acto de protesta foron permanentes os impedimentos que se puxeron para poder exercer a liberdade de expresión, cambiando de lugar ás persoas que alí protestaban e identificándoas a todas. Foi un exemplo claro de como un partido político pretende, desde o poder, silenciar as protestas e penalizar a quen se atreve a contrariar o abuso de poder no que vive instalado o PP. A Lei Mordaza, o instrumento que o PP ideou para o control antidemocrático das loitas contra a restricións de dereitos, contra as mobilizacións que desoen as ordes de someterse obedientemente aos ditados do poder, aplicábase naquela xornada procurando evitar a protesta e, cando non o conseguiron, dificultándoa o máis posíbel.
A segunda parte desa presión para silenciar as críticas ás políticas neoliberais e de deterioro do ensino público é a sancionadora. A Delegación do Goberno ven de comunicar á CIG-Ensino unha sanción consistente nunha multa de 300€ por facer o que é a nosa obriga como organización sindical: rebelarnos contra os ataques ao ensino público e ao seu profesorado e estarmos en calquera sitio no que esa loita se poida facer efectiva; protestar fronte a quen implanta unilateralmente unha Lei retrógrada, segregadora, antidemocrática, confesional e españolizadora; facer todo o que estea na nosa man para reverter os recortes cos que o PP ven acosando o ensino público, tanto da man de Raxoi como da de Feixóo.