O Día do Orgullo tamén nas aulas!

Lara Boubeta, mestra e activista do colectivo LGBTIQ+, diríxese ao alumnado para defender a importancia de traballar a diversidade afectivo-sexual nos centros

O 28 de xuño conmemórase internacionalmente o Día do Orgullo LGBTIQ+ e pola coincidencia fóra do período lectivo a CIG-Ensino adiántase á data coa publicación de material divulgativo e pedagóxico, consciente de que non se pode deixar pasar esta celebración sen levala ás aulas.

Nos últimos tempos manifestáronse, tamén nos centros de ensino galegos, as consecuencias dos discursos negacionistas e de odio dun contexto ideolóxico e político de deriva reaccionaria que o conxunto da sociedade está a padecer. O feito de que estas mensaxes cuestionen a necesidade de defender a igualdade de dereitos das persoas e o aumento das agresións en todas as súas formas contra o colectivo LGBTIQ+, preocupa ao profesorado. Ante esta preocupación a administración parece crer que a solución aos conflitos pasa pola censura e o control ideolóxico. É a súa intención eliminar a necesaria implicación dos centros para crear conciencia e fornecer o alumnado de argumentos contra a discriminación? De ser así, o sindicato non permitirá baixo ningún concepto que se actúe contra a profesionalidade do profesorado e o bo facer dos centros educativos á hora de formar un alumnado reflexivo e crítico e defensor dos dereitos humanos.

A normativa obriga a que nos centros de ensino haxa un Plan de igualdade para o alumnado (Instrución do 6 de setembro de 2019) mais na CIG-Ensino cónstanos que, ao contrario que outras cuestións legais que si son exixidas pola administración, esta é obviada. Este plan debe concretar actividades arredor das datas de commemoración do colectivo LGBTIQ+, planificar o desenvolvemento curricular da educación afectivo-sexual integral para todo o alumnado do centro, realizar actividades de sensibilización na aula e coas familias, promover o respecto cara á diversidade sexual e de xénero e de prevención ante a discriminación.

Coa intención de sumar recursos e colaborar na defensa dos dereitos do colectivo, achegamos ao profesorado material didáctico para traballar nas aulas. Nesta ocasión unha serie de tres vídeos onde a mestra Lara Boubeta Bamio se dirixe dun xeito dinámico e ameno, á vez que contundente, ao alumnado de todos os niveis educativos.

Lista de reprodución formada por tres vídeos.

Lara Boubeta Bamio é mestra de educación primaria, escritora e activista a prol dos dereitos das persoas LGBTIQ+. Actualmente é titora de 6º de primaria, coordinadora da biblioteca escolar e do equipo de igualdade nun centro público de infantil e primaria galego. É membro da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia e escribiu Xe, unha reflexión sobre o xénero e a intersexualidade adaptada ás infancias.

Ademais, comparte en redes recursos en galego arredor desta temática:

Os tres vídeos por separado.

1º vídeo: Lesbiana visible: Lara fala da súa experiencia persoal e da necesidade de tratar a diversidade sexual e de xénero nos centros de ensino.

2º vídeo: Bulo ou verdade: Lara desminte con exemplos ideas erróneas para que o alumnado reflexione sobre: que a diversidade non é unha moda, nin é contaxiosa, que as persoas trans non nacen en corpos equivocados e que ter conseguido dereitos para o colectivo non significa que non haxa discriminación.

3º vídeo: Nunca é cedo para a diversidade: Lara expón por que traballar a diversidade non é unha elección, xa que o ensino non pode deixar a ninguén fóra.

Como complemento a estas pezas audiovisuais, a compañeira tamén nos facilita unha actividade de tipo comprensión lectora sobre o Día do orgullo que achegamos na seguinte ligazón

Animamos ao profesorado a compartir estes recursos co alumnado.

Ensino sen censura!

Non nos calarán!

Volver