
O día 28 “viramos San Caetano” e o 29 descentralízanse as mobilizacións diante das Delegacións Territoriais da Xunta
Os sindicatos convocantes da folga propoñen rodear o edificio da Xunta o martes para forzar un xiro ás súas políticas e o mércores manifestacións nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.
Ante o inmobilismo da Consellaría de Educación que o único xesto que fixo estes días foi cubrir algunha vacante que levaban reclamando os centros de infantil e primaria desde comezos de curso, mantéñense as convocatorias de folga e a man tendida dos sindicatos convocantes a iniciar unha negociación na que se aborden as principais reivindicacións do profesorado galego, após 15 anos de recortes.
A CIG-Ensino convoca mobilizacións para as dúas xornadas de folga os próximos días 28 e 29 de outubro que consistirán o martes nunha acción que denominan “Imos virar San Caetano e facernos escoitar” e o mércores en manifestacións descentralizadas nas catro capitais de provincia e que rematarán diante das Delegacións Territoriais da Consellaría de Educación. No primeiro caso trátase dunha cadea humana en movemento que pretende simbolicamente forzar á administración galega a darlle un xiro ás súas políticas, rectificando os recortes dos últimos anos para que o profesorado recupere os seus dereitos e se vexa recoñecido como merece. A CIG-Ensino propón ás persoas asistentes que fagan ruído a modo de cazolada tamén para facerse escoitar levando as tradicionais potas e cazos pero tamén materiais de uso educativo habituais como pitos, xogos educativos, instrumentos musicais, ferramentas de ciclos formativos... para levar o ambiente sonoro das aulas galegas ás rúas. Así mesmo, proponse que, aproveitando que está próximo o Samaín, o profesorado lle leve cabazas ao conselleiro en sinal de rexeitamento pola súa falta de diálogo, así como pancartas e faixas reivindicando a situación concreta do seu centro educativo ou colectivo ou xenérica pola mellora do ensino público. A convocatoria está fixada para as 12 da mañá e o sindicato porá servizo de buses para facilitar a asistencia do profesorado desde os distintos puntos de Galiza.
Para o mércores 29 están convocadas catro manifestacións de forma simultánea nas capitais de provincia galegas, atendendo a demanda do profesorado de descentralizar as mobilizacións para facilitar a participación daquelas persoas que non se poden desprazar até Compostela. A continuación destácanse os lugares de saída ás 11:30 horas, dado que todas finalizarán nos edificios das Delegacións Territoriais da Consellaría de Educación confluíndo ás 12 do mediodía:
A Coruña: Rúa San José de Calasanz, n° 5 (CEIP Alborada)
Lugo: Praza da Horta do Seminario
Ourense: Dirección Territorial de Educación na Rúa Concello nº 11
Pontevedra: IES Valle Inclán no paseo de Montero Ríos
A CIG-Ensino anima ao profesorado galego a que durante esta semana organice calquera outra acción reivindicativa que considere necesaria de cara aos dous días de folga e que nola comunique para darlle visibilización.