O desleixo da Consellaría coa FP afecta ás oposicións e ao acceso á universidade do alumnado de ciclos superiores

Malia a insistencia da CIG-Ensino na Mesa Sectorial a Consellaría mantén na indefinición ao persoal opositor co texto incluído na convocatoria das oposicións sobre os currículos a empregar para PD e UD, das que se modificaron as rúbricas de corrección.

Nestes momentos existe intranquilidade entre o alumnado de ciclos superiores que está cursando a formación na empresa pola súa situación administrativa no momento da matrícula para a convocatoria ordinaria da PAU. Dado que actualmente esta formación é curricular, tanto no momento da prematrícula como da matrícula no mes de maio, temen que non se poida xustificar que van superar estes estudos. Cómpre lembrar que a avaliación final nos Ciclos Superiores non está fixada até os días 15 e 16 de xuño cando a PAU comeza o día 2.

A CIG-Ensino leva reclamando todo o curso unha Mesa Sectorial específica sobre a aplicación da reforma da FP en Galiza que está a causar un tremendo malestar entre o profesorado destas ensinanzas. Como era previsíbel, ademais de estar en total desacordo coa predominancia que a formación na empresa adquire na formación profesional dual ordinaria e da falta de adecuación desta parte á realidade curricular dos ciclos, nestes intres hai dous colectivos que sofren directamente o abandono por parte da Consellaría de Educación que nin sequera se deu conta das implicacións que tiña esta reforma para o persoal opositor e para o alumnado de segundo dos ciclos superiores nun primeiro momento e, unha vez advertida, segue sen dar unha resposta á súa incerteza.

As oposicións a FP no limbo lexislativo 

Malia remitirlle un escrito en novembro á Dirección Xeral de FP no que se insistía en que era preciso concretar determinadas cuestións da adaptación a Galiza da Lei Orgánica de FP e do RD 659/2023 polo que se desenvolve a ordenación do sistema de formación profesional, tamén de cara ás oposicións docentes, a estas alturas de curso a CIG-Ensino segue sen ter reposta a esta petición. Naquel momento xa se advertía dos cambios que habería que realizar na convocatoria para adaptar a segunda parte (Programación Didáctica e Unidade Didáctica) á realidade deste curso en Proens. Na Mesa Sectorial do pasado día 4 a única achega neste sentido que fixo a Consellaría foi traer en papel unha nova versión das rúbricas de corrección. Analizadas pola CIG-Ensino conclúese que os principais cambios derívanse precisamente desa adaptación á aplicación informática:

En concreto, na rúbrica da PD inclúese un subapartado novo a valorar no apartado A: Describe situacións reais sobre as que deban existir actuacións por parte do/a docente; elimínase do apartado C a obriga de detallar as tarefas do profesorado e do alumnado no deseño das unidades didácticas; tamén desaparece do apartado D relativo á avaliación a referencia aos mínimos esixíbeis; mentres que se inclúe a necesidade de indicar o procedemento de avaliación do alumnado que asista á formación en empresa co módulo non superado (de ser o caso) no apartado E e, por último, tamén se elimina a referencia ás medidas de atención á diversidade no apartado G e a aspectos transversais no H.

Ademais de que esta información debera ser fornecida moito antes para evitar que o persoal opositor teña que refacer a súa programación a menos de cinco meses do inicio do procedemento, o que está claro é que se intentou adecuar estas dúas probas ao sistema Proens. Porén, cómpre lembrar que os currículos que cargaron na aplicación para a elaboración das PD foron os estatais. Así pois, mentres que nas rúbricas de corrección e no artigo 12.4 da convocatoria publicada no DOG se elimina a referencia a que a programación se axustará ao establecido no anexo XIII da Orde do 12 de xullo de 2011 para adaptala a PROENS, mantense inalterábel o texto sobre os currículos que se tomarán como base para a elaboración destas dúas probas e que está causando confusión entre o persoal opositor: "No caso das especialidades específicas de formación profesional, os publicados no Diario Oficial de Galicia no momento da publicación desta orde ou, de ser o caso, os aplicables na comunidade autónoma". 

A CIG-Ensino entende que a redacción é tan ambigua que deben ser válidas as programacións e unidades didácticas realizadas tanto en base aos currículos galegos como aos estatais e que así se lle debe trasladar aos tribunais antes do comezo do procedemento selectivo. A confusión faise aínda máis evidente cando se consulta a web oficial de FP da Consellaría de Educación que, por un lado, permite a descarga do DOG de todos os currículos galegos dos títulos pero, por outro, indica que esta normativa debe ser complementada coa que se recolle nos reais decretos 497, 498, 499 e 500 (este último coa súa corrección de erros) do ano 2024.

A última novidade da convocatoria de oposicións, e que a Consellaría tampouco tivera en conta até que llo fixo saber a CIG-Ensino, foi a ampliación dos módulos dos que non se pode realizar a PD e a UD quedando esta listaxe na seguinte: Sostibilidade aplicada ao sistema produtivo, Dixitalización aplicada aos sectores produtivos, Afondamento nas competencias profesionais, Inglés profesional, Habilidades comunicativas en lingua estranxeira, Formación en centros de traballo, Proxecto, Proxecto intermodular e Proxecto intermodular de aprendizaxe colaborativa. 

O acceso á PAU do alumnado de Ciclos Superiores tamén no limbo lexislativo 

O outro colectivo que está nestes intres tamén agardando un pronunciamento e instrucións claras por parte da Consellaría é o alumnado que está a cursar a formación na empresa dos Ciclos Superiores e que pretende presentarse ás probas de acceso á universidade na convocatoria que comeza o 2 de xuño. Este curso, dado que a formación na empresa é curricular, tal e como se indica na guía de avaliación da FP publicada pola Consellaría: “o equipo docente realizará a proposta de título para o alumnado que obtivese cualificación positiva en todos os módulos unha vez que se teña integrada a fase de formación na empresa”. Deste xeito, existe certa inquedanza entre o estudantado sobre que a súa situación administrativa tanto no momento da prematrícula da PAU (14-18 de maio) como da matrícula (20-21 de maio) lle permita realizar este trámite con garantías xurídicas. Ademais hai outras cuestións a ter en conta como que acontece co alumnado que ten algún módulo suspenso, incluso de primeiro, e non ten rematado o procedemento de recuperación a esa altura ou que pasa con quen non ten tampouco avaliado o módulo de proxecto. 

Ante movementos de recollida de sinaturas do propio alumnado e a preocupación trasladada desde os centros educativos, a CIG-Ensino solicita que se diten unhas instrucións claras ao respecto por parte da Consellaría para que non se produzan agravios comparativos entre alumnado de Bacharelato e de FP e para que o profesorado destas últimas ensinanzas saiba ao que aterse na avaliación final (prevista para o 15 e o 16 de xuño) ou mesmo antes de que esta se produza.

Ademais lembra que o impedimento de acudir á PAU para quen cursa a Formación profesional dual intensiva é algo que tamén debe ser revisado polo goberno da Xunta dado que neste caso tamén se está discriminando a este colectivo. Malia que no momento de celebración da PAU o alumnado xa rematou a formación curricular na empresa e está realizando a actividade profesionalizadora non pode matricularse nas probas. O sindicato considera que ás administracións énchenselles a boca coa flexibilidade e a pasarela entre a FP e á universidade pero á hora da verdade o alumnado só atopa atrancos que deben ser previstos con anticipación e resoltos de forma satisfactoria.

Volver