
O CPI Mosteiro Meis obrigado a comezar o curso sen equipo directivo.
A CIG-Ensino denuncia a grave irresponsabilidade do Xefe Territorial César Pérez Ares, e do inspector de educación Daniel Rodríguez Alleres ao ordenar empezar o curso con "Normalidade" a un centro sen equipo directivo
Un positivo nas probas realizadas ao profesorado do CPI de Meis obrigou a confinar á totalidade do equipo directivo deste centro desde a fin de semana pasada, e o profesorado non puido estar no centro estes días para preparar o comezo de curso.
A poucas horas de comezar o curso acaban de comunicar por parte da inspección educativa que seguindo ordes directas do Xefe Territorial de educación César Pérez Ares, o CPI de Meis vai comezar o curso con "normalidade". Iso si, sen equipo directivo, sen rematar de aplicar os protocolos planeados, sen o comedor organizado....
Desde a CIG-Ensino puxémonos en contacto coa inspección para impedir esta medida aberrante que vai contra a calidade do ensino público e a saúde do alumnado e profesorado. A resposta foi unha negativa a debater e eludir responsabilidades ao afirmar que eran ordes directas do Xefe Territorial. Até o momento o Xefe Territorial non contestou as nosas chamadas.
Isto é a gran preocupación polo ensino público que demostra a Consellaría de educación. Que empece o curso aínda que sexa un perigo para a saúde do alumnado e do profesorado. Unha razón máis para apoiar a folga!
Desde a CIG-Ensino animamos a todo o profesorado a secundar a folga de mañá e a rexeitar este tipo de actitudes máis propias doutros tempos que non nos gustaría repetir nin recordar. E lembramos que a folga está apoiada polas principais federacións de ANPAS e organizacións estudantís.
O tempo danos a razón. Só é unha cuestión de números e de imaxe. O importante para a Consellaría de Educación é que pareza que todo funciona. Aprazar o comezo de curso para poder facelo nunhas condicións que garantan a saúde é unha medida lóxica e normal. Non facelo é unha irresponsabilidade manifesta.