O CPI Castro Baxoi (Miño) e o IES Eduardo Pondal (Ponteceso) denuncian o mal estado das súas instalacións

Ambos os dous centros levan tempo padecendo problemas estruturais que mesmo poñen en risco a integridade física da comunidade educativa. No IES de Ponteceso celebrarán unha concentración este luns ás 8:25 horas para demandar ademais máis persoal.

Desde o curso pasado a CIG-Ensino leva trasladando nas Xuntas de Persoal provinciais os numerosísimos problemas que moitos centros teñen debido ao precario estado dos edificios das escolas, así como das instalacións anexas. Esta semana cobraron protagonismo as graves deficiencias estruturais no CPI Castro Baxoi de Miño e no IES Eduardo Pondal. Neste último caso teñen previsto concentrarse o vindeiro luns antes do inicio das clases, ás 8:25 horas, para demandar tamén maior dotación de persoal para atender á diversidade. Así mesmo, denuncian que non se cubriu unha vacante de 15 días de duración dun permiso para participar na campaña electoral, o que causou graves prexuízos ao alumnado e múltiples problemas organizativos para o centro.

Esta semana o CPI Castro Baxoi volveu denunciar que seguen con importantes filtracións tanto no patio cuberto, que queda inutilizado, como na cuberta no acceso á zona de infantil. En xeral acusan un problema moi importante de falta de espazo e deficiencias estruturais sobre todo na fachada que poñen en perigo non só o desenvolvemento ordinario das súas actividade senón mesmo a integridade do estudantado e do profesorado.

Ademais, neste centro engádese outra problemática referida ao horario que até agora viña sendo ilegal en secundaria, ao contar con menos horas de clase das estabelecidas por lei. A partir do 1 de decembre pretende subsanarse esta situación para axustala á normativa. Porén, por non desdobrar o transporte, o alumnado de primaria vaise ver prexudicado por esta medida. Mentres que o inicio das clases para este último se mantén ás 9 da mañá, o de secundaria adiántase ás 8:45 e o transporte chega ás 8:35, o que vai implicar que o alumnado de infantil e primaria teña que agardar 25 minutos todos os días no patio cuberto, que é onde existen os problemas de filtracións. Coa saída tamén acontece o mesmo porque hai un desfase de cinco minutos entre as distintas ensinanzas. Desde a CIG-Ensino demandouse unha solución a esta problemática horaria na Xunta de Persoal pero indicando que calquera axuste se debera facer con planificación e tempo e desde comezos de curso. A solución dada finalmente pola administración prexudica o alumnado de menor idade e ao profesorado de infantil e primaria que a estas alturas de curso vai ver modificado o seu horario laboral, polo que sería preciso persoal de apoio para garantir a atención do estudantado en condicións axeitadas.

No IES Eduardo Pondal de Ponteceso a ANPA convocou unha mobilización para o próximo luns 23 de novembro, ás 8:25 horas, que conta co apoio da CIG-Ensino, denunciando non só o precario estado do seu centro, necesitado dunha profunda reforma, senón a falta de profesorado que levan acusando desde hai varios cursos, nomeadamente daquel destinado á atención do alumnado con necesidades especiais de apoio educativo. En concreto solicitan persoal da especialidade de Pedagoxía Terapéutica e máis docentes para poder realizar apoios e desdobres.

Ademais, a Consellaría borrou unha vacante subida polo centro o pasado 10 de novembro dun permiso para participar na campaña electoral dos comiicios xerais de 15 días. Malia facelo con antelación suficiente, tres días despois esa vacante non foi adxudicada nos chamamentos que realiza ordinariamente a administración os venres. O día seguinte no que se realiza esta cobertura, o martes, desapareceu ficando así sen cubrirse. Esta situación, ademais de que evidencia que a Consellaría non respecta sequera a cobertura das substitucións de 15 días, supuxo un importante trastorno organizativo para o centro pero sobre todo para o alumnado que perdeu dúas semanas de clase nun momento moi relevante do curso e coa primeira avaliación ás portas. O problema de non cobertura das vacantes por parte da administración vese agravado especialmente este ano pola aplicación do filtro de borrado das mesmas que a CIG-Ensino vén denunciando desde comezos de curso.

Desde a CIG-Ensino volvemos reclamarlle, mais unha vez, á Consellaría de Educación que subsane canto antes as deficiencias e as carencias que dificultan o normal desenvolvemento da actividade lectiva nestes dous centros e anima que se fagan públicas estas situacións noutros centros de Galiza.

Volver