O Correlingua recibiu o Premio Rosalía de Castro a actividades de normalización da Deputación da Coruña

O Correlingua dedica o premio ao profesorado que día a día traballa pola normalización da nosa lingua

Para a organización do Correlingua este premio vén recoñecer o traballo realizado polas entidades que promoven o Correlingua:  A Mesa pola Normalización Lingüística, CIG-Ensino e AS-PG

O Correlingua recibiu hoxe, 22 de xanero de 2016, na sede da Deputación da Coruña, o VII Premio Rosalía de Castro de Lingua concedido ex aequo coas escolas Semente na modalidade específica. Este premio, como indicou o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao,  no acto de entrega, “tamén recoñece a implicación de todo o profesorado e alumnado dos centos educativos participantes, sen cuxa concorrencia esta actividade non sería posíbel”. 


Louzao lembrou que o Correlingua “contou, ao longo dos seus dezaseis anos, co apoio de empresas privadas, deputacións e numerosos concellos, entre eles os concellos de Lugo, Pontevedra e Vigo, que colaboraron ininterrumpidamente co Correlingua en todos estes anos”. Ao tempo valorou negativamente a nula implicación da Xunta e a Secretaría Xeral de Política Lingüística coa “principal actividade de promoción do galego nos centros de ensino” e denunciou a acción contrario á lingua do goberno galego “que non corrixe a máis que cativa lexislación agora minguada coa aplicación da LOMCE, que reduce a súa presenza nas aulas”.


En representación das entidades organizadoras do Correlingua, Louzao quixo partillar este premio con todos e todas ás que o fan posíbel: participantes nas actividades, librarías, tendas e institucións colaboradoras e, moi especialmente, co profesorado e alumnado, “porque este premio é de todas e todos os que neses días saímos á rúa para compartir o desexo de vivirmos en galego”. Destacou tamén a participación de persoas recoñecidas do mundo da cultura nas festas finais: como lectoras do manifesto ou como intervinientes nos actos.


O xurado do VII Premio Rosalía de Castro de Lingua na modalidade xeral e na específica de traballo de recuperación do galego nas idades máis temperás recoñeceu o traballo de  Xabier P. Docampo e Correlingua e Semente.


O Correlingua naceu no curso 2000-2001 e leva xa 16 anos a percorrer o noso país. Trátase dunha actividade escolar de duración anual que remata cunha festa nas rúas e prazas de diferentes localidades, festas que desde o día 2 ao 16 de maio percorren un promedio de 12 lugares cada ano.


O Correlingua é unha iniciativa que quere avanzar na normalización plena do noso idioma, e para iso ofrece un conxunto de actividades de realización colectiva que teñen o alumnado por protagonista, pois é o alumnado quen elabora a banda deseñada que ilustra a web do Correlingua, os vídeos que compartimos na rede e o manifesto que se le en cada festa final; é o alumnado quen elixe os grupos que actúan na festa final, ou actúa el mesmo, e quen decide os lemas dos estandartes que levan durante a marcha coa que percorren as nosas vilas e cidades.


Levar adiante o Correlingua é un traballo que ocupa todo o ano, mais que ten a súa recompensa na participación de centos de centros, e miles de alumnos e alumnas, por volta de 40.000, xa sexa como participantes directos nas festas finais, xa sexa como participantes nos certames que anualmente se convocan.


Agora o recoñecemento vén tamén por medio deste premio que dá azos para continuar e para mellorar unha actividade que se marca o obxectivo de pór en valor o noso idioma na franxa de idade que máis sofre a españolización e que conta con menos espazos para o uso normal da nosa lingua.


Un recoñecemento que ten aínda máis valor se consideramos que non contamos con apoio dos organismos que na Xunta de Galicia teñen responsabilidades lingüísticas e educativas e deberían recoñecer e apoiar este tipo de actividades.


Volver