O Correlingua lanza un ano máis o concurso Cantalingua para escoller os grupos que actuarán nas súas festas finais
O concurso esá destinado a grupos ou solistas que teñan como lingua o galego e está premiado con 10 actuacións musicais nas festas do Correlingua
O Cantalingua está premiado con 10 actuacións que se repartirán entre tres finalistas, terán lugar entre o 5 e o 16 de maio en diferentes vilas e cidades galegas, e están dirixidas ao público escolar que participará no Correlingua.
As cancións que se presenten serán avaliadas por alumnado de centros inscritos no Correlingua.
Con este concurso o Correlingua ten como obxectivos servir de canle de difusión da música galega actual, especialmente de grupos ou solistas amadores, e facilitar o achegamento da mocidade ao gran traballo que se está a desenvolver a nível musical no noso país.
Os grupos ou solistas que desexen presentarse deberán enviar unha canción en formato mp3, xunto cunha reseña, fotografía e datos ao enderezo correlingua@correlingua.org . O público poderá ouvir e descargar as cancións en www.cantalingua.org .