O Correlingua cumpre 20 anos volvendo aos centros de ensino para moverse polo galego

A tradicional festa reinvindicativa pola lingua reinvéntase para estar presente coa mesma forza nestes tempos de pandemia no ámbito educativo galego. Hoxe presentáronse en Pontevedra as actividades previstas para o vindeiro mes.

Nesta edición, Correlingua terá presenza física en 12 centros escolares de outras tantas localidades galegas e contará coa participación de 9 artistas en 16 actuacións. A programación comezará o 5 de novembro en Narón e prolongaranse ao longo de todo o mes. Na pasada primavera, a celebración estendida da lingua viuse obrigada a adiar as súas actividades por causa da pandemia que, a día de hoxe, segue limitando a normalidade da vida en Galicia.

Correlingua cumpre 20 anos nunha situación excepcional pero máis decidida que nunca a ser unha festa da lingua e en facer participar as rapazas e rapazas dos centros escolares do país nunha celebración a favor do galego que non pode deterse. A carreira reivindicativa polo galego volve aos centros escolares reconvertida nunha actividade de carácter máis lúdico-musical pero sen perder a súa esencia.

Nesta edición, Correlingua terá presenza física en 12 centros escolares de outras tantas localidades galegas e contará coa participación de 9 artistas en 16 actuacións que se levarán a cabo ao longo do próximo mes de novembro. 

Na presentación da vixésima edición desta actividade, que se celebra baixo o lema, Vinte coa lingua!, participaron María Ortega, deputada do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, Patrimonio Material e Memoria, Normalización Lingüística e Servizos Lingüísticos de Pontevedra; Alberto Oubiña, concelleiro de Xuventude, Normalización Lingüística e Coordinación do rural en Pontevedra; Anxo Terán, presidente da Asociación Cultural Correlingua; Marcos Maceira, presidente d’A Mesa pola Normalización Lingüística e Xacobe Rodríguez, secretario comarcal CIG-Ensino (Pontevedra).

Tal como se puxo de manifesto na presentación aos medios desta nova edición de Correlingua, as excepcionais circunstancias que concorren neste ano 2020 obrigan adaptarse a elas e polo tanto, as celebracións realizaranse de maneira controlada nos distintos centros que este ano acollen o Correlingua e engádese a transmisión dixital destas actividades para que todos os centros que o queiran poidan asistir virtualmente a elas. Deste xeito, Correlingua segue a celebrar coa rapazada dos centros o dereito a vivir en galego. Segundo sinalou o presidente de Correlingua, Anxo Terán, a edición deste ano “non podía pararse, por máis difícil que sexa a situación e menos neste vixésimo aniversario. Xuntamos nestas últimas edicións profesorado que hai anos participaba como alumnado; imos medrando e por iso estamos ledas de celebrarmos os vinte anos, un ano especial para un Correlingua diferente”. Terán tamén adicou esta edición a alumnas e alumnos, ao profesorado, ás institucións que nos levan apoiando todos estes anos”.

 

Na presentación Marcos Maceiras, presidente d'A Mesa non quixo deixar pasar a oportunidade de subliñar que a día de hoxe aínda hai limitacións dos contidos en galego para a rapazada e a mocidade, cunha programación da TVG limitada, motivo polo que vén de poñerse en marcha unha campaña para ter unha canle de programación infantil e xuvenil en galego as 24 horas, máis dobraxes en galego e outras melloras no audiovisual e na cultura. 

Vinte coa lingua

Baixo o lema Vinte coa lingua en referencia ao vixésimo aniversario desta proposta lúdica, educativa e reivindicativa esta edición plantéxase como obxectivo «propiciar a reflexión sobre a situación da lingua e a importancia de activar as accións a prol dela», «sensibilizar a sociedade, a través da poboación infantil e moza, da importancia da defensa da lingua», «asociar o uso do idioma a actividades colectivas, lúdicas e de interacción entre o alumnado de diferentes centros e localidades» e «contribuír a manter vivo o maior patrimonio creado polas galegas e os galegos e implicar as xeracións máis novas no cumprimento deste obxectivo».

Cada ano son máis de 20.000 nenos e nenas, mozas e mozos, os que participan nas actividades desenvolvidas arredor da celebración do Correlingua e mesmo hai casos de persoas que tendo participado nun Correlingua como alumnos xa tiveron a oportunidade participar como Mestres. Neste sentido, hai quen considera que o mesmo que no seu día houbo unha xeración Xabarín, agora podemos falar xa dunha Xeración Correlingua.

Localidades Correlingua

  • Narón. Pazo da Cultura | de novembro 20
  • Lugo. IES Nosa señora dos ollos grandes | de novembro 20
  • O Rosal. CPI Manuel Suárez Marquier | 12 de novembro 20
  • Pontevedra. CEIP de Xeve | 18 de novembro 20
  • Moaña. Centro sociocultural Daniel Castelao (Quintela) | 19 de novembro 20
  • A Mariña. Xove. CEIP Caselles Rollán | 20 de novembro 20
  • Ourense. IES As Lagoas | 27 de novembro 20
  • Vigo. IES Ricardo Mella.
  • A Coruña. CEIP. Alborada.
  • A Estrada. 
  • Zas. CPI de Zas 

Artistas participantes

  • Luís Caruncho
  • Cuarta Xusta
  • AldaoLado
  • Isabel Risco
  • Cé Orquestra Pantasma
  • A Gramola Gominola
  • Paco Nogueiras
  • Monoulius
  • Biribirlocke

Volver