O CORRELINGUA chega á súa 26º edición con máis forza ca nunca.

A festa da lingua percorrerá 12 cidades galegas con música en directo, xogos, carreiras e outras actividades coa finalidade de seguir combinando reivindicación e lecer e de aglutinar a miles de estudantes arredor da normalización do galego.

O martes 17 de marzo presentouse no Concello de Santiago de Compostela a 26º edición do Correlingua nunha rolda de prensa na que estiveron presentes a alcaldesa da cidade, Dna. Goretti Sanmartín Rei; a secretaria nacional da CIG-Ensino, Dna. Laura Arroxo; o coordinador nacional do Correlingua, D. Xacobe Rodríguez e mais Dna. Ana Rodiño en representación da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG).

A alcaldesa de Santiago; Dna. Goretti S. Rei declarou que “non hai nada máis transformador, radical e revolucionario nestes momentos que usar a nosa lingua”, ademais de destacar que “é imprescindible que a xuventude se sume á xente que fala galego” e reivindica o “acerto de continuar con esta actividade” (o Correlingua 26).

Dna. Laura Arroxo, secretaria nacional da CIG_Ensino, centrou a súa inervención na emotividade e o compoñente combativo co que se presenta o Correlingua nesta edición a través do lema: “Co galego no corazón, facemos revolución”, creación do alumnado de 1º de Actividades de Panadaría e Pastelería do CIFP de Vilamarín (Ourense);proposta, esta, escollida de entre todas as presentadas por centros de ensino de todo o país.

Pola súa banda, o coordinador nacional do Correlingua, salientou o carácter único desta actividade tanto na fonduracoa que se leva a cabo como pola lonxevidade da mesma. Ademais, leu un anaco do Manifesto deste ano e informando de todas as actividades que compoñen o Correlingua e que van dirixidas á comunidade educativa ( Regueifando!, Desata a Lingua, Crealingua) así como ao resto da sociedade (Cantalingua).

Para rematar, falou da importancia de que o alumnado asocie o uso do galego con algo lúdico e positivo e agradeceu ás institucións colaboradoras, sen as que non sería posible levar a cabo esta vixésimosexta edición.

Desta maneira, no acto presentáronse as diferentes actividades que engloba o Correlingua, déronse a coñecer o lema, a imaxe e o manifesto da presente edición e informouse ademais do calendario previsto para as grandes efeméredes do Correlingua: as súas festas e os lugares de celebración.

O manifesto do Correlingua é o resultado dos obradoiros ‘Desata a lingua’ celebrados no 2025 e nos que participaron alumnas e alumnos do IES Antón Fraguas (Santiago), CPI Virxe dos Remedios (Castro Caldelas), IES XermánAncochea Quevedo (A Pobra de Trives), IES Sanxillao (Lugo), IES do Camiño (Palas de Rei), IES de Ribadeo DionisioGamallo (Ribadeo), IES Eduardo Pondal (Ponteceso), IES Isidro Parga Pondal (Carballo), IES do Milladorio (O Milladoiro), IES Rosalía de Castro (Santiago), CPI de Mosteiro (Meis), IES Alfonso X O Sabio (Cambre), IES Xograr Afonso Gómez (Sarria), impartidos polas escritoras María Lado, Lucía Aldao e Antía Yañez.

 
ACTIVIDADES DO CORRELINGUA:

O Correlingua componse dunha serie de actividades nas que o alumnado dos centros de ensino pode participar ao longo do ano:

A PROCURA DO LEMA!

Cada ano os centros participan propoñendo o lema do Correlingua. Este ano, no último trimestre de 2025 participaron 56 centros de todo o país cun total de 1834 alumnos e alumnas que enviaron 190 propostas. O lema gañador ‘Co galego no corazón, facemos revolución’ Foi unha proposta do alumnado de 1º de Actividades de Panadaría e Pastelaría do CIFP de Vilamarín (Ourense).

 REGUEIFANDO!

Facemos unha gran regueifa colectiva. Enviamos a un centro un titorial, no que crean e gravan 3 coplas na aula, que se envían ao seguinte centro para que engadan as súas 3 coplas, e así sucesivamente con todos os centros participantes.
Dende xaneiro hai aulas traballando a Regueifa e creando coplas.
Nesta edición participan 37 grupos doutros tantos centros de ensino de toda Galiza cun total de 1.273 alumnos e alumnas. En maio quedará editado o vídeo que recolle todas as coplas.

OBRADOIROS “DESATA A LINGUA”

Obradoiros de escrita creativa impartidos por escritoras en aulas de 1º e 2º da ESO. Desde hai xa catro edicións comezamos con estes obradoiros coa intención de elaborar un manifesto colectivo. O manifesto desta edición é o resultado dese traballo feito nos centros no último trimestre do 2025.
**Os obradoiros que se farán no último trimestre do 2026 darán como resultado o manifesto do Correlingua 2027.

CREALINGUA

É un concurso libre de creación artística en galego, unha actividade que converte o Correlingua nunha ferramenta máis para promover o uso do galego no curso escolar. Aberto a todas as disciplinas artísticas: vídeo, banda deseñada, radio, podcast, TikTok… ou calquera outro formato. Prazo de recepción: ata 31 de maio de 2026.

CANTALINGUA

Convocatoria de música en galego aberta a todas as bandas e solistas de Galiza.
Os grupos musicais que participaron enviando unha canción en galego foron 28 nesta edición e entre eles atópanse os tres que animen as FESTAS CORRELINGUA 2026.

CALENDARIO FESTAS CORRELINGUA
Maio de 2026

SANTIAGO DE COMPOSTELA: martes 5 – Alameda

A CORUÑA: mércores 6 – Torre de Hércules

MOAÑA: xoves 7 Palco damúsica – A Xunqueira

A ESTRADA: martes 12 – Praza do Concello

MONFORTE: mércores 13 –Praza dos Condes

NARÓN: martes 19 – Pazo da Cultura

OURENSE: mércores 20 – Auditorio Municipal e Praza Maior

A MARIÑA: mércores 20 – (lugar por concretar)

PONTEVEDRA: xoves 21 – (lugar por concretar)

LALÍN: venres 22 – (lugar por concretar)

VIGO: venres 22 – Parque de Castrelos

LUGO: mércores 27 - Praza de Sta. María

 

Para asistir ás festas os centros teñen que cubrir a folla de inscrición na web do Correlingua. O prazo de inscrición remata o 24 de abril.

MANIFESTO CORRELINGUA 2026
 

“CO GALEGO NO CORAZÓN, FACEMOS REVOLUCIÓN”


Chegou a hora da revolución! E é cousa nosa. Das mozas e mozos que saímos ás rúas para defender a lingua con amor e intelixencia.

Chegou a hora! Porque… CO GALEGO NO CORAZÓN, FACEMOS REVOLUCIÓN.

Unha revolución que é nosa porque somos presente e futuro da lingua. Porque queremos ser diversidade, empatía e respecto.

Porque nos preocupamos pola nosa cultura. Polo noso legado. Polo noso territorio. Pola nosa educación.

Porque non permitiremos que ningunha lingua deixe de latexar. E menos aquela que nos fai galegas e galegos. Aquela que fala de onde vimos e a onde queremos chegar.

 E ti tamén podes unirte a esta revolta e dicir sen vergoña: CO GALEGO NO CORAZÓN, FACEMOS REVOLUCIÓN.

 Ti, que non o falas todos os días, pero sabes falalo. Ti, que o levas pegado na alma.

Ti, que o falas pero non en todos os sitios.

Ti, que queres aprendelo porque ves o mundo dende a curiosidade. Ti, que aínda non sabes que unha lingua pode medrar no teu peito. Ti, que non tes prexuízos.

Ti, que rompes cos prexuizos. Ti… podes ser o futuro.

E berrar ben forte, para que todo o mundo escoite: CO GALEGO NO CORAZÓN, FACEMOS REVOLUCIÓN 

E tamén vós, que coidades, ensinades, decidides e informades.

Vós, que abrazades e transmitides. Que podiades pasar, pero non pasades. Que vos preocupades polo noso porvir.Tamén vós podedes unirvos a esta marcha imparable, necesaria e xusta.

E podedes falar para que ningunha lingua quede muda. Para que se escoite ben lonxe que: CO GALEGO NO CORAZÓN, FACEMOS REVOLUCIÓN

Pois a revolta máis poderosa é a que nos fai ser nós.

E CO GALEGO NO CORAZÓN, FACEMOS REVOLUCIÓN.

Dossier de prensa Correlingua 2026. Descarga aquí.

Volver