O Correlingua segue coa celebración das festas e a súa emisión en directo na canle de You Tube
O vindeiro 26 de outubro terá lugar a terceira festa do Correlingua no auditorio municipal de Vigo presentada por Isabel Risco
A organización do Correlingua, baixo o lema Inmunízate co Galego, mantén as actividades que se veñen desenvolvendo nos centros de ensino e proxecta oito festas concerto no Correlingua 2021, das que xa se celebraron as dúas primeiras.
EMISIÓN EN DIRECTO VIGO "DESFRUTA DA FESTA EN DIRECTO OU EN DIFERIDO CANDO TI QUEIRAS"
A Coruña inaugurou as actividades o 19 de outubro de 2021 no auditorio do Ágora
As actuacións estiveron a cargo de Pauliña, gañadora do concurso Cantalingua, e de Galeatro. Na festa participou o alumnado de 2º e 4º dos CEIP Alborada e San Pedro de Visma e o seu profesorado utilizando o sistema de aulas burbulla, para garantir as medidas sanitarias.
Ligazón para a emisión por You Tube
Pontevedra continuou coas celebracións o 20 de outubro de 2021
A Alameda de Pontevedra acolleu a festa de Correlingua, protagonizada pola cambadesa Pauliña, que foi presentada por Isabel Risco. No acto participou tamén o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. A festa en Pontevedra tamén se celebrou polo sistema de aula burbulla e acudiu o alumnado de 4º, 5º, e 6º do CEIP Froebel e o seu profesorado.
Ligazón para a emisión por You Tube
Vigo acollerá mañá 26 de outubro no auditorio municipal a festa grande provincial
A festa do Correlingua chega a Vigo co concerto dos John Deeres, que foron o segundo premio da edición deste ano do Correlingua, máis Cé Orquestra Pantasma. A festa será presentada pola actriz e cómica Isabel Risco. O Correlingua celébrase este ano recuperando espazos públicos e cumprindo coas normas de seguridade sanitaria, utilizando o sistema de aula burbulla. O alumnado que participará ao vivo na festa serán nenas e nenos de 4 a 6 anos do CEIP Otero Pedrayo; alumnado de 5º e 6º do CEIP Virxe do Rocío; CEIP Balaídos, alumnado de 5º; e CEIP Ría de Vigo: En total participarán na festa 170 nenos e nenas. A festa será retransmitida por You Tube para ser seguida nas aulas dos centros de toda Galicia. Tamén participará no acto a concelleira viguesa de Festas e Turismo, Uxía Blanco.
Lembra que as festas de Correlingua 2021 serán emitidas en directo por You Tube para que o alumnado poida ver os espectáculos nas propias aulas. Tamén poden facer o visionado da celebración en diferido na mesma ligazón desde que pase o día. Os oito concertos que se celebrarán fóra dos centros terán unha asistencia media de 200 alumnas e alumnos e desenvólvense baixo o sistema de aula burbulla para garantir as medidas sanitarias.