O Correlingua 2021 bota a andar baixo o lema: Inmunízate co galego

O Correlingua, coa participación da CIG-Ensino, presenta unha proposta de carácter lúdico, educativo e reivindicativo que pretende convidar á mocidade e aos centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a crecer en galego

O vindeiro 20 de outubro comezarán as actividades do Correlingua 2021 baixo o lema "Inmunízate co galego" que terán como principal oferta oito concertos en outras tantas poboacións galegas comezando por A Coruña e se prolongarán até novembro por toda Galiza.

A presentación das actividades Correlingua 2021

As actividades completas de Correlingua para este outono foron presentadas na Deputación da Coruña pola deputada de Normalización Lingüística e Igualdade, María Muíño, Suso Bermello, secretario nacional da CIG Ensino; e Patricia Varela, presidenta da AS-PG. Tamén participaron na presentación a medios, o presidente de Correlingua, Anxo Terán; e a representante da Mesa pola Normalización Lingüística, Celia Armas. No Correlingua 2021 colaboran as deputacións de A Coruña, Lugo e Pontevedra, e os concellos de A Coruña, Pontevedra, Vigo, Ferrol, Bueu, A Estrada, Verín e Foz.

Tras dar a coñecer nos pasados meses os gañadores e gañadoras dos concursos de Cantalingua, e os de vídeo e banda deseñada, máis o manifesto gañador para esta edición 2021 de Correlingua, a partir do 20 de outubro comezarán as actividades ao vivo co alumnado dos distintos centros. Ademais dos concertos, este Correlingua 2021 ofrecerá actividades como obradoiros de escrita creativa, obradoiros de regueifas e banda deseñada e outras actividades de pequeno formato para desenvolver nos centros como a nomeada Palabras sobre o vento.

As Festas serán emitidas en directo por You Tube para que o alumnado poida ver os espectáculos nas propias aulas.  Os oito concertos que se celebrarán fóra dos centros terán unha asistencia media de 200 alumnos e desenvolveranse baixo o sistema de aula burbulla para garantir as medidas sanitarias, e que supón unha novidade con respecto á edición anterior do Correlingua. Sobre esta segunda edición de Correlingua en tempos de pandemia falou a deputada responsable de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, María Muíño, salientou a importancia de actividades como o Correlingua para "defender o dereito a medrar e a vivir en galego". Muíño apuntou que este é "un dereito que agora mesmo non está garantido".

Para Suso Bermello, secretario nacional de CIG-Ensino, Correlingua leva vinteunha edicións e hai que preguntarse que fan organizacións como as que están impulsando este evento "facendo o traballo de defensa do idioma que non está facendo nin a Xunta de Galiza nin a Consellaría de Educación". Bermello engadiu que todos os estudos e todos os datos "sinalan a mala situación do uso do galego no ensino, confirmado no dato de que 3 de 4 escolares que acaban o ciclo de estudos obrigatorios descoñecen o galego".

Patricia Varela, presidenta da AS-PG lembrou o lema desta vixésimo primeira edición do Correlingua, "Inmunízate coa lingua", para explicar que non "é accesorio porque o Correlingua non son só as festas finais". Relatou todas as actividades que rodean a este evento: os concursos de vídeo, de banda deseñada ou o que escolle o manifesto de cada ano. "Son actividades que fan que o alumnado sexa protagonista dentro e fóra das aulas", sinalou Varela. Engadiu tamén que as actividades queren ser motivadoras do uso do galego na aula e que ese uso teña continuación fóra.

Os concertos celebraranse polo sistema de aula burbulla para manter todas as garantías sanitarias, con aforos controlados e con retransmisión en liña. Máis de 1.500 escolares participarán nos oito concertos que están previstos.

Actividades en centros de ensino

A organización do Correlingua asegura unha importante cantidade e variedade nas actividades que se levarán a cabo nos centros educativos. Haberá obradoiros de creación colectiva de Regueifa, Banda Deseñada e de Escrita. Tamén se organizarán contacontos e actuacións musicais de pequeno formato. Tanto nos obradoiros como nas outras actividades procúrase que as persoas que os imparten e actúen sexan escritoras e artistas da propia provincia.

Festas Concerto con datas e localidades pechadas

20 de outubro en A Coruña no Auditorio Ágora e será a festa grande provincial, actuarán: Pauliña (gañador do Cantalingua) e Galeatro. Emisión en directo.

21 de outubro en Pontevedra  na Alameda, actuará Pauliña e presenta Isabel Risco. Emisión en directo.

26 de outubro en Vigo no Auditorio Municipal e será a festa grande provincial actuarán Os John Deeres (2º no Cantalingua) e Cé Orquestra Pantasma, presenta Isabel Risco. Emisión en directo.

28 de outubro en Ferrol no Auditorio Municipal, actuará Música Miúda, presenta Fran Rei. Emisión en directo.

29 de outubro en Bueu no Centro Social do Mar, actuará Música Miúda, presenta Fran Rei. Emisión en directo.

3 de novembro na Estrada no Teatro Principal, actuarán Música Miúda, presenta Fran Rei. Emisión en directo.

4 de novembro en Ponteareas na Sala Multiusos, actuará o Dúo Vaguedades. Emisión en directo.

22 de novembro en Verín no Auditorio e será a festa grande provincial, actuará Os John Deeres, presenta Fran Rei. Emisión en directo.

O 23 de novembro en Foz no Polideportivo e será a festa grande provincial e de peche do Correlingua 2021, actuarán Cozorellos Salvaxes e Monoulios DOP (3º premio en Catanlingua). Emisión en directo.

O garante dos dereitos e uso do galego no futuro débese a proxectos como O Correlingua a través das actividades que se desenvolven nos centros educativos, das carreiras e das festas finais que se celebran dentro deste programa. Debido á situación de crise sanitaria que estamos a atravesar dende o 2020 a causa da COVID-19 os actos públicos numerosos como as carreiras e festas finais do Correlingua non se poden celebrar, mais o proxecto do Correlingua, baixo o lema Inmunízate co Galego, mantén as actividades que se veñen desenvolvendo nos centros de ensino e proxéctanse outras actividades alternativas ás festas finais e carreiras para o Correlingua 2021.

Véxanse as gañadoras e gañadores da edición pasada nas ligazóns de abaixo

Volver