O Contencioso-Administrativo recoñece o dereito do funcionariado a cobrar parte da paga extraordinaria de 2012

A Área Pública da CIG demanda da Xunta a reposición inmediata “dos salarios roubados indebidamente aos/ás traballadores/as”

A CIG xunto coas outras organizacións que forman a Mesa Xeral da Función Pública compareceron este venres en rolda de prensa para valorar a sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo nº 3 de A Coruña, que vén recoñecer o dereito das empregadas e dos empregados públicos a cobrar parte da paga extra de 2012, que fora negada pola Administración Autonómica en suposta aplicación da normativa estatal de recortes dos dereitos laborais do persoal ao servizo das administracións.

A modificación estatal foi introducida polo Real Decreto-Lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade que reforma o artigo 50 do Estatuto Básico do Empregado Público. Este decreto é o mesmo que suprimiu, entre outros, os días de antigüidade  e os días de asuntos propios, deixando, ademais, sen efecto todos os acordos sindicais adoptados ata ese momento.

Esta, a do xulgado da Coruña, é a primeira das sentenzas que irán aparecendo ao longo da xeografía galega xa que se corresponde cunha serie de demandas interpostas en diferentes localidades dentro dunha acción concertada entre as catro centrais sindicais con presenza na Mesa Xeral de Negociación, encamiñada a exercer a defensa do funcionariado, que é un sector da poboación laboral que non pode interpor conflitos colectivos, dadas as peculiaridades que rexen o seu sistema de relacións laborais.

Estas demandas foron feitas a modo de sondaxe en todos os ámbitos do funcionariado (estatutarios, Sergas, Ensino, Administración xeral, etc.). “Acordamos esta forma de presentar estas demandas individuais porque, a diferencia do que sucede no ámbito do persoal laboral, no funcionariado non existe a posibilidade de formular un conflicto colectivo, o que obriga a interpoñer reclamacións individuais”, explicou na rolda de prensa a voceira da Área Pública da CIG, Maricarme López Santamariña.

Imposibilidade de aplicae a lei con carácter retroactivo

A sentenza recoñece que a aplicación da Lei 20/2012 non pode ser feita con carácter retroactivo, xa que son dereitos adquiridos antes da posta en vigor da mesma. A lei entrou en vigor o 15-07-2012 co que se recoñece que non procede aplicarse retroactivamente dende o 01-06-12 até o 14-07-12. Sendo este o período que a Xunta de Galiza estaba obrigada a facer pagamento.

Dende a Área Pública da CIG demandouse da Xunta de Galiza “cordura e sentido común”, e que proceda a cumprir a multitude de sentenzas que se teñen gañado “sobre o roubo da paga extra do ano 2012 as e os traballadores cuxos salarios dependen directa ou indirectamente dos presupostos da Xunta”.

Igualmente, a CIG denuncia “o malgasto que está a facer a Xunta de Galiza e o conxunto das Administracións dos fondos públicos”, xa que como a sentenza imponlle á Xunta de Galicia as costas do xuízo , que valora en 400 euros.

“Esiximos que non se dilapiden cartos públicos, obrigando o funcionariado e persoal laboral a presentar nos xulgados reclamacións indivuduais, polos custes xudiciais que isto terá e os colapsos dos ámbitos xudiciais, e que con  boa vontade proceda a recoñecer este dereito, que está sendo sentenciado polos xulgados de forma firme e contra a que non cabe interpoñer recurso”, advertiron.

O propio venres 24 de xaneiro a CIG, CCOO, UGT e CSI-F dirixímonos á Conselleira de Facenda solicitando unha entrevista urxente para que faga efectivo o  pagamento a todo o persoal funcionario e estatutario sen ter que facer reclamación individuais.

Críticas ao oportunismo

CIG-Área Pública tamén quere facer denuncia pública e considera que o vantaxismo e oportunismo que  algún/s  sindicato/s  fan coas sentenzas que están a saír nos distintos xulgados sobre as demandas das pagas extras do ano 2012, “só demostra a pouca solidariedade e o afán de protagonismo que teñen, xa que estas accións xurídicas foron acordadas conxuntamente polas centrais sindicais CIG,CCOO,UGT e CSIF no ámbito da Función Pública”.

Con carácter xeral, e para evitar farragosos trámites e gastos, a CIG vai a desenvolver todas as accións ao seu alcance para conseguir o recoñecemento do dereito a cobrar unha paga extra que, como calquera outro concepto salarial, é froito do traballo e esforzo de todos e cada un dos traballadores e traballadoras do sector público.

Volver