O Consello Escolar Municipal de Vigo rexeita o derrubamento da escola infantil Santa Marta

A moción, proposta pola CIG-Ensino, considera inxustificado o traslado

A central sindical quere evitar a reubicación do alumnado e garantir a continuidade dos servizos educativos

O Consello Escolar Municipal de Vigo (CEMV) aprobou onte unha moción da federación de Ensino da CIG reclamando manter a escola de educación infantil Santa Marta-Casco Vello no seu actual emprazamento, en tanto non se constrúa a escola prevista no Barrio do Cura.

Con esta iniciativa a central sindical quere evitar a reubicación do do alumnado e garantir a continuidade dos servizos educativos, tanto da escola infantil como do Centro de Formación e Recursos (CFR), onde o Concello de Vigo ten planeado situar a escola. 

Dende a central sindical denuncian que o Goberno local segue sen comunicar prazos de execución de obras no Barrio do Cura que xustifiquen o traslado da escola Santa Marta coa urxencia que se pretende, “pois aínda que a reurbanización deste barrio prevé a desaparición do actual edificio da escola e a construción dunha nova, non constan solicitudes para a execución de ningún tipo de obras no Barrio do Cura, segundo foi informado pola Xerencia de Urbanismo”.Segundo vén de saber a CIG-Ensino, o Concello comunicoulle onte ao CFR que ten que desaloxar o edificio antes do vindeiro 31 de xullo, circunstancia que o concelleiro de Educación e presidente do CEMV non comunicou durante a sesión.

Malia todo -critican- o Concello continúa co seu proxecto de traslado e derrubamento, sen ofrecer prazos para as actuacións e sen considerar os prexuízos que ocasionará ao ensino na cidade.

O sindicato congratúlase coa oferta de prazas de 0 anos para o vindeiro curso, porén mantén a preocupación polas traballadoras/es da escola dada a posibilidade de reubicación do alumnado noutras escolas nun curso no que, ademais, pode finalizar a xestión de Santa Marta pola actual empresa adxudicataria. “Esa reubicación pode traer graves trastornos ás familias; a conxelación da oferta de 1 e 2 anos é outro prexuízo, habida conta da demanda existente”.

Garantir a continuidade da escola

O traslado da escola ao edificio do Instituto Municipal de Educación, no Camiño do Chouzo, obriga á realización de obras de reforma e acondicionamento para o novo uso, e, ademais, ao desaloxamento previo do CFR que atende a todo o profesorado e centros educativos do sur da provincia. Mais tampouco se dá a coñecer ningunha previsión de reubicación nin de prazos para estas actuacións.

“Crear tanta incerteza nun ámbito tan sensíbel como o da educación infantil, e coincidindo co período de admisión, é prexudicial en si mesmo, como xa ten alertado o Consello Escolar Municipal noutras ocasións por actuacións doutras Administracións”.

Finalmente, dende a CIG-Ensino fan fincapé en que non se debe de esquecer o fundamental: o Concello ten que garantir a continuidade da escola infantil Santa Marta-Casco Vello, explicar a suposta urxencia para o derrubamento do edificio e informar das previsións sobre a futura escola infantil contemplada na reurbanización do Barrio do Cura.

“Se o Concello considera inevitábel o traslado debe actuar con total transparencia, datos técnicos e prazos, e cunha planificación previa que asegure a continuidade dos servizos actualmente operativos, tanto da escola Santa Marta como do Centro de Formación e Recursos”.

Volver