
O Consello Escolar de Galiza rexeita todas as emendas presentadas pola CIG-Ensino ao Decreto galego de FP
O sindicato nacionalista presentou unha emenda á totalidade (sobre todo pola introdución das novas figuras de persoal experto da empresa como docentes) e 36 ao articulado, dun total de 74 suxeitas a votación.
A secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, interpelou á directora xeral de FP, María Eugenia Pérez, sobre o caos que está sendo este inicio de curso nestas ensinanzas e lembroulle a negativa da Consellaría a retrasar comezo ao 15 de setembro, tal e como lle pediu o sindicato. Neste sentido citou os erros que está a dar a aplicación Proens para elaborar as programacións e a improvisación de comezar a impartir o novo módulo de Afondamento nas competencias profesionais sen tempo para elaborar o seu currículo. Ademais criticou a Consellaría por desatender a petición de retirar este proxecto de Decreto e iniciar de novo a súa negociación porque “vai significar a fin da Formación Profesional”.

A CIG-Ensino foi, das 9 entidades que conforman o Consello Escolar de Galiza, a que presentou máis emendas ao articulado do Proxecto de Decreto polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo galego, un total de 36 ao articulado e unha emenda á totalidade na que se pedía a retirada do proxecto e a negociación desde cero “esta vez si negociada co profesorado” dun novo texto. Para o sindicato maioritario no ensino público unha norma que vai substituír o Decreto de 2010 e desenvolver a xa de por si lesiva lexislación estatal que reformou a FP non pode ser aprobada “por ser un ataque ao profesorado, o verdadeiro artífice do prestixio social que acadaron estas ensinanzas nos últimos anos”.
Na súa emenda á totalidade a CIG-Ensino argumenta que desde o punto de vista sindical este proxecto é totalmente rexeitábel por implicar unha redución do persoal docente, un empeoramento das súas condicións laborais, o incremento feroz da privatización destas ensinanzas e un empeoramento moi relevante da formación do alumnado.
“A Consellaría laméntase de que a reforma da FP estivo moi mal deseñada polo Ministerio pero as súas decisións non fan máis que empeorar a normativa estatal. A primeira delas, elevar ao máximo o tempo de formación na empresa cando a dual intensiva está a ser un fracaso e hai moitos ciclos que este ano ou ben non obtiveron matrícula suficiente para implantarse ou ben tiveron que deixar de ofertarse en primeiro ou ben o propio alumnado decidiu cambiar á dual xeral, mesmo deixando de cobrar”, sinalou Laura Arroxo. “Mentres isto acontece -destacou- queda moito alumnado en listaxe de espera no réxime dual xeral, e empresas, academias, fundacións e demais entidades privadas lánzanse á caza desas matrículas porque mentres dure o diñeiro de Europa hai que facer negocio, coa venia da Consellaría”. A segunda decisión tamén criticada pola CIG foi a redistribución dos módulos e do seu horario dentro dos ciclos, deixando para segundo curso as 500 horas de formación na empresa obrigatorias, colocando tres dos novos módulos tamén en segundo (Dixitalización e os dous optativos de Habilidades e Afondamento) e duplicando a oferta de inglés a respecto do que estabelecía o currículo básico estatal. “Temos indicado en reiteradas ocasións que a Formación Profesional non está para solventar o coñecemento do inglés do seu alumnado e que cando este idioma é unha ferramenta de traballo xa ten entidade de módulo profesional. O alumnado de CM e CS pode complementar a súa formación en idiomas estranxeiros, non só en inglés, nas EOIs, sen necesidade de que se lle detraian 5 horas semanais en todos os ciclos aos módulos profesionais. Con todos os novos módulos que a Consellaría decidiu incorporar apenas a metade das 2000 horas dos ciclos se van a destinar a módulos profesionais impartidos nos centros educativos”, sinalou como crítica á actuación da Dirección Xeral de FP. A nivel práctico isto estase traducindo nunha “secundarización da FP” con moitos máis módulos de menos horas o que fai que cada docente poida impartir até un total de 10, algo insólito até agora neste nivel educativo.
A privatización chega ás entrañas da FP: ataque directo ao docente profesional
Mais sen dúbida o tema que centrou máis as emendas ao articulado do proxecto de Decreto foron as tres novas figuras, unha delas a maiores das contempladas no RD estatal 659/2023, que permiten que profesionais do sector privado poidan impartir docencia nos centros públicos sen requisitos de titulación específica nin de formación pedagóxica e nin sequera pasando un proceso de contratación pública, senón que poderán ser propostos directamente pola dirección dos centros. En opinión do sindicato nacionalista “a FP non pode ser nin o retiro dourado de profesionais das empresas nin o contexto para devolver favores”.
Finalmente todas as emendas da CIG-Ensino foron rexeitadas polo resto de membros do Consello Escolar, que ou ben votaron en contra ou se abstiveron.
O caos de inicio de curso
A secretaria nacional da CIG-Ensino aproveitou a presenza no debate e votación das emendas da directora xeral de FP para afearlle que non atenderan a petición de retrasar o inicio de curso cando menos até o próximo luns 15 nestas ensinanzas porque “tal e como e se prevía cos cambios que se introducen este curso era imposible ter todo preparado para o día 8. A día de hoxe -engadiu Arroxo-, aínda non están os horarios rematados, a aplicación Proens está a dar erros informáticos, non hai currículo elaborado para o módulo optativo de Afondamento nas competencias profesionais, o prazo de matrícula permanecerá aberto até o día 26 polo que até o 29 poderá incorporarse novo alumnado, hai moito profesorado sobre todo de inglés que se incorpora ás ensinanzas de FP e non ten a formación nin os recursos suficientes para afondar nos distintos sectores produtivos dos ciclos nos que ten que impartir, non hai ningún material elaborado en galego dos novos módulos de IPE II e Dixitalización...” En definitiva “prevese un curso moi convulso na FP sobre todo no momento en que chegue a formación curricular na empresa cun profesorado farto de burocracia e de prestarse aos intereses privatizadores da Consellaría e das empresas, de traballar en horarios nocturnos non recompensados, de ter que estar pendente da dual intensiva durante o mes de agosto, de formarse pola súa conta e nos seus períodos vacacionais e un longo etécetera de esixencias a cambio de cero recoñecemento”, sentenciou.