O Consello Escolar de Galiza aproba a emenda a totalidade presentada pola CIG-Ensino e outros membros do consello que solicita a retirada do currículo de ESO e Bacharelato en Galiza

O CEG con 20 votos a favor , 17 en contra e 0 abstención solicítalle a Consellaría de educación a retirada do decreto

A CIG-Ensino baseou a solicitude da retirada do decreto na necesidade de adiar a aplicación da LOMCE, xa que a estas alturas é unha chambonada querer aplicar un decreto que non vai estar aprobado até agosto ou setembro e que, porén, os centros teñen que ter como referencia para organizar o curso vindeiro sen coñecer, sequera, as materias que poden ofertar. Delegados e delegadas da CIG-Ensino concentráronse diante do edificio Cinc da Cidade da Cultura, coincidindo coa reunión do Consello Escolar de Galiza.

Amais a  CIG-Ensino defendeu a retirada deste anteproxecto por fixar as reválidas en ESO e bacharelato por estar impregnado de principios neoliberais, inocular unha maior españolización, renunciar ás cativas competencias que ten o Goberno galego para fixar contidos, pola súa confesionalidade, por estar orientado a unha aprendizaxe memorística e academicista, promulgar valores reaccionarios e sexistas, afirmar un sistema clasista, competitivo e segregador ou renunciar á normalización lingüística, entre outras razóns.  

 

Ademais a CIG-Ensino   motivou a súa emenda  porque o decreto:

 

  • Fixa unha ordenación do sistema educativo baseado na segregación con itinerancias desde 3º da ESO.

  • Procura apartar os sectores máis desfavorecidos socialmente do dereito á educación e con este obxectivo estabelécense as reválidas e os itinerarios.

  • Elimina a avaliación continua, desautorizando e menosprezando o traballo do profesorado que pasa a ser un preparador de reválidas no canto de ser docente.

  • Baixo o ensino integrado das linguas, procúrase a asimilación lingüística, negando o conflito  lingüístico e a discriminación e substitución lingüística.

  • Non se recollen como materias de libre configuración a Literatura Galega do Século XX e da Actualidade, Xeografía e Hª de Galiza, Xeoloxía, Literaturas Hispánicas, Literatura Universal Contemporánea etc. 

  • Non se aposta pola lingua portuguesa como segunda lingua estranxeira.

  • Non se explicita nin se garante que o alumnado poida elixir calquera das materias específicas e de libre configuración e a súa impartición vai depender do número de alumnado.

  • Non se estabelecen medidas concretas para a atención á diversidade.

  • Os desdobres non se contemplan, cando son imprescindíbeis en materias como os idiomas estranxeiros, materias prácticas, etc.

  • Suporá perda de postas de traballo, incremento de impartición de afíns e unha nova reconversión do profesorado.

  • Non contempla a redución das ratios a 20 alumnos/as máximo en ESO e 25 en bacharelato.

  • Estabelece as reválidas como requisito imprescindíbel para obter a titulación da ESO e de bacharel.

LIGAZÓN ÁS EMENDAS PRESENTADAS POLA CIG-ENSINO

Volver