Publicada no DOG a OPE de Educación aprobada polo Consello da Xunta para as prazas de estabilización derivadas da Lei 20/2021
A oferta final suma unha nova praza reclamada pola CIG Ensino
As prazas son as xa coñecidas despois da negociación na Mesa Sectorial, cunha única novidade: unha praza a maiores para o concurso excepcional que, segundo información da Consellaría, sería de Danza Contemporánea, unha das prazas tamén reclamadas pola CIG-Ensino. Así, o total de prazas a concurso chegarían a 1.156, manténdose as 125 para o concurso oposición extraordinario, sumando as 1.281 aprobadas na OPE. Podes ver as prazas neste documento da CIG-Ensino xa publicado ao remate da negociación na Mesa.
As prazas finalmente ofertadas implican máis que duplicar as inicialmente previstas pola Consellaría (dunha previsión de pouco máis de 500 prazas a concurso pasamos na primeira fase de negociación a 1.101 e finalmente a 1.155 (1.156 coa nova praza). As reclamacións da CIG-Ensino supuxeron, nesa segunda fase, un novo incremento do 5%. En total, o traballo de presión, control e seguimento das prazas feito pola CIG-Ensino implicou un incremento fundamental da oferta.
As demais prazas reclamadas pola CIG-Ensino foron desestimadas pola Consellaría.
O sindicato mantén a súa desconformidade coa aplicación de determinados criterios por parte da Xunta, tal e como informamos ao longo da negociación.
Está previsto que no mes de xuño se convoque Mesa Sectorial para negociar a convocatoria do concurso de méritos excepcional, cuxa publicación no DOG sería a partir de setembro.
Oferta pública de emprego. Ligazón