O Conselleiro responde á petición dos sindicatos co desaloxo policial

Actitude autoritaria da Consellaría

Hoxe estaba convocada a Mesa Sectorial de Educación que comezaba co punto no que se propoñía o incremento do horario lectivo do profesorado. As organizacións sindicais reclamamos a retirada deste punto e expresamos o noso rexeitamento á pretensión de liquidar un Acordo que contou co apoio de todas as organizacións sindicais no seu día. Tamén expresamos o noso rexeitamento ás formas da Consellaría por presentar este tema a seis días de rematar o curso escolar ou que fora trasladada aos medios antes ca aos representantes do profesorado.

A Consellaría negouse a escoitar as demandas das organizacións sindicais, ante isto reclamamos a presenza do Conselleiro, máximo responsábel da Consellaría, por tanto, responsábel de todas as propostas que se realizan. Reclamamos a súa presenza para que nos trasladase as explicacións pertinentes e para reclamarlle a el persoalmente a retirada da proposta.

Informados de que o Conselleiro non se presentaría na Mesa Sectorial, decidimos trasladarnos ao seu despacho e agardar alí a que nos recibise, a que recibise á Mesa Sectorial, é dicir, ao órganos legalmente constituído, que representa ao conxunto do profesorado, integrada por quince persoas distribuídas en función da representatividade cada organización. A Mesa Sectorial é un órgano único, é a lexítima representación do profesorado, 32000 profesoras e profesores.

Finalmente o Conselleiro enviou ás forzas da orde pública para desaloxarnos, curiosamente o dobre de policías que membros da Mesa nos encontrábamos pechados.

As organizacións sindicais rexeitamos o autoritarismo da Consellaría, que prefere a forza e a imposición ao diálogo. Consideramos ademais que estamos ante unha agresión inaceptábel e por iso mesmo xa lle comunicamos por escrito que:

“As organizacións sindicais, ante a actitude da Consellaría de Educación negándose a escoitar a demanda sindical de que se retire a proposta de incremento do horario lectivo e de que se manteña o Acordo de 8 de xuño, cuestión irrenunciábel, e ante a imposibilidade de ter finalizada calquera negociación antes de que remate o curso, ESIXIMOS que non se traia á Mesa Sectorial ningún outro tema e anunciamos que non nos sentaremos a tratar punto ningún, mentres non se atendan as nosas demandas sobre o Acordo de 8 de xuño.”

Texto presentado por escrito ante a Consellaría de Educación.

O talante autoritario da Consellaría de Educación, a negativa do Conselleiro a reunirse cos lexítimos representantes do profesorado, terá cumprida resposta nas mobilizacións convocadas.

CIG-ENSINO CCOO-ENSINO FETE-UGT ANPE STEG

Volver