O conselleiro de Educación volve amosar unha actitude antidemocrática co desaloxo da representación sindical maioritaria e negándose a fixar unha reunión

Unha vez máis constatouse a falta de diálogo da Xunta co 60% da representación do profesorado. O equipo de Román Rodríguez escudouse en que tiña actos fóra de San Caetano para non atendela pero non fixou ningunha data alternativa.

Apenas 3 horas e media despois de que unha docena de representantes dos sindicatos CIG-Ensino, STEG e CSIF se presentaran na Consellaría de Educación coa finalidade de seren recibidas por Román Rodríguez, a policía, por orde dos responsábeis deste departamento, procedeu ao seu desaloxo.

Desde a CIG-Ensino, como sindicato maioritario neste sector, continuarase con accións reivindicativas até conseguir que o conselleiro atenda as demandas que expresou o profesorado galego con contundencia nos últimos meses, participando en dúas convocatorias de folga no mesmo trimestre, asistindo masivamente a tres manifestacións e realizando accións de protesta desde máis de 330 centros educativos.

"Non imos consentir que se siga desprezando así o colectivo docente, debémonos a quen nos votou hai un ano cun programa electoral que mantemos firmemente na súa esencia, que é a de recuperar os dereitos que nos recortaron en materia de horario e retribucións e de avanzar en cuestións transcendentais como a baixada de ratios e a eliminación da burocracia. Porén, amosamos a nosa vontade negociadora a dilatar en dous anos a recuperación das 18 e 21 horas lectivas que vimos recortadas hai 12 e 14 anos respectivamente e a que a aplicación da redución das ratios en todas as etapas educativas teña como duración o máximo tempo de cada unha delas. Estamos cedendo nas nosas pretensións iniciais e o que nos atopamos é a unha Consellaría pechada no seu búnker e ao seu titular que non ten en conta a representación do 60% do profesorado. Pois hoxe aquí viñemos recordarlle que o profesorado non se vende nin se rende e que continuaremos con estas e outras accións até conseguir avances", declarou Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, no momento en que a policía procedeu á identificación e ao desaloxo das 11 representantes sindicais, por orde dos cargos políticos de Educación.

As tres organizacións levan desde o 2 de novembro apelando ao titular de Educación a que reciba aos sindicatos maioritarios e rectifique o acordo asinado cunha minoría. A última vez que se dirixiron a el foi mediante un escrito que lle foi remitido o pasado 4 de decembro e ao, que coma hoxe, lle seguiu o silencio por resposta. 

Volver