O conselleiro de Educación ponse do lado do dogmatismo reaccionario e evidencia que é parte do problema

A CIG-Ensino chama a todo o profesorado a participar na concentración deste mércores, ás 12 diante da Consellaría para defender a autonomía pedagóxica e reclamar un ensino con dereitos e libre de inxerencias políticas.

Rodríguez prefire acusar á CIG por desvelar os textos ultras do responsábel da Inspección e da avaliación do sistema educativo e amosa o seu apoio ao subdirector xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo.

Nas 48 horas que transcorreron tras a denuncia pública da CIG-Ensino duns artigos publicados por Enrique Prado Cueva, inspector de educación que ocupa o cargo de subdirector xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo, Román Rodríguez tivo tempo para ler eses textos. Tivo tempo para, segundo el mesmo afirmou, falar co “funcionario”. Tivo tempo para tomar medidas e cesalo ou pedirlle a súa dimisión. 48 horas dan para moito. 

Porén, o conselleiro aproveitou eses dous días para cargar contra a CIG-Ensino e contra calquera que considerase eses textos un insulto a todos os colectivos denigrados por Prado Cueva: profesorado, estudantado, mulleres, colectivo LGBTIQ+, entre outros colectivos. Para Rodríguez manter no cargo a esta persoa é “unha garantía de pluralidade”. Así, con todas as letras. 

As cuestións que neste momento trasladamos ao conxunto da sociedade galega e ao profesorado en particular son as seguintes: 

Pode un cargo da Consellaría de Educación responsábel do control da inspección educativa e a avaliación do sistema educativo seguir no posto tras se faceren públicos unha serie de artigos inzados de odio ao que non pensa como el, de xenofobia, machismo, galegofobia e con posicións contrarias á discriminación positiva e á inclusión? 

Pódese ser tolerante coa intolerancia? 

Pódese falar de neutralidade ideolóxica sen que lle caia a cara de vergoña despois de defender o sectarismo dun dos seus cargos? 

Cal é o límite da vergoña dos responsábeis políticos da Xunta? 

O problema non é só un subdirector xeral, o problema é (sobre todo) quen o xustifica 

Se é grave que unha persoa se manteña despois de 48 horas no cargo tras se coñeceren uns artigos nos que queda totalmente incapacitado como suposto “técnico” para as funcións encomendadas (lembremos o “mantra”  da neutralidade ideolóxica), aínda é máis grave que saia o conselleiro de Educación a afirmar que hai que tolerar estas afirmacións. 

Non falamos de que unha persoa, a nivel individual, escriba o que considere, por todo o repudio que nos mereza. Falamos dun cargo con responsabilidades importantes en materia educativa, máxime despois de que a Consellaría amosase a súa intención de controlar as actividades complementarias dos centros, a través precisamente da inspección educativa que lle ten que render contas a esta persoa, da man da directora xeral de Ordenación e Innovación, de quen non se sabe nada ao fío desta polémica. 

O problema, de se manter a posición do señor Rodríguez, xa non é das posicións profundamente reaccionarias desta persoa senón de quen o mantén con agrado no cargo. Isto evidencia dunha deriva aínda máis grave nas posicións dogmáticas dunha Xunta desbocada cara posicións extremas. 

O comunicado da CIG-Ensino do pasado venres remataba dicindo que o conselleiro tiña a palabra. Se non rectifica nas próximas horas estará claro que a palabra de Rodríguez estará lixada das posicións dogmáticas e intransixentes dunha persoa que nunca debería ter accedido a un cargo desa responsabilidade.  A palabra será, por tanto, do presidente Rueda. Vendo o trato dispensado ao conselleiro de Pesca, acusado dunha presunta agresión sexual, moito nos tememos o resultado.

Pódese acceder á nova da CIG-Ensino pedindo o cese do subdirector xeral nesta ligazón. Ligazón 

Un extracto máis amplo do pensamento reaccionario de Prado Cueva está dispoñíbel tamén na web da CIG-Ensino. Ligazón 

Os artigos ao completo de onde se extraeron todos os textos están dispoñíbeis nesta web.   Ligazón

Volver