O conselleiro de Educación increpado pola ANPA na súa visita ao CEIP de Prácticas da Coruña
O desprendemento de cascallos do edificio no patio do colexio producido na tarde de onte motivou unha concentración de urxencia na porta do centro coincidindo coa visita do conselleiro Román Rodríguez
As familias do alumnado levaron a cabo en cursos precedentes múltiples concentracións reclamando unha reforma integral do centro sen obter resposta ás súas peticións por parte da Consellaría.
O conselleiro de Educación foi increpado esta mañá cando visitaba o CEIP de Prácticas na Coruña por unha representación das familias do alumnado que levan varios anos reclamando que se arranxe o centro e alertan da perigosidade que supón para toda a comunidade educativa o estado das infraestruturas.
De feito onte mesmo producíronse desprendementos da cornixa, o que motivou un incremento do malestar de toda a comunidade educativa. Román Rodríguez desviou a responsabilidade cara á Universidade da Coruña, titular do edificio que cede espazo mediante un convenio á Consellaría. Mais as promesas e compromisos de proxectos técnicos non resultan suficientes para unha comunidade educativa que desenvolve a súa vida lectiva e laboral nun ambiente insalubre e perigoso para a súa integridade física. Aos reiterados atoamentos, humidades, avarías e deslucimentos do edificio súmase un novo desprendemento en espazos frecuentados por alumnado.
Para a CIG-Ensino, que estivo presente durante a protesta, resulta intolerábel que o máximo responsábel do ensino en Galiza permita que o alumnado de infantil e primaria da educación pública, así como o persoal docente e non docente dependente da Xunta de Galiza, reciba e preste servizos nunhas instalacións en mal estado que poñen en perigo a súa integridade. Desde a ANPA anuncian que retomarán as protestas e reclaman que o conselleiro asuma as súas obrigas.

