O conselleiro de Educación falta ao respecto ao profesorado durante unha visita institucional acusándoo de “traballar pouco”
Durante a “supervisión” das obras do IES Aquis Celenis de Caldas, o 2 de xaneiro, Román Rodríguez realizou por dúas veces esta afirmación impropia do seu cargo e que redunda no cualificativo como “clase ociosa” do seu subdirector xeral de Inspección.
A CIG-Ensino vén de coñecer que, por dúas veces, o conselleiro de Educación, co agravante de facelo no exercicio da súa representación institucional, declarou de forma directa ante un grupo de docentes do IES Aquis Celenis de Caldas que o profesorado “traballa pouco”, unha afirmación que non só está afastada da realidade diaria dos centros, senón que ademais contribúe activamente ao desprestixio social do persoal docente.
Para o sindicato é inadmisíbel que, desde a propia Consellaría de Educación, se exprese reiteradamente a idea de que o profesorado incumpre as súas obrigas profesionais e educativas. Porque este non é un feito illado, senón unha nova expresión do que parece o posicionamento dos altos cargos da Consellaría. Xa no mes de xuño pasado a CIG-Ensino denunciaba as opinións asinadas e publicadas polo subdirector xeral da Inspección e Avaliación do sistema educativo, Enrique Prado Cueva, nas que cualificaba o profesorado como “clase ociosa que só espertará se ve perigar o seu posto de traballo e os seus privilexios” e que considera a inclusión educativa como unha “presión curricular” que “debería ser analizada con moito coidado”, evitando “os principios inoperantes do progresismo”. Tras a petición de dimisión formulada pola CIG-Ensino, tanto a decisión de Román Rodríguez de non cesar o subdirector xeral como as súas propias declaracións evidencian que non só o apoia, senón que asume o seu discurso, por moito que se empeñe en transmitir unha imaxe moderada dentro do goberno de Rueda.
Desde a CIG-Ensino denúnciase esta falta de respecto e quere pórse de manifesto de novo que a realidade é ben outra, a que se leva evidenciando nos últimos anos cos recortes da Consellaría e este curso especialmente con cinco convocatorias de folga en apenas catro meses: docentes que asumen unhas ratios e carga lectiva elevadas, vacantes sen cubrir, unha burocracia asfixiante, falta de recursos para atender á diversidade, ausencia de recoñecemento e valorización da profesión, lexislación non consensuada pola falta de diálogo coa representación do profesorado... Desde o sindicato maioritario non só non se dubida, senón que se defende que o mellor do sistema educativo galego son as persoas que o sosteñen día a día: as e os docentes.
Ademais, cando Román Rodríguez afirma que “os profesores traballan pouco” dá voz a discursos que desautorizan o labor colectivo de miles de profesionais e sementa desconfianza na sociedade e no alumnado cara o profesorado e faino sen pudor porque se considera “intocábel”. Non é aceptábel baixo ningún concepto que quen ostenta a maior responsabilidade da Consellaría de Educación contribúa activamente a esfarelar a credibilidade do profesorado.
Desde a CIG-Ensino reclamamos respecto institucional, recoñecemento da función docente e un discurso público que non rebaixe nin desprestixie o profesorado, senón que recoñeza o seu esforzo e contribución ao funcionamento do ensino público galego. Exiximos ao conselleiro de Educación que rectifique e que, alén de que non se volvan repetir este tipo de afirmacións, se sente a negociar coa representación sindical maioritaria do profesorado para abordar as demandas que se acumulan durante os últimos 15 anos, desde a baixada de ratios e a recuperación do horario lectivo, pasando por unha dotación real de persoal para atender a diversidade, un plan efectivo de desburocratización, subas retributivas e fin da discriminación entre colectivos, normalización da nosa lingua no ensino e negociación de normativas fundamentais como o novo Decreto galego de FP, entre outras.
Novas relacionadas

