O concurso de traslados terá novo baremo e cun prazo de participación previsto do 5 ao 26 de novembro

A CIG-Ensino considera unha falta de respecto do Ministerio de Educación que teña presentado o borrador da orde de normas comúns sen convocar Mesa Docente estatal

O concurso xeral de traslados incorporará este curso todas as novidades xa previstas logo da negociación co Ministerio dos cambios no seu baremo. Estes cambios céntranse no incremento de puntuación por antigüidade no centro e por desempeño de cargos, na puntuación de máis dun doutoramento ou máster, na incorporación da acreditación dixital docente e nas certificacións de coñecemento de idiomas estranxeiros.

O Ministerio de Educación trasladou aos sindicatos que formamos parte da Mesa estatal o borrador das normas procedementais (este ano o concurso é de ámbito estatal) no mesmo día no que se reunía con responsábeis de persoal das diferentes comunidades autónomas, no que a CIG-Ensino considera unha falta de respecto ás organizacións sindicais e un incumprimento do compromiso de levar á Mesa calquera texto que afecte ao profesorado, incluída esta orde.

O prazo que figura no borrador para participar no concurso vai do 5 ao 26 de novembro e antes desas datas debe pasar pola Mesa Sectorial galega a convocatoria. A orde dun concurso de traslado está practicamente atada polo Real Decreto, en contra do criterio da CIG-Ensino, de que poidamos negociar na súa integridade os concursos a nivel galego.

CIG-Informa cos cambios no baremo

 

 

Volver