O comité de folga dá por rotas as negociacións con Beatriz Seijo SL ao non aceptar a empresa ningunha das reivindicacións e mesmo dar marcha atrás nas xa acordadas
Despois da resposta por escrito da empresa as traballadoras e a CIG-Ensino van intensificar as accións de protesta até acadar os obxectivos previstos
Despois de 20 días de folga as traballadores e traballadoras agradecen o apoio económico recibido para ir sufragando unha caixa de resistencia e mantéñense firmes no seu posicionamento. Durante a concentración celebrada esta mañá leron un comunicado que se reproduce a continuación.
"Queremos informar que hoxe recibimos, despois dunha semana sen resposta, unha contestación formal ás nosas demandas achegadas na negociación do pasado 23 de setembro.
A resposta da dirección da empresa Beatriz Seijo SL, Bea e Bruno, asesorados polo avogado Óscar Rodriguez Mallo do Grupo Fisela, é un desprezo á nosa profesionalidade, aos nosos oficios e o que é peor, unha burla cara a nosa situación persoal.
Simplemente NON a tódalas nosas demandas, incluso rexeitando compromisos xa adquiridos con anterioridade e con argumentos burdos e malintencionados que se ceban nas compañeiras.
Facemos unha lectura desta comunicación e do que está a pasar que compartimos con vós nun exercicio de transparencia:
- A única estratexia da dirección parece ser vencernos por esgotamento ou esperar que abandonemos a empresa.
- Non están dispostas a tratarnos como persoas nin como profesionais, senón a tratarnos con autoritarismo como subordinadas obedientes.
- Continuaremos coas nosas reivindicacións no mes de outubro. Hoxe realizamos unha concentración diante do espazo de Santa Marta ás 12 da mañá (a aula aberta da tarde cancélase pola climatoloxía) e seguiremos a argallar ferramentas para visibilizar a nosa loita.
- Recoñecemos, unha vez máis, o apoio e os coidados que nos estades a dar nestes xa 20 días de folga. Grazas por tanto!”
Negociacións rotas
O comité de folga declara que as negociacións están nestes intres rotas despois de que a empresa non acepte a readmisión da traballadora despedida, que tivera a relación laboral como falsa autónoma, nin ningún tipo de suba salarial malia que as traballadoras estean a cobrar 8,5 horas por hora, non corrixe a data de chamamento das fixas discontinuas que tiñan que estar dadas de alta desde comezos de curso e nin sequera acepta a realización de reunións periódicas nin a redución de ratios en actividades sobre todo nas aulas de cerámica nas que os recursos e espazos son limitados para atender correctamento o alumnado
.