O comité de folga da CIG-Ensino dos sectores privados de discapacidade, menores e infantil 0-3 rexeita a proposta de servizos mínimos de Política Social e Educación para o 3 de xuño
As dúas Consellarías con competencias nestes tres servizos “públicos” esenciais trasladaron e impuxeron, ao carecer de negociación, uns servizos mínimos que só van permitir que entre un 20 e un 30% do persoal a secunde.
En resposta a esta nova adversidade, o sindicato chama á participación masiva tanto na folga como na manifestación dende o Monte do Gozo até a Xunta de Galiza en San Caetano de todo o persoal traballador que non sexa nomeado nestes servizos mínimos tan esaxerados. Segundo as dúas administracións estes servizos de atención ás persoas e coidados son esenciais e permiten exercer o dereito á folga a un número suficiente porque segundo dixeron literalmente os usuarios/as teñen dereito a ser atendidos, “coidados” e o persoal traballador “estar contento por ter traballo”.
Durante a “negociación”, a CIG-Ensino ademais de xustificar por que cualifica a proposta da Xunta de “abusiva” denunciou que se pretenda con isto silenciar a problemática destes tres sectores, aos que a conselleira Fabiola García segue sen recibir malia as múltiples peticións de reunión con ela e mobilizacións levadas a cabo nos dous últimos anos. En realidade a negociación dos servizos mínimos con Política Social non existiu, negándose esta incluso a ter unha xuntanza online. Só solicitou emendas á súa proposta dando 24h de prazo para responder, unha cuestión que está a valorar a asesoría xurídica da CIG para recorrela, posto que a norma é clara ao respecto ao recoller “xuntanza e negociación co comité de folga para establecer os servizos mínimos").
Ademais, a CIG fai un chamamento á responsabilidade da administración e das patronais para que se comprometan a poñer data e manter xuntanzas tripartitas para tratar as problemáticas do persoal traballador. A CIG-Ensino ofreceu paralizar a xornada de folga legalmente convocada, co compromiso de ser atendidos, escoitar ao persoal e comezar as negociacións, mais a única resposta que obtivo foi que se estudarían as emendas aos servizos mínimos e que se respondería coa súa publicación no DOG. Sorprende que a conselleira de Política Social se desentenda dos sectores que están baixo as súas competencias para escoitar as demandas laborais e salariais do seu persoal mentres que actúa con tanta contundencia para decretar servizos mínimos e para boicotear o dereito á folga. As competencias hai que exercelas para todo e máis nestes casos cando as patronais, asociacións e empresas dos distintos sectores dependen a súa maioría da administración ao ser entidades sen ánimo de lucro.
A “negociación” destes servizos mínimos produciuse desta vez a cinco días da convocatoria da folga, único positivo cando antes era dous días antes dificultando incluso a organización nos centros. Isto amosa o nulo interese que amosan polo servizo e menos que sexa de calidade, como si reivindica o persoal traballador e non só as súas condicións laborais e salariais. A proposta da administración de servizos mínimos supón unha clara vulneración do dereito a secundar esta convocatoria xa que os centros de atención á discapacidade, das escolas infantís 0-3 e dos centros de reforma e protección de menores teñen que prestar o servizo case coma un día normal de traballo. Hai días laborais que incluso se está por debaixo destes SS.MM ao non substituír ao persoal de baixa, licenzas ou permisos...
O resultado estímase, segundo o comité de folga, en que só entre un 20 a un 30% do persoal traballador poderá exercer o seu dereito á folga, o que contrasta por exemplo co que vén de acontecer no SERGAS que practicamente puido participar todo o colectivo de técnicos e técnicas sanitarios nas folgas convocadas para estes días ou durante a folga de persoal médico. A dobre vara de medir da administración autonómica vese claramente reflectida ao facilitar unha folga contra o goberno central e obstaculizar a que se realiza en Galiza demandando convenios galegos propios nestes tres sectores coa intermediación da Xunta. Os servizos xurídicos do sindicato estudarán presentar demanda por vulneración dun dereito fundamental, se non rectifican e atenden emendas presentadas.
A CIG-Ensino advertiu na convocatoria da folga, primeiro a Emprego, e despois a estas dúas Consellarías (Política Social e Educación), de que había centros afectados pola aplicación do XVI convenio de discapacidade pertencentes á Consellaría de Sanidade, que xa na folga do 6N de 2025 non foron tidos en conta para a fixación de SSMM. Na práctica isto permitría que todo o persoal destes centros poida ir á folga deses centros. Haberá que ver que acontece desta vez. Se volverán mirar para outro lado ou non.
Servizos mínimos “impostos” por Política Social para centros privados para publicar no DOG de cara á folga do 3 de xuño: ligazón
Para E.I. públicas: ligazón
Servizos mínimos “negociados” coa Consellaría de Educación para os Centros de Educación Especial de titularidade privada para publicar no DOG: ligazón
ORDE do 29 de maio de 2026 pola que se establecen os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais nos centros de educación infantil 0-3, nos centros e servizos de atención a persoas con discapacidade, nos centros de reforma xuvenil e protección de menores e nos centros educativos de educación especial de titularidade privada: ligazón
Proposta CIG-Ensino para Servizos Mínimos nos 3 sectores privados convocados para o 3 de xuño de 2026:
Infantil:
Entendemos que deberían poder pechar e así todo o persoal traballador exercer dereito básico fundamental á folga. Mínimos aceptables e non ter que tomar medidas legais desde a asesoría xurídica unha vez máis:
Garantir apertura e peche do centro por parte da dirección ou 1 membro do equipo docente.
Isto xa se ten recollido noutras folgas e así se regula nos centros educativos de Infantil 3-6, Primaria, ESO...
Non se trata dun servizo esencial ao non estar os 365 días abertos e as 24h., incluso pechan períodos durante o ano como verán, Semana Santa, Nadal...
O decreto 329/2005 que se aplica a menores había que facelo aquí e non hai marcados SS.MM.
Menores:
- Ciema, PEF e outros que funcionan de luns a venres, poder pechar tamén, polos mesmos argumentos que nas E.I.. Mínimos aceptables: Garantir apertura e peche pola dirección ou persoa responsable na que delegue.
- Resto centros con residencias:
- 1 educador/a en quenda de noite
- A dirección ou responsable en quen delegue (subdirección...): 1 en cada quenda do día
- 1 cociñeiro/a en cada quenda do día
- 1 educador/a por fogar ou módulo, respectando os mínimos das ratios reguladas (exemplo: no de reforma de Concepción Arenal 4 por quenda de día)
- Suspéndense actividades e prescíndese de coordinacións, auxiliares,...
Discapacidade:
- Centros ocupacionais (de emprego) de día e “educativos” (regúlaos o XVI Convenio), poder pechar, mesmo razoamento que nas E.I., CIEMA, PEF,... con máis motivo cando dende Política Social só esixe abrir 220 días ao ano. Mínimos aceptables:
Garantir apertura e peche pola dirección ou persoa responsable na que delegue.
Nada de transporte.
- Resto centros con residencias:
- A dirección ou responsable en quen delegue (subdirección, ...) 1 en cada quenda de día
- 1 cociñeiro/a en cada quenda do día
- Número de coidadoras/es ou outro persoal requerido, respectando os mínimos das ratios reguladas en cada tipo de residencia (non só atención directa).
- Suspéndense actividades e prescíndese deutros servizos, coordinacións, auxiliares, monitores...
- No Souto de Leixa : - A dirección ou responsable en quen delegue (subdirección...) 1 en cada quenda de día.
- 1 cociñeiro/a en cada quenda do día
- Número de persoas mínimo para atender servizo segundo a ratio marcada. Sen ordenanzas nin monitores, cero actividades.
- No de Ourense: - A dirección ou responsable en quen delegue (subdirección...): 1 en cada quenda de día.
- 1 cociñeiro/a en cada quenda do día
- Número de persoas mínimo para atender servizo segundo a ratio marcada. Sen monitor/a, sen mantemento, sen educador/a,... logopeda, psicólogo/a e trababallador/a social. Ou se hai estes baixar coidadores/as...
Novas relacionadas

