O comité de folga da CIG-Ensino dos sectores de discapacidade, menores e infantil 0-3 rexeita a proposta de servizos mínimos de Política Social para o 6 de novembro

A Consellaría con competencias nestes tres servizos públicos esenciais trasladou onte uns servizos mínimos que vulneran o dereito á folga e que son claramente abusivos, contrariamente ao que está acontecendo por exemplo no SERGAS.

En resposta a esta nova adversidade, o sindicato chama á participación masiva tanto na folga como na manifestación diante da Xunta de todo o persoal traballador que non sexa nomeado nestes SS.MM tan esaxerados.

Durante a negociación, a CIG-Ensino ademais de xustificar por que cualifica a proposta da Xunta de “abusiva” denunciou que se pretenda con isto silenciar a problemática destes tres sectores, aos que a conselleira Fabiola García segue sen recibir malia as múltiples peticións de reunión con ela. Ademais, fíxose un chamamento á responsabilidade da administración e das patronais (todas presentes por primeira vez nestas xuntanzas, ademais de asociacións e empresas dos tres sectores) para que se comprometan a poñer data e manter xuntanzas tripartitas para tratar as problemáticas do persoal traballador. A CIG-Ensino ofreceu paralizar a xornada de folga legalmente convocada mais a única resposta que obtivo foi que se estudarían as emendas aos servizos mínimos e que se respondería antes da súa publicación no DOG o 5 de novembro. Ao remate da reunión quedaron os representantes da administración e da parte patronal para “aclarar dúbidas” que puideran ter, actuando a Xunta como se se tratase dunha gran patronal. Sorprende que a conselleira de Política Social se desentenda dos sectores que están baixo as súas competencias para atender demandas laborais e salariais do seu persoal mentres que actúe con tanta contundencia para decretar servizos mínimos e para boicotear o dereito á folga. As competencias hai que exercelas para todo e máis nestes casos cando as patronais, asociacións e empresas dos distintos sectores dependen a súa maioría da administración ao ser entidades sen ánimo de lucro.  

A “negociación” destes servizos mínimos prodúcese a tres días da convocatoria da folga e supón unha clara vulneración do dereito a secunda esta convocatoria xa que os centros de atención á discapacidade, das escolas infantís 0-3 e dos centros de reforma e protección de menores teñen que prestar o servizo case coma un día normal de traballo. O resultado estímase, segundo o comité de folga, en que só entre un 20 a un 30% do persoal traballador poderá exercer o seu dereito á folga, o que contrasta por exemplo co que vén de acontecer no SERGAS que practicamente puido participar todo o colectivo de técnicos e técnicas sanitarios nas folgas convocadas para estes días. A dobre vara de medir da administración autonómica vese claramente reflectida ao facilitar unha folga contra o goberno central e obstaculizar a que se realiza en Galiza demandando convenios galegos propios nestes tres sectores coa intermediación da Xunta. Os servizos xurídicos do sindicato estudarán presentar demanda por vulneración dun dereito fundamental, se non rectifican e atenden emendas presentadas.

Proposta de servizos mínimos da administración para a folga do 6N: ligazón

Modificación presentada hoxe na mesa negociadora para discapacidade pola patronal e aceptada pola administración: ligazón

CIG

Emendas/propostas presentadas polo comité de folga da CIG-Ensino

Infantil

Entendemos que deberían poder pechar as escolas e así todo o persoal traballador exercer o dereito básico fundamental a participar na folga. Con todo, en aras de acordar uns mínimos aceptables e non ter que tomar medidas legais, dende a asesoría xurídica, unha vez máis, solicitamos:

Garantir apertura e peche do centro por parte da dirección e/ou 1 membro do equipo docente.

Isto xa se ten recollido noutras folgas e así se regula nos centros educativos de Infantil 3-6, Primaria, ESO...

Non se trata dun servizo esencial ao non estar os 365 días abertos e as 24h., dado que pechan durante varios períodos ao ano.

O decreto 329/2005 que a Consellaría aplica a menores había que aplicalo no primeiro ciclo de infantil e, como non hai marcados SS.MM., estes non deberan decretarse.

Menores: 

- CIEMA, PEF, e outros tipos de centros que funcionan de luns a venres, solicítase poder pechar polos mesmos razoamentos que nas escolas infantís. Con todo os mínimos aceptábeis na negociación serían garantir apertura e peche pola dirección e/ou persoa responsable na que delegue. 

- Resto de centros de reforma e protección con residencias:

A dirección e/ou responsable en quen delegue (subdirección,...) 1 en cada quenda de día

1 cociñeiro/a en cada quenda do día

1 educador/a en quenda de noite

1 educador/a por fogar ou módulo, respectando os mínimos das ratios reguladas (exemplo: no de reforma Concepción Arenal 4 por quenda de día)

Suspéndense actividades e prescíndese de coordinacións, auxiliares,... 

Discapacidade: 

- Centros ocupacionais (de emprego), de día (terapéuticos) e “educativos” (regúlaos o XVI Convenio e non se recollen, polo que carecen de SS.MM. A quen lles apliquen VII convenio do ensino concertado non están convocados). Solicítase poder pechar, ao igual que nas escolas infantís, CIEMA, PEF.... e máis tendo en conta que no sector da discapacidade Política Social só esixe abrir 220 días ao ano. Serían mínimos aceptables:

Garantir apertura e peche pola dirección ou persoa responsábel na que delegue. Non se incluiría o transporte.

Segundo as ratios:

1:15 en centros de día e 1:25 en centros ocupacionais e eliminar persoal de atención directa.

O transporte non garante os coidados, non é esencial nestes centros. 

- Resto de centros con residencias

A dirección e/ou responsable en quen delegue (subdirección,...) 1 en cada quenda de día

1 cociñeiro/a en cada quenda do día

Nº de coidadoras/es ou outro persoal requirido, respectando os mínimos das ratios reguladas en cada tipo de residencia (non só atención directa).

Suspéndense actividades e prescíndese doutros servizos, coordinacións, auxiliares, monitores/as,... 

- No Centro de Atención a Persoas con Discapacidade Souto de Leixa de Ferrol:

- A dirección ou responsable en quen delegue (subdirección, ...) 1 en cada quenda de día.

- 1 cociñeiro/a en cada quenda do día

- Número de persoas traballadoras mínimo para atender servizo segundo a ratio marcada. Sen ordenanzas, nin monitores, cero actividades, e se hai estas categorías reducir número de coidadoras/es. 

- No Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Ourense:

- A dirección e/ou responsable en quen delegue (subdirección, ...) 1 en cada quenda de día.

-1 cociñeiro/a en cada quenda do día

- Número de persoas mínimo para atender servizo segundo a ratio marcada. Sen monitor, mantemento, educador/a, logopeda, psicólogo/a,..., é dicir, sen actividades. Se hai estas categorías reducir coidadores/as.

 

CIG-Informa proposta servizos mínimos folga do 6N dos tres sectores

Documento


Volver