“O combate contra a LOMCE continuará até que se derrogue a lei”, defende Anxo Louzao

A CIG-Ensino deu a coñecer en rolda de prensa as propostas que está a trasladar ao profesorado contra aplicación da LOMCE

A CIG-Ensino deu a coñecer este martes 18 de febreiro, en rolda de prensa, unha serie de propostas que teñen como obxectivo procurar, na medida do posible, non aplicar a LOMCE. Porque, tal é como explicou o seu secretario nacional, Anxo Louzao, “o combate contra a LOMCE continúa mentres non se derrogue a lei. Estas medidas comportarían un ataque práctico a importantes aspectos da lei, manterían o seu combate e serían a mellor credencial para que se derrogue no momento en que se conforme un goberno diferente no Estado”, engadiu.

 A CIG-Ensino tamén “apoiará propostas que, de maneira colectiva, poñan en cuestión a lei, mesmamente boicoteándoa se houber apoio colectivo suficiente”, advertiu Anxo Louzao. Cando isto non sexa posible, proponse ao profesorado que faga constar que acata a norma por imperativo legal.

Nesta rolda de prensa, a CIG-Ensino tamén denunciou a falta de debate que se está a producir no proceso de aprobación dos novos currículos das materias que unicamente se presentaron na Permanente do Consello Escolar do Estado (e non no seu Pleno) cun prazo de só doce días para facer propostas de modificación. Ademais son currículos que segundo explicou Anxo Louzao, invaden as competencias da comunidade autónoma porque pola súa extensión, van moito máis alá de fixar ensinanzas mínimas. Por iso, Anxo  Louzao criticou a actitude de “docilidade e submisión” que segue mantendo o conselleiro de Educación xa que nin sequera fixo pública a súa posición.

Resumo das propostas presentadas pola CIG-Ensino

  • Non fixar novos libros de texto para o alumnado, intentando traballar con outro tipo de materiais, entre outros, cos libros de texto de anos anteriores e manter actividades complementarias que reforcen a galeguización do ensino.
  • Procurar que as familias opten pola elección da materia Valores Socias e Cívicos, en primaria, e por Valores Éticos, en secundaria, no canto da materia de Relixión e usar mecanismos que favorezan que o alumnado opte pola materia alternativa á Relixión, como, por exemplo, equiparar as cualificacións ás de Relixión.
  • Intentar que a aplicación da LOMCE non supoña perda de carga lectiva para materias como Educación Artística, en primaria, e Educación Artística e Visual, Música, Tecnoloxía ou Filosofía necesarias para a formación integral do alumnado.
  • Que non se inclúa  a materia Iniciación á Actividade Emprendedora e Empresarial como oferta do centro,  porque suporía introducir a ideoloxía neoliberal no centro.
  • Manter  o esquema estrutural por ciclos co que se traballou ata agora.
  • Procurar que a persoa escollida para a dirección sexa a que teña  o apoio maioritario do Consello Escolar e do Claustro de profesorado e que as persoas elixidas para formar parte da comisión de elección de director/directora defendan a opinión maioritaria do Consello Escolar.  A dirección debe comprometerse a que o Consello Escolar e o Claustro manteñan as competencias que até agora lles correspondían.
  • Non acollerse aos programas de calidade, xa que procuran un modelo de xestión empresarial e a especialización curricular e proporcionan máis recursos aos centros con mellores resultados académicos. A dirección dos centros que se acollan seralle trasladada, entre outras, a potestade de rexeitar a incorporación de profesorado interino e de manter o profesorado no centro á marxe dos concursos de traslados.
  • Rexeitar que se reserve o 20% da puntuación para a admisión do alumnado a criterios de rendemento escolar . 
  • Rexeitar participación nas reválidas e na cualificación do alumnado doutros centro e negarse negarnos a publicar e/ou publicitar o resultado das avaliacións finais de primaria e das de diagnose que se poidan estabelecer.

Anxo Louzao rematou a súa comparecencia diante dos medios de comunicación facendo un chamamento a seguir combatendo esta lei, co fin de conseguir un sistema educativo propiamente galego, público, gratuíto, laico, científico, coeducativo e democrático. “A efectivización e o éxito destas medidas dependerá de todos e todas nós”, engadiu.

Ligazón ao CIG INFORMA que recolle as propostas

Volver