O caos provocado nos centros docentes tras a crise enerxética é responsabilidade da mala xestión da administración

O sindicato considera que as informacións contraditorias deixan de novo ás direccións e ao profesorado en xeral no abandono habitual nos casos de emerxencias que afectan aos centros

Xestionar unha crise como a vivida no día de onte non é doado e non será a CIG-Ensino quen critique que as decisións que se tomen teñan que acertar plenamente; tampouco na faceta da comunicación dado precisamente a dificultade derivada do colapso enerxético.

O que si é criticábel é que non exista coordinación entre as diferentes administracións e entre estas e os centros educativos e iso foi o que aconteceu entre a noite de onte e a mañá de hoxe.

Non é cuestión de se é máis correcto decretar o peche dos centros ou a suspensión tan só das actividades docentes. Calquera das dúas decisións pode entenderse como válida e como sindicato non as poñemos en cuestión, máxime cando se toma inicialmente onte á noite e con escasa marxe para coñecemento de profesorado e familias.

O caos prodúcese porque a Consellaría de Educación non comunica correctamente o que se debe facer na xornada de hoxe e non é até as 7:47 da mañá cando, citando o goberno central, dá ordes expresas de que os centros estean abertos para a atención de calquera incidencia.

Ampararse no goberno central cando foi o propio presidente Rueda quen decidiu ceder a responsabilidade de xestionar a situación é, cando menos, sintomático dunha mala xestión desa cesión de competencias. Suponse que quen se bota a un lado ten que saber exactamente cales son as ordes que debe executar.  Para a CIG-Ensino non ten sentido ter cedido a xestión da crise ao goberno central e obedece a unha decisión partidista. Mais o que nos preocupa sobe todo é que novamente se deixa tirado ao profesorado e ás direccións.

Ao respecto das ausencias que se puidesen ter producido por parte do persoal dos centros no día de hoxe, a CIG-Ensino exixe da Consellaría que remita aos centros un comunicado para que se acepten como causa de forza maior as xustificacións que se presenten. Ao tempo, o sindicato apela á responsabilidade da Xunta para mellorar toda a xestión das emerxencias que, como neste caso, afectan dun xeito fundamental a todos os centros.

Volver