O barrio en feminino
Experiencia educativa no CEIP Concepción Arenal da Coruña.
O profesorado promotor desta interesante iniciativa Xosé Antas, Davinia Tomé e a realizadora Cristina de la Torre achéganos a gravación dunha actividade que afonda no traballo da coeducación e do apego á cidade na que vive o alumnado desde unha perspectiva lúdica e integradora. Parabenizamos a iniciativa e agradecemos que nola facilitasen para poder así contribuír á súa divulgación. Así mesmo, animamos ao profesorado doutros centros para que poña en práctica a iniciativa.
En 2018 naceu no CEIP Concepción Arenal da Coruña o proxecto “O barrio en feminino”, unha iniciativa coa que o alumnado percorre os barrios de Catro Camiños e Oza en clave feminista. É un roteiro guiado que se celebra cada 8 de marzo e no que, a través do rueiro, o alumnado redescobre a súa contorna con xogos e dinámicas, poñendo en valor a pegada das mulleres en lugares como A Cubela, A Palloza ou o río Monelos.
Tras sete anos de celebración, o colexio realiza en 2025 unha curta documental de 15 minutos de duración. Nela recóllese a esencia dunha iniciativa que en oito anos xa gozaron máis de 350 rapazas e rapaces.
O documental foi gravado polo alumnado coa axuda dos dos e das docentes e a relizadora e contou tamén coa participación da Biblioteca de Estudos Locais e de Ana Romero, do Instituto Xosé Cornide.




