O anteproxecto de Orzamentos Xerais do Estado afonda no recorte de empregos e salarios

O Goberno de Rajoy mantén a conxelación salarial para os empregados/as públicos e a taxa de reposición no 0% na case totalidade das administracións públicas

Na tarde deste mércores tivo lugar a Mesa Xeral de Administracións Públicas co único punto na orde do día da presentación do capítulo dedicado a persoal dos Orzamentos Xerais do Estado para 2013, que aborda as retribucións e condicións laborais do persoal ao servizo das administracións públicas. Un ano máis, a Área Pública ten que manifestar o seu absoluto rexeitamento ao contido duns orzamentos que reinciden na conxelación salarial e no mantemento da taxa de reposición do 0% na case totalidade das Administracións públicas, afondando deste xeito no deterioro e desmantelamento dos servizos públicos.

A convocatoria, da Mesa, como vén sendo habitual foi remitida aos sindicatos sen documentación previa para poder analizar en profundidade o contido deste capitulo dos Orzamentos e valorar en toda a súa extensión o impacto que terán tanto nas condicións salariais e laborais do persoal como no propio funcionamento e mantemento dos servizos públicos. Este método impositivo e escurantista imposibilita presentar alternativas nin negociar ningúns dos aspectos tratados. Trátase dun trámite máis que o Goberno ten que cumprir porque así lle obriga a lei.

Segundo os datos presentados, o persoal das administracións recuperarán a paga extraordinaria de Nadal para o vindeiro 2013. Porén, o Goberno do PP mantén a conxelación salarial, sen dar posibilidade á actualización da perda do poder adquisitivo acumulada dende 2009 nin de recuperar a redución dos nosos salarios que se produciu desde Xullo de 2010. Neste senso, a Área Pública da CIG lembra que tan só neste ano, os empregados e empregadas públicas perderon case o 10% da súa capacidade adquisitiva (por mor da supresión da paga extraordinaria de Nadal, que supón unha baixada do 7%, unida á suba do IPC, situado a remate de agosto no 2,7%).

Respecto da taxa de reposición,  esta mantense nun 0% para todo o sector público, agás en determinados sectores básicos, como Educación e Sanidade, onde será de até un 10%, ao igual que para os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, Forzas Armadas e corpos de loita contra a fraude fiscal. Non obstante, segundo se informou na Mesa, non se producirán contratacións de persoal eventual ou interinos/as, excepto naqueles casos inaprazábeis en sectores prioritarios ou que afecten a servizos públicos esenciais, mais coa autorización previa correspondente.

Un ano máis limitan a taxa de reposición no ensino ao 10%, é dicir só unha praza de cada dez vacantes sairá a oposición, o que vai servir, con toda probabilidade, para que un ano máis non haxa oposición no ensino educativo e se continúe destruíndo emprego, malia a carencia de  profesorado que teñen os centros e a destrución de máis de 2.000 postos de traballo no ensino na Galiza nos últimos tres anos. Que dirá agora o Conselleiro de Educación, que xustificou a non convocatoria de oposicións neste ano aducindo que había un compromiso co Ministro de que, polo menos, a taxa de reposición para o ano 2013 sería de 20% e que polo tanto habería oferta de emprego público este ano?

Dende a Área Pública reiteramos a advertencia das graves consecuencias que esta decisión está tendo para os servizos públicos e para o seu mantemento, provocando o colapso da administración e dos servizos públicos, que xa están comezando a verse incapaces de atender ás demandas dos cidadáns e cidadás por falta de persoal.

A CIG, como denunciou en múltiples ocasións, advirte que tras desta medida agóchase a decisión do PP de ir adelgazando a administración, que non é outra cousa que abocar ao peche a certos servizos públicos porque non será posíbel atendelos e favorecer a privatizacións dos que sexan máis rendíbeis.

Na táboa da dereita podes consultar os recortes salariais dos últimos anos.

O anteproxecto de Orzamentos Xerais do Estado afonda no recorte de empregos e salarios

Volver