O 100% do persoal das Escolas Deportivas da Coruña secunda a folga parcial para reclamar condicións dignas
O 100% do persoal das Escolas Deportivas da Coruña secunda a folga parcial para reclamar condicións dignas
O 100% do cadro de persoal das Escolas Deportivas da Coruña (servizo adxudicado á empresa Serviplus) secundou este xoves a folga de tres horas convocada para reclamar a dignificación laboral e que o Concello respecte o compromiso para avanzar na mellora das condicións económicas e de traballo no seguinte prego da concesión.
Para visibilizar as súas reivindicacións, as traballadoras e traballadores sairón en manifestación dende as instalacións de Riazor até o Pazo de María Pita, onde durante unha hora fixeron unha exhibición das diversas actividades que imparten nas escolas deportivas.
Na súa protesta as 42 traballadoras e traballadores contaron co arroupe e a participación de numerosas usuarias e usuarios, xa que alén das demandas laborais, o persoal reclama tamén melloras nas instalacións deportivas municipais, a renovación dos materiais e equipamento ou que se realice un mantemento adecuado.
Salarios que non están acordes á formación requirida
“Pedimos dignificación e mellorar a calidade do servizo público que se dá á cidadanía”, aseverou o persoal no manifesto lido ao remate da mobilización, lembrando que os seus salarios e condicións de traballo non están á altura das titulacións superiores e a formación continua que se exixe para o acceso a estes postos. “As nosas táboas salariais, subliñaron, son as máis baixas de toda a ensinanza”.
Por iso, con esta xornada de folga e mobilización, quixeron denunciar o incumprimento por parte do Goberno municipal da promesa feita hai catro anos para avanzar, nas seguintes licitacións, na mellora laboral e das remuneracións, na redución da parcialidade, e na equiparación das distintas condicións que ten o persoal que realiza o mesmo traballo.
Porén, esa promesa quedou en papel mollado baixo a escusa de que “non hai cartos” e cun prego caducado dende o 15 de novembro e sen data de nova publicación, a empresa concesionaria, Serviplus, afonda nos seus incumprimentos, abonando os salarios fóra dos prazos marcados polo convenio de referencia e sen pagar os atrasos correspondentes aos anos 2024 e 2025.
Ante o evidente desinterese do Goberno da Coruña para atender ou sequera estudiar a táboa reivindicativa trasladada, ao persoal “non nos queda outro camiño que o da mobilización e a loita para que se recoñeza o valor e o traballo que desenvolvemos”. Porque como ben apuntaron no manifesto: “grazas a este servizo municipal conseguimos educar no deporte, mellorando a saúde a calidade de vida de case 4.000 persoas de todas as idades”.

