
Novo Real Decreto de Inspección educativa: o Ministerio non terá en conta as achegas sindicais
O novo texto leva meses dando voltas por diferentes organismos sen contraste sindical previo, o que evidencia o valor que o goberno estatal lle dá á negociación sindical
Na reunión da Mesa docente estatal que tivo lugar no día de hoxe, 14 de xaneiro, o Ministerio trouxo por fin un borrador de Real Decreto da Inspección educativa que, en varias versións, xa circulaba como borrador de traballo e que pasou polo Consello Escolar do estado no mes de xullo, o que levou a todas as organizacións sindicais con representación na Mesa, entre elas a CIG-Ensino, a denunciar o comportamento do Ministerio.
Finalmente só unha horas antes de se celebrar a reunión, o Ministerio remitiu un novo documento con cambios sen relevancia e que para nada entran nos temas centrais formulados pola parte sindical.
Na reunión, o Ministerio comunicou que o RD non se está a tramitar polo vía de urxencia e que, polo tanto, terá aínda un longo percorrido por diante, con todos os ditames preceptivos pendentes.
As alegacións da CIG-Ensino ao texto do borrador do RD foron as seguintes:
Como cuestión previa, desde a CIG-Ensino consideramos un erro que non se teña negociado até agora unha nova estrutura profesional do persoal docente, deseñando toda unha serie de cuestións que, desde unha perspectiva xeral, servise de base para, por exemplo, regular aspectos particulares como é o da Inspección educativa. Así, por exemplo, regular cambios nas oposicións (preguntas breves na primeira proba) ou niveis de complemento de destino debería partir dunha norma que afectase a todos os corpos docentes. O que se fai desde o Ministerio é xustamente o contrario: regúlanse aspectos sobre o acceso á Inspección, introdúcense cambios no sistema de oposicións, sen saber se estas medidas van condicionar ou non a nivel xeral.
Sobre o articulado do borrador, a CIG-Ensino achegou as seguintes consideracións.
Artigo 3.2. Exercicio da función inspectora.
A CIG-Ensino sempre se mostrou partidaria dunha estrutura dun único corpo docente na que foran as especialidades, en función das ensinanzas que imparten, as que fixen as diferenzas, partindo de que todo o profesorado debe formar parte do mesmo corpo, ou como mínimo, de se manteren os corpos, do subgrupo A1.
Dentro da carreira profesional, que desde a CIG consideramos debe ser horizontal no mesmo corpo ou subgrupo, non acreditamos que a inspección teña que conformar, cando menos en solitario, ese nivel máximo, ao supoñer relegar a función docente a un segundo plano.
Por outra parte, facer unha declaración de intencións como a que figura no texto (a diferenza dun primeiro texto que circulou con anterioridade á remisión por parte do Ministerio do borrador oficial e no que figuraba o nivel 28 en vez do 26 actual) de pouco ou nada serve, xa que os actuais grupos e niveis na función pública docente dependen, contra o criterio da CIG-Ensino, do Ministerio de Educación. Neste sentido, a CIG-Ensino vén demandando desde hai anos unha nova estrutura profesional na que todo o profesorado sexa do subgrupo A1 e na que se eleven os niveis actuais de todos os corpos. Nese marco ten sentido que afecte á Inspección.
Artigo 7. Atribucións da función inspectora
A participación da Inspección en órganos colexiados (claustros, consellos escolares) debe limitarse ás funcións que lle competen directamente, para informar ou ser informada.
En ningún apartado do texto do RD figura ningunha referencia ás obrigas ou requisitos que debe cumprir a inspección educativa no exercicio da súa función. Para garantir a independencia do corpo de Inspección e un correcto desenvolvemento das súas atribucións deben figurar aspectos como o rexistro documental de todas as indicacións e actuacións que se realicen ao respecto dos centros educativos (instrucións por escrito, informes das visitas, fundamentación legal, entre outras. Isto ben pode ser mediante a incorporación dun novo apartado (obrigas da Inspección educativa) ou como un novo apartado dentro deste artigo.
Artigo 9. Dependencia da Inspección educativa
A CIG-Ensino propón que as xefaturas de Inspección, ou postos equivalentes, se cubran por concurso de méritos respectando os principios de transparencia, igualdade, mérito e capacidade, evitando calquera mecanismo dirixista na selección (entrevista nos méritos ou libre designación).
Avogamos igualmente por fixar unha limitación na duración desta responsabilidade, propondo que sexa por un mandato, prorrogábel por un segundo, sempre e cando exista informe favorábel por parte dunha comisión ou consello no ámbito territorial correspondente.
Nesta norma convén regular, igualmente, que colectivos deben ter representación nesa comisión ou consello, sendo responsabilidade das diferentes administracións educativas desenvolver a súa conformación e características. Entre os colectivos debe figurar expresamente a representación da Xunta de persoal docente correspondente.
Artigo 13. Requisitos específicos para o acceso á Inspección.
A CIG-Ensino propón que se considere equivalente a efectos do acceso a este corpo a titulación acreditada para o ingreso no corpo docente desde o que se participa para formar parte da Inspección. Isto implica, por exemplo, que unha titulación de Grao, coa que se accede ao corpo de mestras e mestres, sería válida para presentarse, algo que nin a normativa actual nin o novo RD permiten.
Artigo 15. Sistema selectivo para o acceso ao Corpo de Inspección de Educación
Ao respecto da proposta de reservar un terzo das prazas para acceder mediante concurso de méritos a quen ocupase o posto de director ou directora durante tres mandatos, a CIG-Ensino considera que se debe ter en conta a regulación actual da promoción interna, que se realiza mediante o acceso por concurso oposición (A2-A1, A1-A1) ou por concurso (acceso a cátedras) pero non simultaneamente. Introducir no acceso á Inspección unha dualidade como a proposta implica unha incoherencia ao respecto do resto de promoción interna e unha presunción de que persoas con tres mandatos como director ou directora teñen un dereito ou mérito especial sobre as demais, mesmo con aquelas que desempeñan outros cargos da dirección dos centros. Por outro lado, non debemos esquecer que o cargo de director ou directora dos CIFP se adxudica por libre designación, o que aumenta o nivel de discriminación no acceso a esa reserva de prazas.
Por tanto, a CIG-Ensino propón a eliminación deste artigo.
Artigo 17. Convocatorias e porcentaxe máxima de inspección accidental
A CIG-Ensino non comparte que se fixe unha porcentaxe do 30% de inspección accidental para obrigar a convocar oposicións cada dous anos. Aínda non sendo, o de Inspección, un corpo que provoque directamente un incremento da temporalidade, si o provoca indirectamente xa que é preciso cubrir temporalmente os postos que deixan libres que acceden con carácter temporal á Inspección. Non debe superarse o 8% de inspectoras e inspectoras accidentais.
Artigo 25. Fase de prácticas.
A CIG-Ensino propón engadir un epígrafe c) ao apartado 3 no que se indique expresamente que as administracións educativas deberán regular tanto para a realización da fase de prácticas como para a súa repetición, caso de ser considerada non apta a persoa aspirante, a necesaria flexibilidade e adaptación temporal para completar esta fase, como mínimo, nos casos de incapacidade temporal, permisos relacionados coa crianza de fillos e fillas e de garda legal de familiares de primeiro grao.
Artigo 26. Inspección accidental
A CIG-Ensino propón que a única vía de acceso a postos de inspección accidental sexa mediante a vía de concurso de méritos, respectando os criterios de preferencia que figuran no resto do articulado (ter superado a fase de oposición do acceso á Inspección).
Artigo 28. Plans e actividades de formación
Como para o conxunto do profesorado, a CIG-Ensino considera que a formación debe formar parte da xornada laboral, polo que se debe incorporar unha referencia expresa, especialmente se esa formación ten carácter obrigatorio.
Artigo 32. Cualificación profesional da inspección educativa
Ao respecto da incorporación do apartado 4 neste artigo, referido á cualificación profesional, a CIG-Ensino entende que nin é o lugar oportuno nin lle corresponde a unha administración pública, sexa do ámbito que sexa, impulsar “foros de encontro” entre diferentes organizacións sindicais, para o que son estas as que teñen plena capacidade na toma de decisións. Outra cousa ben distinta sería que esas mesmas administracións colaborasen e desen o soporte necesario a aqueles foros de encontro que os sindicatos decidisen impulsar.
En todo caso, o que non debe aparecer en ningún caso é unha referencia a sindicatos da inspección educativa, xa que estes como calquera organización sindical participa nas eleccións sindicais nun único proceso (ás xuntas de persoal docente), polo que a Inspección educativa, como o conxunto do profesorado, xa ten garantidos foros de participación e debate coa representación legal das e dos docentes.
Con independencia de que isto non figure neste RD, é obvio que cada administración pode, de acordo cos sindicatos con representación en cada ámbito, acordar a creación de consellos, órganos consultivos ou calquera outra fórmula de “encontro e deliberación”, polo que reiteramos que non debe figurar.
Artigo 33. Coordinación entre a inspección das Administracións educativas
A CIG-Ensino solicita a retirada deste artigo ao considerar que os mecanismos de intercambio de experiencias, deliberacións e actualización profesional da Inspección educativa é competencia de cada administración educativa, existindo xa unha canle de formación de carácter estatal que pode cumprir esa función. A referencia final á “contribuír ao logro dos fins estabelecidos na LOE” compételle por un lado ás administracións educativas, para o que dispoñen de canles de coordinación territorial, e ao conxunto do profesorado, inspección educativa incluída.
Artigo 36. Comisións de servizo
A CIG-Ensino oponse totalmente a existencia de comisións de servizos para que persoal da Inspección educativa dunha comunidade poda ser colocada discrecionalmente noutra mediante ese sistema de provisión.
Existen as vías abondo para cubrir as necesidades en cada ámbito territorial (oposicións, inspección accidental) sen ter que recorrer a vías arbitrarias que van en detrimento do profesorado de cada comunidade autónoma.
Estamos, por suposto, totalmente de acordo con que a Inspección teña os mesmos dereitos que o resto do profesorado para acceder ás comisións de servizo que cada administración teña reguladas (por motivos de saúde, por exemplo) mais non deben existir outras modalidades.
Baremo de méritos
A CIG-Ensino considera infravalorada a experiencia do apartado 3.2.2. (0,10 puntos por ano en xefaturas de departamento, coordinacións...), xa que só representa unha quinta parte das xefaturas de estudos ou secretarías, cunha maior diferenza aínda coa experiencia como director ou directora (0,75). Como mínimo esa puntuación debe ser de 0,25 puntos por ano.
A valoración do tempo traballado con carácter accidental na Inspección aparece vinculada a que se accedese mediante convocatorias públicas. Demandamos que se faga mención expresa a que esas convocatorias deben cumprir os requisitos fixados no artigo 26, respectando os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade.
Anexo II. Competencias profesionais
A CIG-Ensino considera imprescindíbel que figure o coñecemento da lingua propia ou cooficial de cada comunidade autónoma nas convocatorias realizadas polas respectivas administracións nas que estas existan.
O Ministerio de Educación, en resposta ás diferentes intervencións, limitouse a informar de que todo o que ten a ver co posíbel recoñecemento dun nivel superior non depende de Educación senón de Función Pública e que por ese motivo non se fixa un nivel de complemento de destino superior ao actual. Igualmente aseguran que cuestións relacionadas coa porcentaxe de inspectoras e inspectoras accidentais poden ser revisados na futura tramitación pendente.