Novo pulso e provocación irresponsábel das patronais que se manteñen no involucionismo nas negociacións do XIII convenio estatal de educación infantil logo das dúas folgas en outubro
A CIG-Ensino volve rexeitara proposta da patronal na mesa negociadora do 2 de novembro, por manter a mesma liña miserenta que as anteriores, e fai un chamamento á unidade sindical para manter a presión nas dúas próximas folgas de novembro.
Na 11ª mesa “negociadora” celebrada o 02/11/23 (1ª logo das dúas folgas levadas a cabo no pasado mes de outubro pola parte social), do XIII convenio estatal de centros de asistencia e educación infantil etapa 0-3, as patronais do sector non só mantiveron o bloqueo das negociacións co seu inmobilismo e involucionismo, que levou ao conflito aberto no sector, senón que botaron un novo pulso á parte social facendo unha proposta miserenta coma as anteriores, tanto para centros de xestión directa (privados) coma para centros de xestión indirecta (públicos).
Para ver a nova proposta salarial pica no seguinte enlace :
NOVA PROPOSTA SALARIAL NOVEMBRO DE 2023
Ligado a estas táboas salariais, privadas e públicas, irían as seguintes propostas laborais do resto do articulado e adaptadas a cada tipo de xestión:
- Incapacidades temporais, recortando máis as compensacións ao 100%.
- Gratuidade por fillo/a, recortándoa ao 50% e só mentres sexa persoal laboral.
- Cláusula de descolgue salarial, recoller a que figura no convenio da concertada, que é máis restritiva
- Adaptación Reforma Laboral e novas normas en vigor, obrigado xa por lei.
Accede á proposta anterior feita pola patronal nesta LIGAZÓN.
A CIG-Ensino rexeitou esta actitude e resposta da patronal, especialmente logo das dúas folgas masivas levadas a cabo en outubro na Galiza, con moita diferenza as de maior participación de todo o Estado, nas que se lles esixía ás patronais un cambio de rumbo e desbloquear as negociacións, denunciando que este feito supón un novo e claro acto de provocación irresponsable cara o persoal traballador do sector.
A CIG-Ensino rexeitou enerxicamente esta proposta patronal por insuficiente, inxusta e inxustificada, ao querer seguir mantendo a precariedade salarial e afondar na involución de dereitos sociais e laborais do persoal traballador e máis logo do esforzo que fixeron na pandemia, que non se recoñece, así como a súa constante formación, responsabilidade e profesionalidade, que cada vez son maiores. Presentamos unha emenda á totalidade da súa proposta: ás cantidades, por miserentas e sen retroactividade nas de 2022 e 2023 ( con IPCs de máis do 10% acumulado, perdido que son máis de 100€/mes); ás diferencias tan grandes entre as dúas táboas ( xestión directa e indirecta), fomos a único sindicato que rexeitou, esixindo volver a diferencias históricas, de como moito 20/30€, e máis na Galiza cando toda esta ensinanza é de balde; ás dúas marchas nas táboas de xestión indirecta (menos perdendo xa dous anos 2022 e 2023, cando no 2021 só subiron o 3,1% e o IPC fora do 6,5%), que tampouco compartimos volvendo quedar sós, nas que a maioría ten novos pregos e cobrarían polas subas baixas ( as B, sen novos pregos, non tendo a suba grande ate 2026). Non pode ser que facendo o mesmo traballo haxa todas estas diferencias!
Ademais reivindicamos na mesa outros temas a negociar, que as traballadoras reivindican nas mobilizacións: a xornada ( lectiva e non lectiva como mínimo), licenzas e permisos ( favorecen a conciliación dos demais e onde está a súa...), melloras sociais como as excedencias,...
Desde o sindicato denunciamos que esta actitude das patronais é inaceptable e esiximos unha vez máis un cambio de rumbo ás patronais, instaladas no inmobilismo e involucionismo, coa finalidade de gañar tempo e alongar negociacións para evitar a retroactividade salarial no 2023, ademais das de 2021 e 2022 xa asumidas polo resto de OO.SS, nun claro acto de mala fe negociadora.
A CIG-Ensino, neste sentido, aposta por manter as dúas xornadas de folga do mes de novembro, días 8 e 15 facendo un chamamento aos demais sindicatos da mesa, e incrementar as mobilizacións no sector manténdolle o pulso á patronal, se esta segue negándose a recoñecer os dereitos das traballadoras e traballadores na seguinte mesa do 24 de novembro. A loita é o único camiño!
Por un marco galego de relacións laborais.
Desde a CIG-Ensino constatamos novamente que o único marco de negociación colectiva válido é o galego. A resposta tan maioritaria nas mobilizacións e na folga que houbo en Galiza, con respecto ao resto do estado, amosan novamente que para acadar un convenio digno a negociación ten que estar próxima aos centros de traballo, evitando un marco estatal que xa ten demostrado que só serve para retroceder en dereitos ou para acadar, no mellor dos casos, melloras absolutamente afastadas das demandas do persoal.
Dende a CIG-Ensino defendemos un Marco Galego de Negociación como única vía de negociación real, na que non se suplante as traballadoras e traballadores por cúpulas sindicais e patronais e onde se defendan os seus intereses, non se vendan e intercambien, sendo directamente o persoal que decida para poder dignificar o sector cun convenio galego xusto e digno.