Novo “amén” dos sindicatos maioritarios estatais á patronal do ensino concertado, asinando as táboas salariais de 2023 só para o persoal en pago delegado

A CIG-Ensino non só non cedeu a esta chantaxe patronal, senón que denuncia que non se acadasen melloras e se deixe tirado o resto de persoal sen pago delegado, máis cando todas as organizacións sindicais asinamos comunicados conxuntos neste sentido.

Despois de máis de 5 mesas “negociadoras” nun ano, con varios comunicados conxuntos de todos os sindicatos denunciando unha actitude patronal irresponsable e de mala fe negociadora; reivindicando asinar antes as táboas salariais de 2023, e que fose para todo o persoal traballador (desde fai un par de mesas negociadoras, asinar tamén as de 2024) agora cambian de rumbo. Os sindicatos maioritarios estatais (FSIE, USO e UGT, desta vez CCOO non asinou porque non lles facía falta) volven dicir “amén” ás patronais do sector, rubricando as táboas salariais de 2023 só para o persoal en pago delegado (en precario e sen recuperación de poder adquisitivo perdido), a cambio de prorrogarlle o VII convenio estatal un ano máis, nunha clara chantaxe patronal e sen acadar a parte social unha soa mellora real e significativa con este acordo. Ademais deixan tirado o persoal sen pago delegado (PAS, P.C... os máis precarios salarialmente), que está pendente de cobrar un 1% a maiores, do 2,5% asinado en 2023, debido aos dous incrementos do 0,5%, tal e como recollía o Acordo de “perdas” de 2022, pois a patronal quere aplicalo nas táboas de 2024, perdendo así os atrasos dese 1% de todo o ano 2023.

No ano 2021, CCOO, FSIE, USO e UGT asinaban o VII Convenio Colectivo co compromiso de crear “ grupos ou comisións de traballo” nas que se avanzase, desde aquel intre, en temas tan importantes como a xornada do persoal docente, a clasificación profesional, a desconexión dixital,... e neste tempo non se tratou ningún. Isto xa o denunciamos dende a CIG-Ensino ao asinarse dito convenio, que se trataba de vender fume atrasando negociacións importantes e demandadas polo persoal traballador, e non nos equivocamos en nada. Esta práctica xa se fixo en convenios anteriores e noutros sectores co mesmo resultado.

Ben, pois agora para esta prórroga do VII convenio, esixida pola patronal para asinar estas táboas de 2023 (que xa se estaban cumprindo agora en todas as CCAA co pago delegado, polo que non tiñan urxencia), revenden o mesmo fume cun acordo “envoltorio” no que din que van facer en un ano o que non fixeron en tres. Ademais venden como outro logro que a esmola dos 15€ para salarios base (SB) por debaixo do SMI, de traballadores/as con un ou máis trienios, prorrogarase para as táboas de 2024, permitindo que se sigan absorbendo trienios para poder chegar estas categorías máis baixas ao SMI e, por tanto, non ter subas. Agora si, cobrarán 15€ máis de SB que quen acabe de chegar á empresa. Desde a CIG-Ensino sempre esiximos, sendo os únicos, que o SB mínimo fose igual ao SMI. No acordo introdúcense temas obrigados a tratar por lei (LGTBI) pero ningunha mellora real das que demanda o persoal traballador.

Por último, a CIG-Ensino quere denunciar a actitude sectaria e contraria ao que debera ser a Negociación Colectiva por parte dos asinantes, sindicatos e patronais, das “Táboas salariais de 2023” e do “Acordo de prórroga do VII convenio” ao non facernos chegar os documentos asinados, motivo polo que facemos pública esta información sen asinar e con atraso, á espera a que nos chegara, pois neste sector non se tiña producido tal feito. Tense producido outro, que tampouco comparte a CIG, tal como non figurar os non asinantes nas actas finais de acordos, táboas ou mesmo convenios, que son as que se visualizan no BOE ou no DOG, nunha clara ocultación pública de quen disente ou non traga con todo.

CIG-Informa taboas salariais 2023 prorroga convenio ensino concertado

Documento


Volver