Novidades para determinados colectivos logo da posta en común da CIG-Ensino con Saúde Pública

Campaña de vacinación docente

Logo de varios escritos con incidencias na campaña de vacinacións remitidos pola CIG-Ensino á Dirección Xeral de Saúde Pública hoxe, luns 1 de marzo, a directora xeral interesouse polas solicitudes feitas polo sindicato, tomou nota de varias cuestións que foron xurdindo nestes últimos días e comprometeuse a facer as xestións pertinentes co Ministerio de Sanidade no que dependa dunha estratexia fixada a nivel estatal e a solucionar os problemas que lle trasladamos.

Esta é a información máis destacada:

PROFESORADO DE BAIXA POR IT DE LONGA DURACIÓN

Ante a posibilidade de que algún profesorado tarde tempo en incorporarse ou que a súa incorporación estea contraindicada pola incidencia da COVID dada a súa patoloxía, a CIG-Ensino considera que se debería adoptar algunha medida para que estas compañeiras se poidan vacinar antes da incorporación por alta médica. A directora xeral comunicounos que está previsto que se aprobe en breve a incorporación por parte do Ministerio de Sanidade á campaña de vacinación de persoas con determinadas patoloxías oncolóxicas, cardiovasculares ou con inmunodeficiencia. Concretarán máis cando se aprobe na Conferencia Territorial.

ALUMNADO DE GRAOS E MESTRADOS EN PRÁCTICAS

Logo de explicarlle a situación do colectivo, Saúde Pública confirmou que o alumnado en prácticas de 4º de Enfermaría e de 6º de Medicina si están a ser vacinados. Neste momento a estratexia fixada polo Estado se limita a prácticas sanitarias mais coa situación que describimos (analoxía con ese persoal de hospitais e nun colectivo como o docente no que hai vacinación xeral en marcha) a directora xeral comprometeuse a consultar co Ministerio a inclusión deste alumnado.

ESCOLAS INFANTÍS PÚBLICAS E PRIVADAS DE 0-3

O proceso vai ser igual ao que se fai coa Consellaría de Educación e é Política Social quen ten que enviar as listaxes de todos os centros. Advertimos, por tanto, a todas as escolas municipais públicas e as escolas privadas que contacten con Política Social ou co seu Concello para que fagan as xestións para ter todos os datos e poder remitirllos, cando corresponda, a Saúde Pública.

CENTROS DE MENORES

Logo do escrito no que criticamos que non se incluísen estes centros, comunicáronnos que xa está en vías de solución e que o seu persoal está sendo ou será vacinado en breve.

 

CIG

Desde a CIG-Ensino agardamos poder seguir mantendo esta comunicación con saúde pública para solucionar todas as cuestións, queixas e recomendacións que se nos trasladen nos locais do sindicato, nos propios centros docentes nos que seguimos facendo asembleas a diario ou tamén a través do correo electrónico:

vacinacion-docentes@cig-ensino.gal

Volver